Analoxía do reloxeiro

A analoxía do reloxeiro ou argumento do reloxeiro é un argumento teleolóxico que afirma, por medio dunha analoxía, que a existencia dun deseño implica a existencia dun deseñador. A analoxía establécese entre un reloxo (ou outro aparato complexo) e os sistemas naturais, como o corpo dos seres vivos ou o universo enteiro. Esta analoxía exerceu un importante papel en teoloxía natural e o "argumento a partir do deseño", onde foi utilizado para apoiar argumentos en favor da existencia de Deus e do deseño intelixente do universo, tanto no cristianismo coma no deísmo.

Isaac Newton, entre outros líderes da revolución científica, incluíndo René Descartes, sostiña "que as leis físicas que el descubriu revelaban que a perfección mecánica do funcionamento do universo era similar a un reloxo, polo que o reloxeiro é Deus."[1]

A publicación en 1859 da teoría de Charles Darwin da selección natural propuxo unha explicación da complexidade e a adaptación, o cal reflicte o consenso científico sobre as orixes da diversidade biolóxica.[2] Para algúns, isto proporciona un contraargumento á analoxía do reloxeiro: por exemplo, o biólogo evolutivo Richard Dawkins fixo referencia á analoxía no seu libro de 1986 The Blind Watchmaker (O reloxeiro cego) dando a súa explicación da evolución. Outros, porén, consideran que a analoxía do reloxeiro é compatible coa creación evolutiva, e opinan que os dous conceptos non son mutuamente excluíntes. No século XIX, os deístas, que defendían a analoxía do reloxeiro, mantiñan que a teoría de Darwin concordaba co "principio do uniformismo, a idea de que todos os procesos no mundo ocorren agora igual que ocorreron no pasado" e que a evolución deísta "proporcionou unha armazón explicativa para entender a variación das especies nun universo mecánico."[3]

No caso dos Estados Unidos, a partir da década de 1960, os creacionistas revitalizaron versións do argumento para discutir así os conceptos de evolución e selección natural, e hobo un renovado interese no argumento do reloxeiro. A afirmación máis famosa deste argumento teleolóxico que usa a analoxía do reloxeiro fíxoa William Paley no seu libro de 1802 Natural Theology or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity (Teoloxía natural ou probas da existencia e atributos da deidade).[4]

Historia editar

Revolución científica editar

A revolución científica "alimentou unha crecente conciencia" de que "había leis universais da natureza en funcionamento que ordenaban o movemento do mundo e as súas partes." James K. A. Smith e Amos Yong escribiron que en "astronomía, a revolución copernicana referido ao heliocentrismo do sistema solar, as tres leis de Johannes Kepler (1571–1630) do movemento planetario, e a lei de Isaac Newton (1642–1727) da gravitación universal (leis da gravitación e do movemento, e nocións do espazo absoluto e o tempo) todos combinados para establecer as regularidades dos corpos terráqueos e celestes." Con este pano de fondo, os "deístas suxeriron que a analoxía do reloxeiro: igual que os reloxos son postos en movemento polos reloxeiros, despois do cal operan de acordo cos seus mecanismos preestablecidos, así que o mundo empezou con Deus como creador, despois do cal este e todas as súas partes operan de acordo coas súas leis naturais preestablecidas. Con estas leis en perfecto funcionamento, os eventos foron desenvolvéndose de acordo co plan prescribido."[3] Para Isaac Newton, "o movemento regular dos planetas fai que sexa razoable crer na continuada existencia de Deus."[5] Newton tamén sostiña a idea de que "como un reloxeiro, Deus estaba forzado a intervir no universo e axustar o mecanismo de cando en vez para asegurarse que continúa operando en bo funcionamento." Como Newton, René Descartes consideraba "o cosmos como unha gran máquina do tempo que funcionaba segundo leis fixadas, un reloxo creado e dado corda polo gran reloxeiro."[1]

William Paley editar

Os reloxos foron utilizados como exemplos de tecnoloxía complicada en discusións filosóficas. Por exemplo, Cicerón, Voltaire e René Descartes utilizaron reloxos en argumentos sobre o propósito. A analoxía do reloxeiro, como se describiu aquí, foi utilizada por Bernard le Bovier de Fontenelle en 1686,[6] pero fíxose famosa coa formulación de William Paley.

Paley utilizou a analoxía do reloxeiro no seu libro Natural Theology, or Evidences of the Existence and Attributes of the Deity collected from the Appearances of Nature, publicado en 1802. Nel, Paley escribiu que se se encontra un reloxo de peto nun páramo, é moi razoable asumir que alguén o deixou alí e que foi feito por un reloxeiro, non por forzas naturais:

 
William Paley
Ao cruzar un páramo, supoñamos que o meu pé topa cunha pedra, e me preguntasen como a pedra chegou alí; probablemente podería responder, que, polo que sei, esta estivera alí desde sempre: e non sería quizais moi fácil mostrar o absurdo desta resposta. Pero supoñamos que encontrei un reloxo no chan, e me preguntasen como é que chegou a ese lugar; dificilmente debería pensar na resposta que dera antes, que polo que sei, o reloxo puido estar sempre alí. ... Tería existido, nalgún momento e lugar ou outro, un artesán ou artesáns, que formou [o reloxo] para o propósito para o que encontramos que realmente responde; que concibiu a súa construción e deseñou o seu uso. ... Cada sinal de ser un invento, cada manifestación de deseño, que existía no reloxo, existe nos traballos da natureza; coa diferenza, no caso da natureza, de seren maiores ou máis grandes, e nun grao que excede todo cálculo.
In crossing a heath, suppose I pitched my foot against a stone, and were asked how the stone came to be there; I might possibly answer, that, for anything I knew to the contrary, it had lain there forever: nor would it perhaps be very easy to show the absurdity of this answer. But suppose I had found a watch upon the ground, and it should be inquired how the watch happened to be in that place; I should hardly think of the answer I had before given, that for anything I knew, the watch might have always been there. ... There must have existed, at some time, and at some place or other, an artificer or artificers, who formed [the watch] for the purpose which we find it actually to answer; who comprehended its construction, and designed its use. ... Every indication of contrivance, every manifestation of design, which existed in the watch, exists in the works of nature; with the difference, on the side of nature, of being greater or more, and that in a degree which exceeds all computation.
William Paley. Natural Theology (1802)

Paley seguiu argumentando que as complexas estruturas das cousas vivas e as salientables adaptacións de plantas e animais necesitaban da existencia dun deseñador. Cría que o mundo natural era a creación de Deus e mostraba a natureza dun creador. Segundo Paley, Deus deseñou coidadosamente "incluso aos máis humildes e insignificantes organismos" e todas as súas diminutas características (como as ás e as antenas das cadelas de frade). El cría, por tanto, que Deus debe coidar incluso máis pola humanidade.

Paley recoñeceu que hai grandes sufrimentos na natureza e que a natureza parece ser insensible á dor. A súa maneira de reconciliar iso coa súa crenza nun Deus benevolente era asumir que na vida hai máis pracer que dor.

Joseph Butler editar

William Paley explicou nas súas clases as obras de Joseph Butler e parece que construíu sobre os argumentos de deseño de Butler de 1736 a inferencia de existir un deseñador a partir das probas de deseño. Butler sinalou: "Como as múltiples aparencias de deseño e de causas finais na constitución do mundo proban que este é o traballo dunha mente intelixente ... As aparencias de deseño e de causas finais na constitución da natureza que realmente proban que este axente actuante é un deseñador intelixente... dez mil exemplos de deseño, non poden se non que probar [a existencia de] un deseñador.".[7]

Jean-Jacques Rousseau editar

Rousseau tamén mencionou a hipótese do reloxeiro. Escribiu o seguinte no seu libro de 1762 o Emilio:

Eu son como un home que ve o funcionamento dun reloxo por primeira vez; nunca cansa de admirar o mecanismo, aínda que el non coñeza o uso do instrumento e nunca tivese visto a súa esfera. Non sei para o que é, di el, pero eu vexo que cada parte del está adecuada ao resto, admiro o traballador nos detalles do seu traballo, e estou bastante seguro de que todas estas rodas só funcionan en conxunto desta maneira para algún fin común que non podo percibir. Comparemos os fins especiais, os medios, as relacións ordenadas de cada tipo, despois escoitemos a voz interior do sentimento; qué mente sa pode rexeitar esta evidencia? A menos que os ollos estean cegados polo prexuízo, poden deixar de ver que a orde visible do universo proclama unha intelixencia suprema? Que sofismas deben xuntarse antes de que deixemos de entender a harmonía da existencia e a marabillosa cooperación de cada parte para o mantemento do resto? [8]

Críticas editar

David Hume editar

David Hume (1711-1776) ofreceu varios das máis memorables críticas filosóficas á analoxía do reloxo formulada primeiramente por diversos autores e posteriormente por Paley, antes de que se desenvolvese a teoría de Darwin da evolución. As súas críticas poden dividirse en tres grandes aspectos:

A súa primeira obxección é que non temos a experiencia da construción do mundo. Hume salientou o feito de que cando dicimos que coñecemos a causa de algo, estamos derivando inducións a partir de experiencias previas de obxectos similares creados ou que temos visto nós mesmos como o propio obxecto é creado. Por exemplo, co reloxo, sabemos que tivo que ser creado por un reloxeiro porque podemos observar como o fabrican e comparalo coa fabricación doutros reloxos ou obxectos similares para deducir que son causas similares na súa creación. Porén, argumenta que non temos experiencia da creación do universo ou de calquera outra creación de universos para compararmos o noso propio universo e nunca a teremos; por tanto, sería ilóxico inferir que o noso universo foi creado por un deseñador intelixente da mesma maneira que o é un reloxo.[9]

A segunda crítica que ofrece Hume é sobre a propia forma do argumento como unha analoxía. Un argumento analóxico afirma que como o obxecto X (un reloxo) é como o obxecto Y (o universo) nun aspecto, ambos os dous son, por tanto, probablemente similares noutro aspecto oculto (a súa causa, ao seren creados por un deseñador intelixente). Sinala que para que un argumento desde a analoxía sexa exitoso, as dúas cousas que deben ser comparadas teñen que ter un número adecuado de semellanzas que son relevantes con respecto ao que son analoxizadas. Por exemplo, un gato e un león poden ser moi similares en moitos aspectos, mais só porque o león emite "ruxidos", non sería correcto inferir que un gato tamén "roxe": as semellanzas entre os dous obxectos non son similares dabondo e o grao de relevancia dos sons que fan non é o bastante relevante. Hume despois argumenta que o universo e un reloxo tampouco teñen suficiente relevancia ou estreitas semellanzas para inferir que ambos foron creados da mesma maneira. Por exemplo, o universo está feito de material natural orgánico, pero o reloxo está feito de materiais mecánicos artificiais metálicos. El afirma que no mesmo sentido, podería arguírse que o universo é máis análogo a algo máis orgánico como un vexetal (no cal podemos observar por nós mesmos que non necesita un 'deseñador' ou un 'reloxeiro' para ser creado). Aínda que admite que a analoxía dun universo e un vexetal parece ridícula, di que é igual de ridículo establecer a analoxía entre o universo e un reloxo.[10]

A terceira crítica que formula Hume é que mesmo se o argumento proporciona realmente a proba da existencia dun deseñador; aínda non proporciona probas do tradicional Deus 'omnipotente' e 'benevolente' do teísmo cristián tradicional. Unha das principais asuncións do argumento de Paley é que 'similares efectos teñen similares causas'; ou que as máquinas (como o reloxo) e o universo teñen características similares de deseño e así ambos os dous teñen tamén a mesma causa da súa existencia: ambos deben ter un deseñador intelixente. Porén, Hume sinala que o que Paley non comprende é en que medida se estenden as 'causas similares': en que grao é similar a creación dun universo á creación dun reloxo. En vez disto, Paley chega directo á conclusión de que o seu deseñador do universo é o 'Deus' do cristianismo tradicional no que el cre. Porén, Hume colle a idea das 'causas similares' e indica algúns absurdos potenciais do lonxe ao que se pode levar a extensión da 'semellanza' destas causas se o argumento fose tomado máis alá para explicar isto. Un exemplo que el utiliza é como unha máquina ou un reloxo é xeralmente deseñado por un equipo de persoas en lugar de por unha soa persoa. Seguramente, se estamos facendo a analoxía entre os dous deste xeito, sinalaría que habería un grupo de deuses que creou o universo en vez dun só ser. Outro dos exemplos que el utilizou é que as máquinas complexas son xeralmente o resultado de moitos anos de ensaio e erro e cada nova máquina é unha versión mellorada da anterior. Ademais por analoxía de ambos, acaso non insinuaría que o universo podería tamén ser só un dos moitos 'ensaios' de Deus e que existen outros universos moito mellores por aí? Porén, se iso se tomase como certo, seguramente o 'creador' de todo iso non sería 'benevolente' e 'todopoderoso' se eles levasen a cabo o proceso de 'ensaio e erro' cando crearon o universo?[11]

Hume tamén sinala que hai aínda a posibilidade de que o universo puidese ser creado por unha casualidade aleatoria pero aínda así mostrase evidencias de deseño, xa que o universo é eterno e tería un tempo infinito para converterse nun universo tan complexo e ordenado como o noso. El denominou isto 'hipótese epicúrea'. Argumentou que cando o universo foi inicialmente creado, o universo era aleatorio e caótico, pero se o universo é eterno, nun período ilimitado de tempo, as forzas naturais podían 'evolucionar' naturalmente por medio de partículas aleatorias que se xuntan co tempo no sistema incriblemente ordenado que podemos observar hoxe sen a necesidade de que teña que haber un deseñador intelixente como explicación.[12]

Charles Darwin editar

 
Charles Darwin en 1880

A teoría evolutiva de Charles Darwin proporciona outra explicación ao 'deseño' que se observa nos seres vivos.

Cando Darwin completou os seus estudos de teoloxía no Christ's College, Cambridge en 1831, leu o libro de Paley Natural Theology e creu daquela que era unha proba racional da existencia de Deus, debido a que os seres vivos mostraban unha complexidade e estaban exquisitamente adaptados aos seus lugares nun mundo feliz.

Posteriormente, na viaxe do Beagle, Darwin encontrou que a natureza non era tan benévola, e que a distribución das especies non apoiaba a idea dunha creación divina. En 1838, pouco despois do seu regreso, Darwin concibiu a súa teoría de que a selección natural e non o deseño divino, era a mellor explicación do cambio gradual nas poboacións ao longo de moitas xeracións. Publicou a teoría en A orixe das especies en 1859, e en posteriores edicións, indicou as respostas que recibira:

Dificilmente pode supoñerse que unha teoría falsa explicaría, de maneira tan satisfactoria como o fai a teoría da selección natural, as varias grandes clases de feitos arriba especificados. Recentemente obxectouse que isto é un método inseguro de argumentar; mais é un método usado para xulgar os acontecementos comúns da vida, e foi utilizado a miúdo polos máis grandes filósofos naturais... Non vexo ningunha boa razón pola que as ideas usadas neste volume debesen abanear os sentimentos relixiosos de calquera. É satisfactorio, xa que mostra o transitorias que son esas impresións, lembrar que o maior descubrimento nunca feito polo home, concretamente a lei da atracción da gravidade, foi tamén atacada por Leibnitz, "como subversiva da relixión natural e revelada inferencialmente." Un autor celebrado e divino escribiume que "el aprendera gradualmene a ver que é unha concepción igual de nobre da Deidade crer que El creou unhas poucas formas orixinais capaces de autodesenvolverse noutras formas necesarias, como crer que El requiría un acto novo de creación para suplir os baleiros causados pola acción das Súas leis."
It can hardly be supposed that a false theory would explain, in so satisfactory a manner as does the theory of natural selection, the several large classes of facts above specified. It has recently been objected that this is an unsafe method of arguing; but it is a method used in judging of the common events of life, and has often been used by the greatest natural philosophers ... I see no good reason why the views given in this volume should shock the religious feelings of any one. It is satisfactory, as showing how transient such impressions are, to remember that the greatest discovery ever made by man, namely, the law of the attraction of gravity, was also attacked by Leibnitz, "as subversive of natural, and inferentially of revealed, religion." A celebrated author and divine has written to me that "he has gradually learnt to see that it is just as noble a conception of the Deity to believe that He created a few original forms capable of self-development into other and needful forms, as to believe that He required a fresh act of creation to supply the voids caused by the action of His laws."
Charles DarwinThe Origin of Species (1859)

Darwin repasou as implicacións dos seus descubrimentos na súa autobiografía:

Aínda que non pensei moito sobre a existencia dun Deus persoal ata un período considerablemente posterior na miña vida, expoñerei aquí a vaga concusión á cal fun conducido. O vello argumento do deseño na natureza, como o dado por Paley, que anteriormente me parecía tan concluínte, falla, agora que se descubriu a lei da selección natural. Xa non podemos argumentar que, por exemplo, a fermosa charnela da cuncha dun bivalvo debeu ser feita por un ser intelixente, como a bisagra dunha porta polo home. Parece non haber máis deseño na viabilidade dos seres orgánicos e na acción da selección natural, que na dirección na que sopra o vento. Todo na natureza é o resultado de leis fixas.
Although I did not think much about the existence of a personal God until a considerably later period of my life, I will here give the vague conclusions to which I have been driven. The old argument of design in nature, as given by Paley, which formerly seemed to me so conclusive, fails, now that the law of natural selection has been discovered. We can no longer argue that, for instance, the beautiful hinge of a bivalve shell must have been made by an intelligent being, like the hinge of a door by man. There seems to be no more design in the variability of organic beings and in the action of natural selection, than in the course which the wind blows. Everything in nature is the result of fixed laws.
Charles DarwinThe Autobiography of Charles Darwin 1809–1882. Coas omisións orixinais restauradas.

A idea de que a natureza foi gobernada por leis era xa común, e en 1833, William Whewell como propoñente da teoloxía natural que Paley inspirara escribira que "con respecto ao mundo material, podemos polo menos ir máis lonxe; podemos percibir que os eventos non son producidos por interposicións illadas do Divino poder, exercidas en cada caso particular, senón polo establecemento de leis xerais."[13] Darwin, que falou de "leis fixas" coincidiu con Whewell, escribindo na súa segunda edición de A orixe das especies:[14]

Hai unha grandeza nesta visión da vida, cos seus varios poderes, que foron orixinalmente infundidas polo Creador en varias formas ou nunha, e que, mentres este planeta estivo dando voltas de acordo coas leis fixas da gravidade, desde un inicio tan simple infinitas formas máis fermosas e marabillosas evolucionaron e están evolucionando.
There is grandeur in this view of life, with its several powers, having been originally breathed by the Creator into a few forms or into one; and that, whilst this planet has gone cycling on according to the fixed law of gravity, from so simple a beginning endless forms most beautiful and most wonderful have been, and are being, evolved.
Charles DarwinThe Origin of Species (1860)

No tempo en que Darwin publicou a súa teoría, os teólogos do cristianismo liberal estaban xa apoiando esas ideas, e ao final do século XIX, a súa visión modernista era predominante en teoloxía. En ciencia, a teoría da evolución que incorporaba a selección natural de Darwin chegou a ser completamente aceptada.

 
Richard Dawkins

Richard Dawkins editar

No seu libro The Blind Watchmaker (O reloxeiro cego), Richard Dawkins argumenta que a analoxía do reloxeiro combina a complexidade que se observa nos organismos vivos que poden reproducirse por si mesmos (e poden causar que a súa complexidade aumente co tempo) coa complexidade de obxectos inanimados, incapaces de transmitir ningún cambio reprodutivo (como as moitas partes dun reloxo fabricado). A comparación vense abaixo debido a esta importante distinción.[15]

Nun episodio da serie da BBC Horizon, tamén titulado The Blind Watchmaker, Dawkins describiu o argumento de Paley como "tan errado coma elegante". En ambos os contextos, di que Paley fai a mesma proposta incorrecta en canto á solución de certo problema, pero Dawkins non é irreverente con el. No seu ensaio The Big Bang, Steven Pinker discute o tratamento que fai Dawkins do argumento de Paley, e engade: "Os biólogos hoxe non están en desacordo coa formulación de Paley do problema. Só están en desacordo coa súa solución."

No seu libro The God Delusion, Dawkins argumenta que a vida foi o resultado de complexos procesos biolóxicos. Elabora o argumento de que a comparación da afortunada construción dun reloxo é errada porque os defensores da evolución non consideran que esta sexa "afortunada". En vez de falaren de fortuna ou sorte, consideran que a evolución da vida humana é o resultado de miles de millóns de anos de selección natural. Dawkins conclúe que a evolución é un xusto contendente para substituír a Deus no papel de reloxeiro.

Ademais, argumenta que a creación polo reloxeiro do reloxo implica que o reloxeiro debe ser máis complexo que o reloxo. O deseño faise desde arriba a abaixo, alguén ou algo máis complexo deseña algo menos complexo. Seguir a liña cara a arriba demanda que o reloxo fose deseñado por un reloxeiro (necesariamente máis complexo), e o reloxeiro debe, pois, ser creado por un ser máis complexo ca el. Así a pregunta convértese en quen deseñou ao deseñador? Dawkins argumenta que: (a) esta liña continuaría ata o infinito, e (b) isto non explica nada.

A evolución, por outra parte, vai desde abaixo a arriba; explica como pode orixinarse máis complexidade gradualmente ao acumular ou combinar complexidades menores.

En resposta a esas afirmacións, Nathan Schneider escribiu, "Paley morreu décadas antes de que fose publicada A orixe das especies, e desde entón as súas ideas téñense posto tan repetidamente en oposición ás de Darwin que Richard Dawkins titulou un dos seus libros sobre evolución The Blind Watchmaker (O reloxeiro cego). Porén, un exame detido do propio pensamento de Paley revela un Deus que actúa por medio das leis da natureza, non alén delas como o deseñador dos modernos teóricos do deseño intelixente. Paley non poñía obxeccións a que as especies cambiasen co tempo. E só no clima de cultura de guerra cultural ou ideolóxica de hoxe non importa decatarse de que un dos antecesores da teoría do deseño intelixente podería sentirse perfectamente confortable coa evolución."[16]

Uso do argumento polos creacionistas actuais editar

A inicios do século XX, a teoloxía modernista de alta crítica foi contestada nos Estados Unidos polos literalistas bíblicos, que fixeron campañas inicialmente exitosas contra a ensinanza da evolución e empezaron a autodenominarse creacionistas na década de 1920. Cando a ensinanza da evolución foi reintroducida nas escolas públicas na década de 1960, eles adoptaron a denominación de ciencia da creación cuxo concepto central era o deseño en termos similares aos do argumento de Paley. Esa idea foi despois redenominada deseño intelixente, que presenta a mesma analoxía como un argumento contra a evolución por selección natural sen afirmar explicitamente que o "deseñador intelixente" é Deus. O argumento desde a complexidade dos organismos biolóxicos era entón presentada co nome de argumento da complexidade irreducible,[17] cuxo partidario máis notable foi Michael Behe, e, aproveitándose da xerga da teoría da información, o argumento da complexidade especificada, cuxo principal defensor foi William Dembski.

A analoxía do reloxeiro foi referenciada en 2005 no famoso xuízo Kitzmiller contra o Distrito Escolar da Área de Dover. Durante ese xuízo, Paley foi mencionado varias veces.[18] A testemuña experta da defensa John Haught sinalou que tanto o deseño intelixente coma a analoxía do reloxeiro son "reformulacións" do mesmo argumento teolóxico.[19] O día 21 do xuízo, Mr. Harvey presentou unha versión moderna do argumento de Paley, substituíndo o reloxo por un teléfono móbil.[20]

Na súa resolución, o xuíz afirmou que o uso do argumento do deseño polos partidarios do deseño intelixente "é simplemente unha repetición do argumento do reverendo William Paley aplicado ao nivel celular"[21] e que o argumento do deseño é subxectivo.[22]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 McMahan, David L. (2008). The Making of Buddhist Modernism. Oxford University Press. p. 79. ISBN 0-19-988478-1. 
  2. "Tales controversias que existen teñen que ver cos detalles dos mecanismos da evolución, non da validez da teoría global da evolución, que é unha das teorías mellor sustentada de toda a ciencia." Science and Creationism: A View from the National Academy of Sciences, Second Edition Arquivado 16 de maio de 2008 en Wayback Machine. United States National Academy of Sciences
  3. 3,0 3,1 Smith, James K. A. (2010). Science and the Spirit. Indiana University Press. p. 54. ISBN 0-253-00466-7. 
  4. William Paley - William Carey University
  5. Garrett, Brian (2007). What is this thing called Metaphysics?. Taylor & Francis. p. 12. ISBN 0-203-96844-1. 
  6. Durant, Will; Durant, Ariel (1935). Will and Ariel Durant, the age of Louis XIV (1963). Simon and Schuster. pp. Section V, FONTENELLE: 1657–1757. 
  7. Joseph Butler. The Analogy of Religion, Natural and Revealed, to the Constitution and Course of Nature, 3rd Ed. London, MDCCXL (1740) pp 65, 158, 424. John and Paul Knapton. 
  8. Emile, by Jean-Jacques Rousseau 1762
  9. "DIALOGUES CONCERNING NATURAL RELIGION. David Hume. Parte II.". Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2018. Consultado o 25 de maio de 2018. 
  10. Hume, David (1948). "Part II". Dialogues Concerning Natural Religion (with introduction by Norman Kemp Smith ed.). Social Sciences Publishers. 
  11. Hume, David (1948). "Part V". Dialogues Concerning Natural Religion (with introduction by Norman Kemp Smith ed.). Social Sciences Publishers. 
  12. "DIALOGUES CONCERNING NATURAL RELIGION. David Hume. Parte VIII". Arquivado dende o orixinal o 26 de maio de 2018. Consultado o 25 de maio de 2018. 
  13. Darwin, C. R. 1859. On the Origin of Species. London: John Murray, p. ii.
    Whewell, William, 1833. Astronomy and general physics considered with reference to natural theology. W. Pickering, London, 356
  14. Nagasawa, Yujin (2011). The Existence of God: A Philosophical Introduction. Taylor & Francis. p. 93. ISBN 1-136-73746-4. 
  15. Richard Dawkins (1986). The Blind Watchmaker: Why the Evidence of Evolution Reveals a Universe Without Design. W. W. Norton & Company. pp. 43–76. ISBN 978-0-393-31570-7. Consultado o 15 September 2012. 
  16. 10 Proofs That Will Change How You Think About God by Nathan Schneider. The Huffington Post. June 6, 2013
  17. Scott EC, Matzke NJ (May 2007). "Biological design in science classrooms". Proc. Natl. Acad. Sci. U.S.A. 104 (suppl. 1): 8669–76. Bibcode:2007PNAS..104.8669S. PMC 1876445. PMID 17494747. doi:10.1073/pnas.0701505104. 
  18. Kitzmiller v. Dover Area School District Day 1 PM session
  19. Kitzmiller v. Dover Area School District Day 5 PM session
  20. Kitzmiller v. Dover Area School District Day 21 AM session
  21. Ruling, Whether ID Is Science, page 79 Kitzmiller v. Dover Area School District 2005
  22. "É doadamente aparente para a Corte que o único atributo de deseño que parecen compartir os sistemas biolóxicos cos artefactos humanos é a súa aparencia complexa, é dicir, se parece complexo ou deseñado, debeu ser deseñado. (23:73 (Behe)). Esta inferencia ao deseño baseada na aparencia dunha "disposición das partes cun propósito" é unha proposición completamente subxectiva, determinada a ollos do que o comtempla e o seu punto de vista en relación á complexidade dun sistema." Ruling, Whether ID Is Science, page 81

Fontes editar

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar