Anaerobio aerotolerante

Os organismos anaerobios aerotolerantes usan a fermentación para producir ATP. Non utilizan o oxíxeno, pero non morren en presenza de oxíxeno, porque poden protexerse das moléculas de oxíxeno reactivas. A diferenza deles, os anaerobios obrigados sofren danos ou a morte en presenza de moléculas de oxíxeno reactivas.

As bacterias anaeróbicas e aeróbicas poden identificarse pola súa forma de crecemento en tubos de ensaio de caldo de tioglicolato:
1: Aerobio obrigado, que necesita oxíxeno porque non pode fermentar nin respirar anaerobicamente. Xúntanse na parte superior do tubo, onde a concentración de oxíxeno é maior.
2: Anaerobio obrigado, que morre envelenado polo oxíxeno, polo que crecen todos xuntos no fondo do tubo, onde a concentración de oxíxeno é menor.
3: Anaerobio facultativo, que crece con ou sen oxíxeno, porque pode metabolizar enerxía aeróbica ou anaerobicamente. Crecen en maior número na parte superior do tubo porque a respiración aeróbica xera máis ATP que a fermentación ou a respiración anaeróbica, pero algúns crecen tamén no resto do tubo.
4: Microaerófilo, que necesita pequenas cantidades de oxíxeno porque non pode fermentar ou respirar anaerobicamente, pero que morre envelenado en altas concentracións de oxíxeno. Crecen na zona superior do tubo pero non na parte máis superior.
5: Aerotolerante, que non require oxíxeno, xa que ten un metabolismo enerxético anaerobio, pero non morre envelenado se está en presenza de oxíxeno. Crecen en todo o tubo.

Hai tres clases de organismos anaerobios. Mentres que os organismos aerobios obrigados requiren oxíxeno para crecer e sen el morren, aos anaerobios obrigados o oxíxeno cáusalles danos, e os organismos aerotolerantes non poden utilizar o oxíxeno pero toleran a súa presenza, e, finalmente, os anaerobios facultativos poden utilizar o oxíxeno se este está presente, pero tamén poden crecer anaerobicamente se non hai oxíxeno.

A maioría dos anaerobios aerotolerantes posúen unha superóxido dismutase e unha peroxidase (distinta da catalase) pero non teñen catalase.[1] Máis especificamente poden utilizar un sistema NADH oxidase/NADH peroxidase (NOX/NPR) ou un sistema glutatión peroxidase.[2] Un exemplo de organismo anaerobio aerotolerante é a bacteria Cutibacterium acnes.[3]

Tanto os organismos anaerobios facultativos coma os aerotolerantes poden realizar fermentacións en ausencia de oxíxeno, pero os aerobios facultativos cambian a un metabolismo aerobio cando o oxíxeno está presente (un fenómeno coñecido como efecto Pasteur). O efecto Pasteur utilízase por veces no laboratorio para distinguir entre anaerobios facultativos e aerotolerantes.

Notas editar

  1. WI, Kenneth Todar, Madison. "Nutrition and Growth of Bacteria". 
  2. Zotta, T.; Parente, E.; Ricciardi, A. (2017). "Aerobic metabolism in the genus Lactobacillus: impact on stress response and potential applications in the food industry". Journal of Applied Microbiology 122 (4): 857–869. doi:10.1111/jam.13399. 
  3. Achermann, Y; Goldstein, EJ; Coenye, T; Shirtliff, ME (July 2014). "Propionibacterium acnes: from commensal to opportunistic biofilm-associated implant pathogen.". Clinical Microbiology Reviews 27 (3): 419–40. PMC 4135900. PMID 24982315. doi:10.1128/CMR.00092-13. 



 
 Este artigo sobre bioloxía é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.