André Téchiné

André Téchiné, nado en Valence-d'Agen o 13 de marzo de 1943, é un director de cinema e guionista francés. Ten unha longa e recoñecida carreira que o situou entre os máis destacados directores franceses da post-Nouvelle Vague. Téchiné pertence á segunda xeración de críticos asociados con Cahiers du cinéma.

André Téchiné
André Téchiné Cabourg 2018.jpg
Nacemento13 de marzo de 1943
 Valence
NacionalidadeFrancia
Alma máterInstitut des Hautes Études Cinématographiques
Ocupaciónguionista, director de cinema, crítico de cinema e actor
PremiosPrémio Louis-Delluc, César de melhor filme, César de melhor argumento original ou adaptação, César de melhor realizador e Los Angeles Film Critics Association Award for Best Foreign Language Film
editar datos en Wikidata ]

TraxectoriaEditar

André Téchiné naceu nunha pequena localidade da rexión de Midi-Pyrénées, no department de Tarn-et-Garonne.[1] A súa familia, de orixe española, posuía un pequeno negocio de equipamentos agrícolas.[1] Creceu no campo no suroeste de Francia e na súa adolescencia comezou a súa paixón polo cinema. De 1952 a 1959 asistiu a unha escola católica de Montauban.[1] Só podía saír da escola os domingos pola tarde, cando ía ao cinema, aínda que ás veces tiña que regresar antes de que acabase o filme. En 1959 pasou a unha escola pública, e alí foi exposto a outras culturas, con mestres de ideoloxía marxista, un cineclub e unha revista cinematográfica, La Plume et l'écran, en que participou.[1] "Os filmes eran a miña única apertura ao mundo",[2] dixo Téchiné. "Eran a miña única posibilidade de escapar do ambiente familiar e do internado. Probablemente era perigoso porque, a través dos filmes, aprendín como funciona o mundo e as relacións humanas. Mais era máxico, e eu estaba decidido a seguir o fío desa maxia".[2]

Aos dezanove anos mudouse a París para seguir unha carreira como cineasta.[1] Suspendeu o exame de acceso á principal escola de cinema de Francia,[1] mais comezou a escribir críticas para Cahiers du cinéma, onde traballou catro anos (1964–1967).[1] O seu primeiro artigo, sobre La peau douce, de François Truffaut, publicouse en xullo de 1964.[1]

A primeira experiencia de Téchiné na dirección chegou no teatro.[3] Pasou despois a ser axudante de director de Marc'O en Les Idoles (1967), versión cinematográfica dunha obra experimental.[3] O filme foi montado por Jean Eustache; Téchiné fixo unha pequena aparición sen acreditar no filme de Eustache La Maman et la putain (1972).[4] Téchiné foi tamén axudante de director de Jacques Rivette (o seu editor en Cahiers du Cinema) en L'amour fou (1969).[5]

CaracterísticasEditar

Téchiné Destaca polos seus filmes elegantes e cargados emocionalmente que con frecuencia indagan na complexidade e nas emocións da condición humana. Un aroma intimista impregna a súa obra. Unha das marcas de Téchiné é o exame lírico das relacións humanas dun xeito sensible, mais non sentimental.

Influído por Roland Barthes, Bertolt Brecht, Ingmar Bergman, William Faulkner e a Nouvelle Vague, a orixinalidade de Téchiné xace na súa exploración sutil da sexualidade e da identidade nacional, mentres desafía as expectativas nas súas representacións das relacións homosexuais, as dimensións norteafricanas da cultura francesa contemporánea, e a relación centro-periferia entre París e o seu suroeste nativo.[6] Tímido e de aspecto ascético, Téchiné non opina sobre temas políticos e raras veces aparece na televisión.[2] O seu medo a voar evita que asista a moitas das súas estreas ou aos festivais que están a máis dunha viaxe en tren do seu piso con vistas ao xardín de Luxemburgo.[2]

"Nunca sei como rematará cada filme", dixo Téchiné. "Cando rodo, filmo cada escena coma se fose unha curtametraxe. É só cando monto cando me preocupo pola narración. O meu obxectivo é contar unha historia, mais iso é a última cousa que fago".[2]

FilmografíaEditar

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Marshall, André Téchiné, p. 2
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Riding, Finding Cinematic Gold, New York Times, 29 de decembro de 1996.
  3. 3,0 3,1 Marshall, André Téchiné, p. 4
  4. Marshall, André Téchiné, p. 5
  5. Marshall, André Téchiné, páx. 3
  6. Marshall, André Téchiné, cuberta traseira

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Armstrong, Richard; Charity, Tom; Hughes, Lloyd; Winter, Jessica. The Rough Guide to Film, Rough Guides. ISBN 978-1-84353-408-2
  • Jones, Kent. André Téchine. La Estrategia de la Tensión, 42 Semana Internacional de Cine, Valladolid ISBN 84-87737-23-4
  • Kael, Pauline. "Lion-Hearted Women", Review of French Provincial (Souvenirs d'en France), The New Yorker, 1 de marzo de 1976, tamén no libro When the Lights Go Down
  • Marshall, Bill. André Téchiné, Manchester University Press, 2007, ISBN 0-7190-5831-7
  • Milicia, Joseph. Téchiné, André en International Dictionary of Films and Filmmakers. Vol. 2: Directors. St. James Press, 2001. ISBN 1-55862-477-5
  • Rees-Roberts, Nick, French Queer Cinema, Edinburgh University Press, 2008, ISBN 0-7486-3418-5
  • Gale Reference Team, "André Téchiné", Contemporary Authors, Gale-Thomson
  • Philippon, Alain, André Téchiné, Difussion Seuil,1988, ISBN 2-86642-066-7
  • Riding, Alan. Finding Cinematic Gold in the Dysfunctional Family, The New York Times, 29 de decembro de 1996
  • White, Armond. "Strange Gifts: Andre Techine Remakes the Melodrama," Film Comment, xullo/agosto de 1995

Ligazóns externasEditar