Análise de drogas en pelo

A análise de tóxicos no pelo é unha práctica iniciada a mediados do século XIX. En 1858 o químico alemán Casper efectuou a análise de arsénico en individuos expostos. En 1934, o toxicólogo francés Kohn-Abrest publicou a determinación de arsénico en pelo de individuos non expostos, aínda que precisou para iso 100 gramos de cabelo.[1]

Cabelo humano ampliado 200 veces.

Histoloxía do pelo editar

O pelo é unha parte moi complexa da anatomía humana. Os pelos son formacións epidérmicas cornificadas e elásticas que teñen a súa orixe en invaxinacións situadas na profundidade da derme e no tecido subcutáneo, chamados folículos pilosos. A parte do pelo contida no folículo chámase raíz ou bulbo. Grazas a este ten lugar o crecemento do pelo. O restante constitúe o talo que termina no extremo periférico.[2]

O bulbo ou raíz ten forma de ensanchamento ovoide no seu extremo profundo. No pelo adulto presenta forma cónica na súa parte inferior, que recorda ó fondo dunha botella e na que se insinúa a papila, excrecencia conxuntivovascular da túnica fibrosa do folículo. A raíz do pelo está implantada nunha especie de bolsa formada polos mesmos compoñentes da pel (epiderme e derme) chamada folículo piloso.[2] Este está fortemente implantado e nalgunhas partes é difícil de arrincar. O pelo cae de xeito espontáneo por formación doutro novo que o empuxa; queratinízase e cae. O bulbo ten interese médico-legal para diferenciar pelos caídos espontaneamente, que son os que teñen o bulbo completo, e pelos arrincados que non teñen bulbo.[3]

O talo consta de tres partes, que dende fóra cara a dentro, nun corte transversal, son cutícula, codia e medula.[3]

Análise de drogas editar

A análise do cabelo con fins toxicolóxicos acadou un grande alcance nos últimos anos. A principal aplicación ten como obxectivo o diagnóstico do consumo de drogas de abuso.[1]

O cabelo é a terceira mostra biolóxica máis importante, despois do sangue e ouriños, cando se quere documentar un consumo de drogas de abuso. A análise desta mostra, a diferenza das outras dúas, permite establecer o perfil cronolóxico de dito consumo.[4]

Na actualidade o número de drogas que se poden detectar en cabelo vaise incrementando constantemente.[5]

O cabelo medra aproximadamente entre 0,7 e 1,5 cm ó mes, malia que existen importantes diferenzas entre sexos, idades e as distintas etnias.[6] Dado que existe unha grande variacion interindividual na velocidade de crecemento, a recomendación da Society of Hair Testing (SoHT) é aceptar un crecemento de 1 cm o mes, para casos forenses.[7]

Non obstante, o crecemento é asíncrono, alternándose períodos de crecemento activo con outros de repouso. O ciclo na especie humana empeza pola fase anáxena, de crecemento, que dura entre 7 e 94 semanas. Despois o folículo entra nunha fase relativamente curta de transición, chamada fase catáxena, que dura unhas dúas semanas, durante as cales cesa a actividade folicular, e empeza a dexenerarse. Entra así na última fase, de repouso, chamada telóxena, que dura unhas 10 semanas, na que cesa completamente o crecemento e cae o pelo, empezando un novo ciclo.[4]

No coiro cabeludo dun adulto aproximadamente o 85% dos cabelos están na fase de crecemento e o 15% na de repouso, sendo a zona occipital a que presenta menos variabilidade tanto na velocidade de crecemento como no número de folículos que están na fase anáxena. Por iso recoméndase tomar a mostra de cabelo desta esta zona da cabeza.[7]

Toma de mostra editar

O peso da mostra de cabelo necesario para facer unha análise de drogas oscila entre os 20 e os 100 mg [8]. Como referencia práctica, para os encargados de recoller a a mostra dise que o mechón debe ter a grosor dun lapis.[6]

Recoméndase que a mostra se obteña da zona occipital (pola menor variabilidade xa mencionada), cortando o cabelo con tesoiras moi cerca da pel, e fíxanse sobre un papel (mellor se é de aluminio)[6] cruzándoa cunha tira de papel adhesivo, para sinalar sobre o papel cal é a zona que está máis próxima á raíz (a de máis recente crecemento) e cal é máis afastado ou distal.[1] Para o seu almacenamento recoméndase facelo nunha bolsa de papel convenientemente rotulada. Estas mostras deben ser conservadas a temperatura ambiente. Por último, débese ter en conta que se a mostra se atopa mollada o recomendable é secala.[6]

Procedemento de análise:

  • Córtanse fraccións de cabelo.
  • Cada fracción colócase nun tubo etiquetado, no que se lava o cabelo con disolvente orgánico (acetona, metanol, diclorometano etc.) e auga, sécase e finalmente pulverízase finamente, para eliminar a contaminación externa.
  • Deseguido pésase e sométese a extracción do tóxico situado no interior do cabelo, para o cal se precisa liberalo da unión a compostos orgánicos mediante hidrólise enzimática ou ben hidrólise en medio ácido ou básico.
  • Seguidamente extraese cun disolvente orgánico e procédese a efectuar a análise con técnicas altamente sensibles como o

radioinmunoensaio (RIA), inmunoensaio de polarización fluorescente (FPIA), cromatografía de gases con detector de masas etc. [1]

Mecanismo de incorporación das drogas:

Estes mecanismos non están moi ben definidos pero propóñense distintas posibilidades:

  • As drogas e os seus metabolitos son distribuídos por difusión pasiva dende o sangue ás células en crecemento no folículo piloso ou durante a formación do cabelo (a difusión de substancias a través das membranas celulares pode ser debida á alta liposolubilidade, baixa unión a proteínas ou factores físico-químicos como a forma iónica).
  • Transferencia dende secrecións coma a suor e o sebo. O sebo é unha substancia de natureza lipídica excretada polas glándulas sebáceas que están asociadas os folículos pilosos. Os analitos que predominan no cabelo son drogas intactas (sen metabolizar) en lugar de encontrar os metabolitos máis populares que predominan en urina. Por exemplo, a cocaína está presente pouco tempo no sangue xa que esta é metabolizada de forma moi rápida a benzoilecgonina, que persiste no sangue durante incluso máis de 24 h. A cocaína é excretada coa suor nun período de tempo de entre 2 a 48 h e neste tempo pode pasar ó cabelo.
  • Contaminación externa ambiental, despois da formación do cabelo. Esta contaminación dificulta o feito de discernir entre unha administración voluntaria ou unha administración involuntaria ou pasiva. Demostrouse por exemplo que a cocaína é absorbida no interior do cabelo cando nos atopamos nun ambiente rico en cocaína en forma base no estado de vapor, como en ambientes pechados nos que se fuma cánnabis. Unha posíbel forma para distinguir unha administración pasiva dunha activa sería atopar metabolitos na estrutura interna do cabelo. Neste sentido, a SoHT publicou unhas recomendacións sobre como realizar os lavados para evita-la posibilidade dunha contaminación externa.[7]

Unha vez que as drogas se incorporaron o pelo unense os distintos compoñentes pediculares formando complexos estables e permanecen inalteradas durante períodos de tempo indefinidos. De feito, as drogas permanecen no pelo durante centos de anos, se as condicións ambientaies, de temperatura e humidade son favorables. Así, por exemplo, en momias de Chile e Perú, que databan do ano 2000 a. C., detectóouse benzoilecgonina, poñendo de manifesto que tiñan consumido cocaína.[4]

En xeral, as drogas pódense introducir no cabelo en distintos lugares, a través de múltiples mecanismos e en distintos momentos da fase de crecemento.[5]

Aplicacións da análise de cabelo editar

O cabelo é a mostra biolóxica de elección cando se quere diagnosticar unha drogadicción crónica ou un perfil cronolóxico do consumo. Este procedemento non permite, non obstante, determinar data exacta deste consumo.[4] Este tipo de mostra é moitas veces requirida para distintos procesos xudiciais tales como demanda para determinar a custodia dos fillos nun proceso de divorcio, entre outros moitos.

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Repetto Jiménez, Manuel e Repetto Kuhn, Guillermo. Toxicología Fundamental. Cuarta Edición. Ediciones Díaz de Santos, 2009. Páxina: 542- 543. ISBN 978-84-7978-898-8
  2. 2,0 2,1 Reverte Coma, Dr. José M. Antropología Forense. Segunda Edición. Ministerio de Justicia, Secretaria General Tecnica, Madrid 1999. Páxinas: 257- 294. ISBN 84-7787-927-3
  3. 3,0 3,1 Gisbert Calabuig, Juan Antonio. Medicina Legal y Toxicología. Quinta Edición. Ediciones Masson, S.A., Barcelona 1998. Páxinas: 1123- 1127. ISBN 84-458-0585-1
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 C. Jurado Montoro; Análisis de drogas de abuso en muestras de pelo. Diagnóstico del consumo crónico, Trastornos Adictivos. 2007;9(3):172-83
  5. 5,0 5,1 "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 24 de xaneiro de 2008. Consultado o 09 de xuño de 2010. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 ANA MARÍA DE PERKINS DE PIACENTINO; OSCAR A. LOCANI; JOSÉ L. LORENZO.
  7. 7,0 7,1 7,2 Society of Hair Testing.Recommendations for hair testing in forensic cases. Forensic Sci Int. 2004 Oct 29;145(2-3):83-4.
  8. Hans Sachs. Quality control by the Society of Hair Testing. Forensic Science International 84 (1997) 145-150