Amelia de Leuchtenberg
Amelia de Leuchtenberg (portugués: Amélia Augusta Eugénia Napoleona de Leuchtenberg; francés: Amélie Auguste Eugénie Napoléonne de Leuchtenberg), nada o 31 de xullo de 1812 e finada o 26 de xaneiro de 1873, foi emperatriz consorte do Brasil trala súa voda con Pedro I do Brasil.
Amelia de Leuchtenberg | |
---|---|
Emperatriz consorte do Brasil | |
![]() | |
Nome completo | Amélia Augusta Eugénia Napoleona de Leuchtenberg |
Outros títulos | Princesa de Baviera, Duquesa de Leuchtenberg |
Nacemento | 31 de xullo de 1812 Milán, ![]() |
Falecemento | 26 de xaneiro de 1873 (60 anos) Lisboa, ![]() |
Sepultura | Cripta Imperial, São Paulo, Brasil |
Sucesor | Tareixa Cristina de Borbón-Dúas Sicilias |
Cónxuxe/s | Pedro I do Brasil |
Proxenitores | Eugène de Beauharnais Augusta de Baviera |
![]() | |
TraxectoriaEditar
Primeiros anosEditar
Amelia foi a cuarta filla do xeneral Eugène de Beauharnais, e súa esposa, a princesa Augusta da Baviera. O seu pai era fillo de Xosefina de Beauharnais e seu primeiro marido, o vizconde Alexandre de Beauharnais. Cando Xosefina casou con Napoleón Bonaparte, Eugène foi adoptado como fillo e feito vicerrei da Italia. A nai de Amalia era filla do rei Maximiliano I Xosé de Baviera e de súa primeira consorte, a princesa Augusta Guillermina de Hesse-Darmstadt.[1] Entre os irmáns de Amelia estaban Xosefina de Leuchtenberg, raíña consorte de Óscar I de Suecia, e Augusto de Beauharnais, príncipe consorte de María II de Portugal. Napoleón III foi seu primo-irmán.
Despois da caída de Napoleón en 1814, Eugène, asumiu o título de Duque de Leuchtenberg e fixou a súa residencia en Múnic. Trala súa morte a súa familia ficou en situación incerta, sen grandes perspectivas para o futuro. Aínda que fosen nobres, o seu parentesco con Napoleón non facilitaba o seu tránsito entre as cortes e o recoñecemento de súa nobreza. O xurdimento da posibilidade de casar a Amalia co Emperador do Brasil pareceulle a Augusta de Baviera, a mellor alternativa para garantir as pretensións da Casa de Leuchtenberg a un status rexio.[1]
MatrimonioEditar
Trala morte da súa primeira esposa, a arquiduquesa austríaca María Leopoldina, en decembro de 1826, Pedro I do Brasil encomendou ao marqués de Barbacena a misión de buscarlle en Europa unha segunda esposa. A tarefa non foi fácil xa que varios factores complicaron a busca. En primeiro lugar, Pedro estipulara catro condicións para aceptar unha nova consorte: ela debería ser de bo nacemento, bela, virtuosa e culta. Non eran moitas as princesas dispoñibles que satisfacían todos os requisitos. Amais diso, a imaxe do emperador en Europa non era boa, a súa relación coa Marquesa de Santos era notoria e dificilmente algunha muller deixaría as cortes europeas para casarse con quen tiña fama de infiel. Para empeorar a situación, o antigo sogro de Pedro, o emperador austríaco Francisco I, non tiña o xenro en bo concepto e diverxía das súas ideas políticas, e aparentemente actuou para boicotear un novo casamento a fin de garantir que os seus netos herdasen o trono brasileiro, se sobrevivisen á infancia.[2]
Tras afrontar a rexeita de oito princesas, o que tornara o embaixador obxecto do escarnio nas cortes, Barbacena, en concordancia co emperador, baixou as expectativas e pasou a buscar unha noiva só "bela e virtuosa". Xurdiu en fin Amelia como unha boa posibilidade, mais seu encontro non se debeu a Barbacena, e si ao vizconde de Pedra Branca, ministro en París, a quen ela fora indicada.[3] Non tiña unha liñaxe particularmente distinguida por parte de nai, e seu pai, parente de Napoleón Bonaparte, en moitos lugares non tiña súa nobreza recoñecida xustamente polo odio que o ex-emperador francés suscitara en boa parte da Europa. Porén, era seu único "defecto". A princesa era moi bela, alta, ben proporcionada, cun rostro delicado e cabelos alourados. O Marqués de Resende, enviado para confirmar a fermosura da moza, escribiu ao emperador cubríndoa de eloxios e dicindo que ela tiña "un ar de corpo como o que o pintor Correggio deu nos seus cadros á raíña de Sabá".[2] Era, tamén, moi culta e sensible. Unha noticia do London Times na época afirmou que ela era unha das princesas máis ben educadas e preparadas da Alemaña.[4]
O casamento foi rapidamente arranxado. A convención matrimonial foi asinada en Inglaterra o 30 de maio de 1829, ratificada o 30 de xuño, en Múnic, pola nai e titora da noiva, a duquesa de Leuchtenberg. O 30 de xullo daquel ano, foi confirmado, no Brasil, o tratado do casamento do emperador con Amalia. Ao confirmarse o casamento, Pedro rompeu definitivamente súa relación coa Marquesa de Santos e instituíu, como proba de boas intencións, a orde da Rosa, cuxo lema é "Amor e Fidelidade". A cerimonia do casamento, realizada por apoderado en Múnic, na capela do palacio de Leuchtenberg, o 2 de agosto daquel ano. Foi sinxela, contando con poucos convidados,[2] xa que Amelia insistiu en doar a un orfanato de Múnic a substancial dotación enviada por Pedro para unha celebración fastuosa. O noivo foi representado polo Marqués de Barbacena.[1] Amelia tiña só dezasete anos, e seu marido, trinta.[2]
A nai da noiva previu as dificultades polas cales a súa filla pasaría, e tratou de preparala. Amais dun bo dote e enxoval, aconsellouna, recomendando que demostrase seus sentimentos e deixase de lado a timidez para non desestimular ao seu marido, que fose amorosa cos enteados, e sobre todo que se mantivese fiel, como emperatriz, aos intereses brasileiros. Tamén, incumbiu ao científico Carl Friedrich von Martius para que a instruíse durante a viaxe sobre a nación que gobernaría, e a condesa de Itapagipe para que a introducira no coñecemento da personalidade do seu esposo, da lingua portuguesa e das costumes da corte brasileira.[2]
Chegada ao Brasil e vida como emperatrizEditar
Amelia de Leuchtenberg chegou ao Río de Xaneiro o 15 de outubro de 1829, na fragata Imperatriz, chegando de Ostende, en Bélxica, antes da data prevista. Segundo a tradición, ao saber que o navío se aproximaba, Pedro embarcou nun rebocador para encontralo fóra do porto, e ao ver que a beleza da esposa correspondía ás súas altas expectativas, desfaleceu de emoción.[2] Acompañábana a bordo o marqués de Barbacena e a pequena María da Gloria, a futura María II de Portugal, en favor de quen o seu pai renunciara aos seus dereitos ao trono portugués en 1828. Barbacena, que na mesma viaxe recibira a misión de levar Maria para os coidados de seu avó, o emperador Francisco I, no medio do traxecto souben da usurpación do trono portugués por Miguel, irmán de Pedro, e decidiu en vez levala para a Inglaterra, que considerou un lugar máis seguro. Tras concluír os preparativos do enlace imperial, buscouna novamente, embarcándoa de volta para o Brasil xunto coa comitiva de Amelia, onde se encontraba tamén o irmán da noiva, Augusto de Beauharnais, 2.° duque de Leuchtenberg. Pouco despois do primeiro encontro da parella, os fillos do primeiro casamento de Pedro coñeceron súa madrasta aínda no navío que a trouxera, para xantaren todos xuntos.[1]
O día seguinte, polo medio-día, so unha forte choiva, Amelia desembarcou, sendo recibida cunha solemne procesión. Axiña dirixiuse, con seu esposo, á Capela Imperial para recibiren as bendicións nupciais. A beleza da emperatriz sorprendeu a todos, realzada por un longo vestido branco e un manto bordado en prata, segundo a moda francesa. Despois da cerimonia houben unha celebración pública con fogos de artificio, e a corte foi servida cun gran banquete de Estado.[1]
En xaneiro de 1830, ocorreu a presentación formal da nova emperatriz á corte, cun baile en que todas as damas se vestiron coa cor rosa, súa preferida. Soamente o día seguinte ao baile a parella iniciou súa lúa de mel, pasando seis semanas na facenda do padre Correa, na serra da Estrela, lugar onde se erguería a cidade de Petrópolis.
Ao seu regreso, encontraron o clima na corte pesado, por conta de problemas causados polo notorio Chalaça, amigo íntimo do emperador. Barbacena aproveitou para librarse do antigo desafeito, recomendando que el partise para a Europa, no que contou co apoio estreito da nova emperatriz, ansiosa para apagar todo que puidese lembrar o pasado aventureiro de seu esposo. Ela xa mostrara actitudes firmes anteriormente, rexeitándose desde o inicio a recibir na corte a duquesa de Goiás, filla de Pedro coa Marquesa de Santos, e esixindo que ela fose mandada para un colexio en Suíza.[3]
Ao instalarse no palacio de San Cristovo, entendendo a falta de protocolo que reinaba, Amelia impuxo á corte como lingua oficial o francés e o cerimonial dunha corte europea. Procurou actualizar a moda e a culinaria, decorou o palacio e renovou os servizos de mesa e pratarías, tentando refinar os costumes. En parte tivo logro, e a elegancia da emperatriz, sempre impecablemente vestida, se volveu famosa no estranxeiro.[5]
A relación con seus parentes foi, segundo os relatos, moi positivo. Tendo cativado inmediatamente o afecto do marido, súa bela aparencia, seu bo senso e súa xentileza no trato conseguiron o mesmo dos nenos. Dedicouse a asegurar que recibisen unha boa educación e tivesen un bo ambiente familiar. Un viaxeiro francés rexistrou pouco tras o casamento: "Parece que a emperatriz continúa a exercer súa influencia sobre os nenos de Pedro. Os felices resultados xa son aparentes, xa fixo considerábeis reformas no palacio, e a orde comeza a reinar; a educación das princesas é supervisada e dirixida pola emperatriz persoalmente", o mesmo coidado recibiu o herdeiro do trono, o pequeno Pedro de Alcántara. Próbao o feito de que o rapaz non tardou comezar a chamala "mamá". Amelia sempre manifestoulle o seu cariño, e ata a súa morte mantivo correspondencia con el, tentando instruílo e apoialo. Sobreviven case de seiscentas cartas que intercambiaron. Pedro II retribuíulle a súa xentileza solicitando a súa axuda para casar as súas propias fillas e visitándoa en Lisboa en 1871.[6][7]
Tamén foi importante súa presenza para rescatar a popularidade de seu marido e animalo nun momento difícil do novo imperio, mais o entusiasmo xerado polo casamento entre a poboación durou pouco.[2] José Bonifácio aconsellouna no sentido de que fixese o marido se reconciliar co pobo, mais nada adiantou.[4] A precariedade da situación económica e a turbulencia política precipitaron unha crise incontrolable, e o 7 de abril de 1831 Pedro abdicou, deixando o trono para seu fillo Pedro de Alcántara.[2]
Regreso a EuropaEditar
Amelia seguiu con Pedro, agora co título de duques de Braganza, de navío para a Europa. Encontrábase embarazada de tres meses e sufriu moito cos mareos. O primeiro porto a ser alcanzado foi do Faial, no arquipélago dos Azores. Tras se reabastecer, o navío seguiu viaxe rumbo a Cherburgo, en Francia, chegando alí en 10 de xuño de 1831. Foron recibidos con honras de monarcas reinantes, cunha salva de 21 tiros de canón e un destacamento de cinco mil soldados da Garda Nacional. A Prefectura da cidade ofreceulles un palacio para que se acomodasen, mais en 20 de xuño Pedro seguiu para Londres, deixando para tras Amelia, á cal se reuniu Maria da Gloria en 23 do mesmo mes.[8]
Axiña, Amelia estabeleceu residencia en París, con Maria da Gloria e Isabel María, duquesa de Goiás, que acabaría adoptando por filla.[9] O día 30 de novembro de 1831 a emperatriz deu á luz a princesa María Amelia de Braganza, seu único rebento. O pai expresou súa felicidade en carta ao pequeno Pedro II, nos seguintes termos: "A Divina Providencia quixen diminuír a tristeza que sente meu corazón paterno pola separación de V.M.I. [Vosa Maxestade Imperial] dándome máis unha filla e, á V.M.I., máis unha irmá e súdita".[10]
Mentres tanto, Pedro I emprendía unha encarnizada loita contra o seu irmán, Miguel I, polo trono portugués, en nome de súa filla, María da Gloria. Coa noticia da vitoria do duque de Braganza en Lisboa, Amelia partiu con súa filla e súa enteada para Portugal, chegando á capital en 22 de setembro de 1833.[11] Con Miguel derrotado e exiliado de Portugal, Pedro e súa familia estabelecéronse inicialmente no Palacio do Ramalhão e, máis tarde, no Palacio Real de Queluz.[12]
Viuvez e últimos anosEditar
A vida axitada de Pedro minara súa saúde, contraeu tuberculose e finou o 24 de setembro de 1834.[12] Amelia respectou as disposicións testamentarias do defunto, que desexaba que a súa filla ilexítima coa marquesa de Santos, María Isabel, fose ben educada en Europa, como o estaba sendo a súa outra filla, Isabel María, duquesa de Goiás, mais a pesar do convite feito para que lle enviase a meniña, a marquesa declinou. Pedro tamén estipulara dotes para outros de seus fillos adulterinos, que foron concedidos ás expensas da herdanza de Amelia e de súa propia filla, expresando seu respecto polo amor que Pedro dedicara a toda a súa prole, lexítima ou non.[13]
Amelia non volveu a se casar; mudouse para o Palacio das Xanelas Verdes e dedicouse a obras de caridade e á educación da filla, que demostrou posuír grande intelixencia para a música, ocasionalmente visitando a Baviera con súa meniña. A pesar de estabelecidas en territorio luso, elas non eran consideradas parte da familia real portuguesa. Amelia solicitou entón ao goberno brasileiro o recoñecemento dela e de súa filla como membros da familia imperial brasileira, con dereito a unha pensión, mais Pedro II aínda era menor de idade e o Brasil estaba gobernado por unha rexencia, que temía unha posible influencia da emperatriz-viúva nos negocios de Estado e, mesmo, súa adhesión a faccións políticas que puidesen vir a prexudicar o goberno. Así, rexeitouse o recoñecemento de María Amelia como unha princesa brasileira e prohibiuse a ela e súa nai de colocaren os pés no país. Non obstante, coa maioridade de Pedro II, que mantiña boas relacións con elas, a situación mudou, e o 5 de xullo de 1841 nai e filla foron recoñecidas como membros da familia imperial brasileira.[14]
Por infelicidade, logo de ennoivar co arquiduque Maximiliano da Austria no inicio de 1852, a princesa María Amelia pasou a mostrar os síntomas da tuberculose. A doenza fixo que ela e súa nai mudasen para o Funchal, en Madeira, en busca de aires máis salubres, chegando alí o 31 de agosto. Porén, a princesa non resistiu e faleceu, aos vinte e dous anos de idade, o 4 de febreiro de 1853.[2][15] A súa morte repercutiu profundamente sobre a nai, que visitou o túmulo da filla todos os anos o día 4 de febreiro até ela mesma falecer, financiou a construción dun hospital no Funchal chamado "Princesa Dona Maria Amélia", aínda existente, e legou súas propiedades na Baviera ao arquiduque Maximiliano, "a quen [ela] ficaría feliz en ter como xenro, se Deus conservase súa amada filla Maria Amelia".[16]
Trala morte da súa filla, Amelia regresou a Lisboa, onde morreu o 26 de xaneiro de 1873, aos sesenta anos [17]. De acordo co estabelecido no seu testamento, a súa irmá, a raíña de Suecia, foi súa principal herdeira, mais legou para o Brasil moitos documentos pertencentes a Pedro, hoxe preservados no Arquivo Histórico do Museo Imperial en Petrópolis.[2] Os seus restos mortais reposan na cripta do Monumento á Independencia do Brasil, en São Paulo, trasladados para o Brasil en 1982.[18]. Ate entón o corpo de Maria Amelia repousou ao lado do corpo do irmán de D. Pedro I, Miguel, no Panteón dos Braganza en Lisboa.
DescendentesEditar
Con D. Pedro I do Brasil e IV de Portugal:
- María Amelia de Braganza (1831 – 1853)
DevanceirosEditar
Títulos e estilosEditar
- 31 de xullo de 1812 - 11 de abril de 1814: Súa Alteza Imperial Amelia de Beauharnais, princesa francesa
- 11 de abril de 1814 - 14 de novembro de 1817: Madame Amelia de Beauharnais
- 14 de novembro de 1817 - 2 de agosto de 1829: Súa Alteza Real, a princesa Amelia de Leuchtenberg
- 2 de agosto de 1829 - 7 de abril de 1831: Súa Maxestade Imperial, a emperatriz do Brasil
- 7 de abril - 10 de xuño de 1831: Súa Maxestade Imperial, a emperatriz Amelia do Brasil
- 10 de xuño de 1831 - 24 de setembro de 1834: Súa Maxestade Imperial Emperatriz Amelia, duquesa de Braganza
- 24 de setembro de 1834 - 26 de xaneiro de 1873: Súa Maxestade Imperial Emperatriz Amelia, duquesa viúva de Braganza
NotasEditar
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Barman, Roderick J. Citizen Emperor: Pedro II and the Making of Brazil, 1825-1891. Stanford University Press, 2002, pp. 25-27
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 2,6 2,7 2,8 2,9 Witte, Claudia Thomé. "O casamento com D. Pedro I e toda a trajetória no Brasil da princesa bávara Amélia de Leuchtenberg" Arquivado 06 de novembro de 2016 en Wayback Machine.. In: Revista de História online, 6/9/2010
- ↑ 3,0 3,1 Lustosa, Isabel. D. Pedro I. Companhia das Letras, 2006, pp. 284-286
- ↑ 4,0 4,1 Pinheiro Neto, João. Pedro e Domitila: Amor em tempo de paixão. Mauad Editora Ltda, 2002, pp. 243-244
- ↑ Del Priore, Mary. "Amor e fidelidade num casamento imperial:Dom Pedro I e Dona Amélia. In: Gazeta Imperial, agosto de 2011, ano XVI, número 189, pp. 8-9
- ↑ Carvalho, José Murilo de. D. Pedro II: ser ou não ser. Companhia das Letras, 2007, pp. 16-17
- ↑ Schwarcz, Lília Moritz. As barbas do imperador. Companhia das Letras, 1998, pp. 52; 380
- ↑ Lustosa, p. 305
- ↑ Sousa, Octávio Tarquínio de. A vida de D. Pedro I. Rio de Janeiro: José Olympio, 1972. vol. 3, pp. 273-274
- ↑ Almeida, Sylvia Lacerda Martins de. Uma filha de D. Pedro I: Dona Maria Amélia. São Paulo: Companhia Editora Nacional, 1973, p. 42
- ↑ Sousa, p. 275
- ↑ 12,0 12,1 Almeida, p. 54
- ↑ Lewin, Linda. Surprise Heirs: Illegitimacy, inheritance rights, and public power in the formation of Imperial Brazil, 1822-1889. Stanford University Press, 2003, pp. 155-156
- ↑ Lyra, Heitor. História de Dom Pedro II (1825–1891): Ascensão (1825–1870). Belo Horizonte: Itatiaia, 1977. vol. 1, pp. 42-43; 279
- ↑ Almeida, pp. 57; 73; 85; 111
- ↑ Almeida, pp. 90; 152-157
- ↑ Diário do Rio de Janeiro, edición do 14 de febreiro de 1873. Dispoñible na Hemeroteca Dixital da Biblioteca Nacional en http://memoria.bn.br/DocReader/DocReader.aspx?bib=094170_02&PagFis=29834
- ↑ Tirapeli, Percival e Silva, Manoel Nunes da. São Paulo artes e etnias. UNESP, 2007, p. 124
Véxase taménEditar
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Amelia de Leuchtenberg |
BibliografíaEditar
- Torres, Lígia Lemos (1947). Imperatriz Dona Amélia (en portugués). São Paulo: Elvino Pocai.
Amelia de Leuchtenberg Nacemento: 31 de xuño de 1812 Falecemento: 26 de xaneiro de 1873
| ||
Realeza brasileira | ||
---|---|---|
Vacante O último posuidor do título foi María Leopoldina de Austria
|
Emperatriz consorte do Brasil 2 de agosto de 1829 – 7 de abril de 1831 |
Vacante Title next held by Tareixa Cristina de Borbón-Dúas Sicilias
|