Abrir o menú principal

Andrés Gaos Berea

compositor e violinista galego
(Redirixido desde "Andrés Gaos")

Andrés Gaos Berea, nado na Coruña o 31 de marzo de 1874 e finado en Mar del Plata o 13 de marzo de 1959, foi un compositor e violinista galego.

Andrés Gaos
AndrésGaos1926.gif
Andrés Gaos aos 52 anos (1926).
Nacemento31 de marzo de 1874
 A Coruña, Galiza Galiza
Falecemento13 de marzo de 1959 (84 anos)
 Mar del Plata, Flag of Argentina.svg Arxentina
NacionalidadeEspaña
Instrumento(s)Violín
www.andresgaos.com
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

Andrés Gaos amosou aptitudes musicais xa aos dez anos ao gañar un premio como violinista. En 1884 ingresou nun Centro Musical da Coruña. Posteriormente conseguiu unha bolsa da Deputación e trasladouse a Madrid para continuar os seus estudos no Conservatorio. En 1888 volveu á Coruña e conseguiu máis bolsas para realizar estudos en París e Bruxelas. En 1895 viaxou a América e dedicouse a dar clases de música en Buenos Aires e Montevideo. En 1896 casou coa cantante América Montenegro, coa que tivo cinco fillos, e fixaron a súa residencia principal en Buenos Aires, pero establecéndose durante períodos moi prolongados -ás veces de anos- en Francia por razóns das súas xiras de concertos. En 1917 divorciáronse e Andrés casou con Luisa Guillochon (alumna súa), coa que tivo tres fillos.

A súa actividade, a partir de 1930, desenvolveuse fundamentalmente na Arxentina, aínda que en ocasións visitou a súa cidade natal para ofrecer algún concerto. Contra 1899 publicou obras para canto e piano e unha habanera para violino e piano. Entre 1912 e 1916 compuxo un bo número de cancións, unha das cales foi premiada pola Asociación Wagneriana de Buenos Aires. En 1916 obtivo un premio en Tucumán-lugar onde transcorre a acción da súa única ópera, Amor vedado- pola música e letra do himno oficial do Centenario da Independencia Arxentina. En 1917 compuxo Elegía para piano e violín, dedicada ao seu amigo Pau Casals que nunca a interpretou. A súa última actuación na Coruña foi en 1927. Entre outras composicións incluíu dúas obras del, entre elas a Danza arxentina nº 3, que acadou un grande éxito.

ObraEditar

Como compositor, destacan obras como a Sinfonía nº 2 En las montañas de Galicia, Crepúsculo en la Alhambra, Aires gallegos, Impresión nocturna, Miniaturas, Tormenta, Marcha fúnebre, Sonata opus 37, a xota para piano Lieder e a ópera Amor vedado, Allegro para Violín e Orquestra, Opus 24, Sinfonía en la menor (en tres movementos), Humoresca para violonchelo e piano, Romanza para Violino e Piano, Impresión Nocturna. Ademais, dirixiu en varias ocasións as orquestras sinfónicas de Berlín, París, Roma e Milán.

Algunhas destas obras están gravadas en disco pola Orquestra Sinfónica de Galicia, baixo a dirección de Víctor Pablo Pérez, quen ten estreado a práctica totalidade da obra orquestral e lírica de Andrés Gaos.

Fixéronse varios arranxos de obras súas como por exemplo o do segundo movemento da súa Sinfonía nº 2 para banda, levado a cabo polo músico Hernán Naval Parapar, de 'Rosa e Abril' para voz e piano e para coro, realizadas polo seu fillo Andrés Gaos Guillochón e por Ramiro Cartelle a partir da xota para piano Lieder, ou do Allegro para violín e orquestra (Fantasía para violino e orquestra, Xunta de Galicia) que elaborou Joam Trillo, revisor e adaptador tamén de Impresión nocturna, Amor vedado e outras grandes obras de Gaos.

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • SOTO VISO, Margarita y Xoán M. Carreira, "Dos piezas para violonchelo y piano de Andrés Gaos Berea (1874-1959)", en Revista de Musicología, Vol. 6, No. 1/2 (xaneiro-decembro 1983), pp. 521-528
  • ANDRADE Malde, Julio, "Las canciones con texto en francés de Andrés Gaos", en Nassarre nº 3,1 (1987)
  • CARREIRA, Xoán M., "Aproximación crítica al músico Andrés Gaos (1874-1959)" en Revista Galega da Comisión do Quinto Centenario, vol. 7, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, 1990, pp 231-313.
  • CARREIRA, Xoán M., Hermana, seme fiel o muere. Soy un soldado de Rosas, en Mundoclasico.com (14 de outubro de 2009)
  • CARREIRA, Xoán M., Andrés Gaos & The invention of tradition (1). Lieder para piano op póstumo, en Mundoclasico.com (24 de maio de 2019)
  • CARREIRA, Xoán M., Andrés Gaos & The invention of tradition (2)Rosa de Abril, en Mundoclasico.com (31 de maio de 2019)
  • CARREIRA, Xoán M., Andrés Gaos & The invention of tradition (3) Del uso de las cuartetas en la musicología creativa en Mundoclasico.com (7 de xuño de 2019)
  • PÉREZ Fernández, Julián Jesús (coord.), "Andrés Gaos Berea: un achegamento á súa figura e á súa Música", Universidade da Coruña, A Coruña, 2012
  • PAINCEIRA Luaces, Vanesa, "La revalorización de la figura de Andrés Gaos en Galicia" en Boletín DM nº 18 (2014), pp 7-17

Ligazóns externasEditar