Anahita Ratebzad (en dari/paxto: آناهیتا راتبزاد), nada en Guldara en novembro de 1931 e finada o 7 de setembro de 2014, foi unha política socialista afgá, que ocupou varios cargos no goberno de Afganistán durante as décadas de 1970 e 1980, entre eles o de ministra de Educación (1980-1981) e o de vicepresidenta do Consello Revolucionario baixo o liderado de Babrak Karmal.[1]

Infotaula de personaAnahita Ratebzad
Biografía
Nacementooutubro de 1931 Editar o valor em Wikidata
Guldara, Afganistán (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
Morte7 de setembro de 2014 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Dortmund, Alemaña Editar o valor em Wikidata
Causa da morteInsuficiencia renal Editar o valor em Wikidata
Embaixador
Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeAfganistán Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Cabul (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndiplomática , médica , política Editar o valor em Wikidata
Partido políticoPartido Democrático do Povo do Afeganistão (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
MovementoMarxismo e feminismo Editar o valor em Wikidata

WikiTree: Ratesbzad-1

Membro do Partido Democrático Popular de Afganistán (PDPA), foi unha das primeiras mulleres elixidas no parlamento afgán e foi unha destacada activista polos dereitos das mulleres no país.[1]

Traxectoria editar

Infancia e educación editar

Naceu en Guldara, na provincia de Cabul, en 1931.[2] O seu pai era un defensor das reformas de Amanullah Khan, o que provocou o seu exilio forzado a Irán tras os acontecementos de 1929 baixo o período de goberno de Nader Khan. Anahita e o seu irmán creceron sen o seu pai en malas condicións. Casou aos 15 anos co doutor Keramuddin Kakar, un dos poucos cirurxiáns afgáns formados no estranxeiro da época. Ratebzad asistira ao liceo francófono Malalaï de Cabul. Licenciouse en Enfermaría na Universidade Estatal de Míchigan de 1950 a 1954.

Vida política editar

Ratebzad foi unha das primeiras mulleres activistas sociais e políticas de Afganistán a finais da década de 1950 e a maior parte dos anos 60 en Afganistán. Tamén formou parte da primeira delegación de mulleres afgás que representaba ao Reino de Afganistán na escena internacional na Conferencia das Mulleres Asiáticas en Ceilán en 1957.

En 1957, despois de que o velo pasase a ser opcional no país durante o mandato de Daud Khan como primeiro ministro,[3] Ratebzad dirixiu un grupo de enfermeiras que atenderon pacientes masculinos no Hospital Aliabad de Cabul. Fixérono co cabelo descuberto, actitude que foi imitada por outras mulleres no eido laboral do Afganistán urbano. Con todo, este e outros acontecementos posteriores levaron á súa difamación nos círculos conservadores da sociedade afgá.

Cando a Facultade de Medicina da Universidade de Cabul permitiu ás mulleres matricularse, ela pertenceu ao primeiro grupo e graduouse en 1962. En 1964 fundou a Organización Democrática de Mulleres Afgás (ODMA). A organización, que non seguía unha ideoloxía política concreta, estaba formada por mulleres intelectuais que se ofrecían voluntarias para promover e traballar polos dereitos das mulleres.[4] Non obstante, despois da Revolución de Saur de 1978, a organización pasou a estar baixo a supervisión do goberno do PDPA. Durante a toma do poder da facción Khalq estivo dirixida por Dilaram Mahak de 1978 a 1979. Despois da toma de poder da facción Parcham, Ratebzad foi elixida como presidenta da ODMA na asemblea xeral de 1980.

Ratebzad e outras integrantes da ODMA organizaron unha marcha de protesta o 8 de marzo de 1965 en Cabul, marcando a primeira celebración do Día Internacional da Muller en Afganistán.[5]

Involucrouse na política de esquerdas e, xunto con Khadija Ahrari, Masuma Esmati Wardak e Roqia Abubakr, foi unha das catro primeiras mulleres elixidas para o parlamento afgán en 1965,[6] gañando un escano polo segundo distrito da cidade de Cabul.[7] En 1965 axudou a fundar o Partido Democrático Popular de Afganistán (PDPA) pasando a formar parte da facción Parcham. As súas opinións políticas sobre o dereito das mulleres e a súa ideoloxía política marxista convertérona nunha figura moi controvertida, especialmente entre outros partidos e forzas políticas. A súa estreita asociación con Babrak Karmal, o líder da facción Parcham, supúxolle a etiqueta de "a amante de Karmal", e algunhas fontes incorrectas incluso a consideraron a súa esposa. Non se presentou ás eleccións de 1969, perdendo o seu escano no parlamento.[8]

Nos días previos á Revolución de Saur do 28 ao 29 de abril de 1978, Ratebzad foi detida baixo arresto domiciliario no seu apartamento en Makroyan, mentres que Karmal, Ghulam Dastagir Panjsheri, Nur Muhammad Taraki e Saleh Mohammad Zeary foron encarcerados e outros membros destacados do PDPA (Khalq e Parcham) pasaron á clandestinidade. Cando a ala Khalq do PDPA tomou o poder e Taraki se converteu en presidente, foi nomeada ministra de Asuntos Sociais. Exerceu o cargo durante catro meses.

O 28 de maio de 1978 escribiu unha editorial no Kabul New Times declarando: "Os privilexios que as mulleres, por dereito, deben ter son a igualdade de educación, a seguridade laboral, os servizos de saúde e o tempo libre para formar unha xeración saudable para construír o futuro do país [...] Educar e iluminar ás mulleres é agora obxecto de estreita atención do goberno".[9]

As dúas faccións de Khalq e Parcham pronto caeron de novo e destacados parchamitas, incluída Ratebzad, foron nomeados embaixadores. Ratebzad foi embaixadora en Belgrado entre 1978 e 1980). Foi destituída do seu posto coa chegada ao poder de Hafizullah Amin, quen lanzou unha purga contra os parchamitas. Despois da invasión soviética de Afganistán e da toma do poder pola á Parcham, foi nomeada ministra de Educación (1980–1981) e converteuse en membro permanente do Politburo do PDPA. Neste cargo tiña a responsabilidade de supervisar varios Ministerios, entre os que se atopaban os de Ensino Superior e Profesional, de Información e Cultura e Sanidade Pública.[10]

Despois de que Karmal fose substituído en 1986 por Mohammad Najibullah, que pretendía afastarse do seu pasado de esquerdas e da retórica marxista por consello soviético,[11] Ratebzad foi destituída dos seus cargos e retirouse do Politburó. Foi substituída como xefa da ODMA por Firuzah Wardak.[12]

Exilio, vida posterior e morte editar

Trala súa destitución permaneceu en Afganistán ata maio de 1992. Ela e outros membros da súa familia víronse obrigados a escapar da loita interna dos muxahidin. En 1995 marchou a Sofía, Bulgaria, e un ano despois, tras buscar asilo político, instalouse en Lünen, Alemaña. Morreu de insuficiencia renal aos 82 anos. Os seus restos foron levados de volta a Afganistán e foron enterrados no Shohada-e-Sa'alehin de Cabul.[13]

Vida persoal editar

A súa participación política levouna a un afastamento co seu marido, o doutor Keramuddin Kakar, quen non aprobaba as súas opinións e actividades políticas, xa que era considerado leal a Zahir Shah. Ratebzad deixou o fogar matrimonial en 1973. Aínda que nunca se divorciaron oficialmente, viviron separados e evitaron o contacto. Tiveron unha filla e dous fillos. Só a súa filla seguiu o seu camiño político e converteuse en membro do Partido Democrático Popular de Afganistán (PDPA), mentres que os seus fillos varóns seguían sendo críticos coas súas actividades e decisións políticas.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "زن پیشتاز جنبش چپ افغانستان؛ تصاویری از زندگی آناهیتا راتب‌زاد" (en persa). 17 de setembro de 2014. Consultado o 17 de xullo de 2022. 
  2. "Ratebzad, Anahita (1931—)". Encyclopedia.com (en inglés). Consultado o 17 de xullo de 2022. 
  3. Ahmed-Ghosh, Huma (Maio de 2003). "A History of Women in Afghanistan: Lessons Learnt for the Future or Yesterdays and Tomorrow: Women in Afghanistan". Journal of International Women's Studies (en inglés) 4. 
  4. "رهنورد زریاب: آزادی سیاسی تنها دست‌آورد دوران جدید افغانستان است" (en persa). Arquivado dende o orixinal o 03 de setembro de 2021. Consultado o 18 de xullo de 2022. 
  5. "Kvinnorna i Afghanistan tog av sig slöjan redan 1959" (en sueco). 22 de marzo de 2010. Arquivado dende o orixinal o 8 de marzo de 2016. Consultado o 18 de xullo de 2022. 
  6. Klassen, Jerome; Albo, Greg (2013-01-10). Empire's Ally: Canada and the War in Afghanistan (en inglés). University of Toronto Press. ISBN 9781442664968. 
  7. The Kabul Times Annual, Volume 1, p121
  8. Dupree, Louis (2014). Afghanistan (en inglés). Princeton University Press. p. 653. 
  9. Prashad, Vijay (15 de setembro de 2001). "War Against the Planet" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 25 de novembro de 2001. Consultado o 18 de xullo de 2022. 
  10. Clements, Frank (2003-01-01). Conflict in Afghanistan: A Historical Encyclopedia (en inglés). ABC-CLIO. ISBN 9781851094028. 
  11. Malkasian, Carter (2013-01-01). War Comes to Garmser: Thirty Years of Conflict on the Afghan Frontier (en inglés). Oxford University Press. p. 37. ISBN 9780199973750. 
  12. "Democratic Organization of Afghan Women (1965)". encyclopedia.com (en inglés). Consultado o 18 de xullo de 2022. 
  13. "Imaxes do funeral de Anahita Ratebzad". esalat.org (en persa). Consultado o 18 de xullo de 2022.