Alongamento da Unión Europea

As Comunidades Europeas, fundadas nos anos 50 do século XX, contaban orixinalmente con seis estados fundadores. A Unión Europea (UE) é o resultado da ampliación de contidos dos antigos tratados constitutivos daquelas Comunidades Europeas e das sucesivas ampliacións coa adhesión de novos estados membros. De aí que medrase ata os 27 membros, amais de existir varios estados cursando a súa solicitiude de adhesión para vindeiras datas.

     UE-27: Estados membros      Estados candidatos      Candidatos potenciais (PEA)      Posible adhesión
Ampliación, 1957 a 2020      Comunidades Europeas      Unión Europea

Para a incorporación dun Estado europeo á Unión Europea, este debe cumprir unhas condicións económicas e políticas coñecidas como os criterios de Copenhaguen, por terse tomado o correspondente acordo no Consello Europeo de 1993 celebrado na capital dinamarquesa. Porén, a bandeira da Unión Europea (círculo de doce estrelas amarelas sobre fondo azul) foi adoptada pola entón Comunidade Económica Europea en 1985, e o seu número de estrelas foi e será invariablemente de doce, é dicir, non ten vencello ningún co número de estados da Unión.

Cronoloxía das ampliacións editar

Aplicacións de acceso*
Aplicante Petición Ingreso/
suspensión
Albania 28 de abril de 2009 (aínda non é candidato oficial)
Austria 17 de xullo de 1989 1 de xaneiro de 1995
Bélxica N/A 23 de xullo de 1952
Bulgaria 14 de decembro de 1995 1 de xaneiro de 2007
Croacia 21 de febreiro de 2003 1 de xullo de 2013
Chipre 3 de xullo de 1990 1 de maio de 2004
República Checa 17 de xaneiro de 1996 1 de maio de 2004
Dinamarca 10 de agosto de 1961
11 de maio de 1967 1 de xaneiro de 1973
Eslovaquia 27 de xuño de 1995 1 de maio de 2004
Eslovenia 10 de xuño de 1996 1 de maio de 2004
España 28 de xuño de 1977 1 de xaneiro de 1986
Estonia 24 de novembro de 1995 1 de maio de 2004
Finlandia 18 de marzo de 1992 1 de xaneiro de 1995
Francia N/A 23 de xullo de 1952
Grecia 12 de xuño de 1975 1 de xaneiro de 1981
Hungría 31 de marzo de 1994 1 de maio de 2004
Irlanda 31 de xullo de 1961
11 de maio de 1967 1 de xaneiro de 1973
Italia N/A 23 de xullo de 1952
Letonia 13 de setembro de 1995 1 de maio de 2004
Lituania 8 de decembro de 1995 1 de maio de 2004
Luxemburgo N/A 23 de xullo de 1952
Macedonia do Norte 22 de marzo de 2004 candidato oficial
Malta 3 de xullo de 1990 1 de maio de 2004
Marrocos 20 de xullo de 1987
Montenegro 15 de decembro de 2008 (aínda non é candidato oficial)
Noruega 30 de abril de 1962
21 de xullo de 1967
25 de novembro de 1992
Países Baixos N/A 23 de xullo de 1952
Polonia 5 de abril de 1994 1 de maio de 2004
Portugal 28 de marzo de 1977 1 de xaneiro de 1986
Reino Unido 10 de agosto de 1961
10 de maio de 1967 1 de xaneiro de 1973
Romanía 22 de xuño de 1995 1 de xaneiro de 2007
Suecia 1 de xullo de 1991 1 de xaneiro de 1995
Suíza 25 de maio de 1992
Turquía 14 de abril de 1987 en negociacións
Alemaña do leste[5] N/A 23 de xullo de 1952
* Aplicacións de acceso á Comunidade europea do carbón e do aceiro,
Comunidade europea e Unión Europea segundo a data.

Membros fundadores editar

A Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro (CECA) foi proposta por Robert Schuman na súa declaración do 9 de maio de 1950 na que pretendía establecer un mercado común do carbón e do aceiro, suprimindo aranceis, subvencións nacionais ou medidas discriminatorias, para asegurar así a libre competencia do sector, cun abaratamento dos prezos e un fornecemento ininterrompido entre as industrias de Francia e da Alemaña occidental. Axiña uníronse a este proxecto os país do Benelux: Bélxica, Luxemburgo e mailos Países Baixos, quen xa acadaran un grao relevante de integración entre eles. A estes países uniuse Italia, feito rubricado coa sinatura do Tratado de París o 23 de xullo de 1952. A comunidade sufriu algunhas perdas no seu territorio por mor da descolonización. Alxeria, que formaba parte integrante de Francia e xa que logo da Comunidade, obtivo a independencia o 5 de xullo de 1962, polo que saíu da Comunidade. Non houbo máis ampliacións ata a década de 1970. O Reino Unido, que anteriormente se negara a unirse, mudou a súa política trala crise de Suez presentando entón a súa aplicación ás Comunidades. No entanto, o presidente francés Charles de Gaulle vetou a adhesión de Gran Bretaña por temor á influencia estadounidense no país.

Primeira ampliación editar

Así que de Gaulle deixou o seu cargo, a porta para a ampliación foi aberta de novo. Xunto co Reino Unido, Dinamarca, Irlanda e mais Noruega aplicaron e foron admitidas; porén o goberno noruegués desbotou a posibilidade de unirse á Comunidade debido á resposta negativa dos noruegueses nun referendo celebrado no país, xaora o país non entrou xunto cos outros o 1 de xaneiro de 1973. Xibraltar, Territorio Británico de Ultramar, non se uniu á Comunidade xunto co Reino Unido, o que levou a fondas discusións con España sobre o status internacional do territorio.

Antes da súa entrada, houbo unha forte oposición por parte do executivo francés á incorporación do Reino Unido. Só puido ser posíbel despois de que de Gaulle deixase o seu posto e o primeiro ministro británico Edward Heath e mailo presidente francés George Pompidou tivesen unha conversa de 12 horas para que a terceira petición do Reino Unido foi aceptada.[6] Despois de que Gran Bretaña fose aceptada o primeiro ministro Edward Heath dixo:

"Pola miña parte, non teño dúbida ningunha de que a conversa que tivemos vai probar a certeza do beneficio, non só para Gran Bretaña e Francia, senón tamén para o resto de Europa."[6]

A década de 1970 viu tamén a restauración da democracia en Grecia, España e Portugal. Grecia uniuse en 1981 e os dous estados ibéricos en 1986. No ano 1985 produciuse a única ocasión na que un país decidiu abandonar a Comunidade, acontecida cando Groenlandia obtivo a autonomía de Dinamarca, facendo daquela uso dos seus novos poderes e votando a súa saída da Comunidade. Marrocos e Turquía cursaron cadansúa solicitude de entrada no ano 1987; Marrocos foi rexeitado xa que non se considera parte do Continente europeo, namentres que a petición de Turquía foi aceptada, mais non foi ata o ano 2000 que o país recibiu o status de candidato, comezando no 2004 as súas negociacións coa UE. Actualmente un terzo dos capítulos das negociacións con Turquía xa foron abertos.

Post Guerra fría editar

 
A caída do Pano de aceiro permitiu a expansión cara ao leste. (Muro de Berlín)

Etre 1989 e 1990 a Guerra fría rematou, o 3 de outubro de 1990 a Alemaña Oriental e a do Oeste reunificárone, converténdose así o leste alemán en parta da Comunidade. A comunidade converteuse máis adiante na Unión Europea trala sinatura do Tratado de Maastricht no ano 1993. En parte debido ao fin das tensións da Guerra fría, os estados membros da EFTA facendo fronteira co bloque do leste aplicaron para unirse á Comunidade. O 1 de xaneiro de 1995 Austria, Finlandia e Suecia uníronse á UE na cuarta expansión na súa historia. O goberno noruegués volveu perder o segundo referendo para entrar na UE.

A fin da Guerra fría e maila occidentalización da Europa do leste levaron á UE a establecer unha serie de estándares para os novos países que quixesen entrar na UE. Estas regras, coñecidas como Criterios de Copenhagen, estableceron que un país con intención de unirse á Unión Europea deberá estar rexido por unha democracia, operar nun mercado libre e estar disposto a adoptar o corpo enteiro das Leis da UE.

Ampliación do bloque do leste editar

Oito países da Europa continental (República Checa, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, Eslovaquia, e Eslovenia), e mailas illas Mediterráneas de Malta e Chipre, uníronse á UE o 1 de maio do ano 2004. Esta foi a meirande ampliación en termos tanto humanos como de territorio, mais a menor no tocante ao PIB. A natureza pouco desenvolvida destes países inquietou a algúns dos vellos membros da UE, que estableceron restricións nas viaxes e dereitos de traballo dos cidadáns do leste que fosen a estes países. A migración que tivou lugar coa ampliación contribuíu a espallar algúns estereotipos (coma o do "Fontaneiro polaco")[Cómpre referencia], a pesar dos beneficios que estes traballadores achegaron aos países aos que marcharon traballar.

O 1 de xaneiro de 2007 tivo lugar a sexta ampliación ao ingresaren Romanía e mais Bulgaria,[7] países que segundo a Comisión europea non estaban preparados para entar no 2004. Ao igual cós países que ingresaron no 2004, Bulgaría e Romanía sufriron do mesmo xeito algunhas restricións. A falta de progreso nalgunhas áreas fixo que a UE os avisase de que ían ser vixiados severamente en tres puntos críticos: a corrupción e o crime organizado, o uso dos fondos europeos e a seguridade alimentaria.[8] Segundo o sitio oficial da Comisión Europea, a sinatura do tratado de adhesión de Romanía e Bulgaria "completa a quinta ampliación da UE". Xaora, a ampliación do 2004 constituíu a primeira fase da Quinta ampliación. Recentemente Elmar Brok, membro alemán do Parlamento Europeo e presidente do Comité de Asuntos Exteriores do Parlamento Europeo, engadiu "Nós non pensamos que Croacia sexa parte da futura ampliación da UE. Croacia constitúe a derradeira ampliación en curso da ampliación segundo a fórmula de 10 máis 2 máis 1."[Cómpre referencia]

Candidatos á adhesión editar

Turquía editar

Artigo principal: Turquía e maila UE.

O 6 de outubro do ano 2004, a Comisión Europea deu o visto e prace a Turquía e recomendou ao Consello da Unión Europea comezar as negociacións para o ingreso de Turquía na UE. O 29 de outubro do mesmo ano, os membros do consello da UE asinaron en Roma o Tratado polo que se establece unha Constitución para Europa, cuxo proxecto foi aprobado o 18 de xuño anterior. Recep Tayyip Erdogan asinouno en representación de Turquía. O 3 de outubro de 2005 comezáronse formalmente as negociacións aínda que como Macedonia, Turquía debe resolver temas con Grecia e admitir que foi a culpable do Xenocidio Armenio. Outra problemática é a turcochipriota, que se agarda resolva no momento no que as dúas comunidades que viven na illa de Chipre (grega ao sur e turca ao norte) cheguen a un acordo que posibilite a súa fusión nunha federación. Tras un parón nas negociacións debido a problemas internos do país, Turquía segue a realizar importantes reformas a fin de posibilitar a súa entrada definitiva na UE o antes posible. Na actualidade estanse a levar a cabo mudanzas significativas na súa constitución que favorecen a liberdade de prensa, relixiosa e respecto ás minorías.[Cómpre referencia] En xaneiro de 2009, o primeiro ministro turco pediu á Unión que axilizase as negociacións e que abrise novos capítulos, como o enerxético, básico para a estratexia europea de conseguir gas do Caspio. Referíase ao Proxecto Nabucco, gasoduto que transcorrerá por Turquía e trasladará o gas azerí cara a Europa.

Macedonia do Norte editar

Macedonia do Norte obtivo en decembro de 2005 o status de candidato oficial despois de telo solicitado formalmente en xaneiro de 2004. As negociacións aínda non comezaron. O país debe resolver tamén as súas disputas con Grecia antes de que se poida chegar a unha decisión.

Islandia editar

 
Reiquiavik, Islandia.

Islandia non solicitou nunca o ingreso de adhesión, debido en gran medida ao medo a perder o seu alto nivel de vida e recursos pesqueiros. Pertence á Asociación Europea de Libre Comercio e xa que logo mantén estreitas relacións económicas coa UE. Islandia foi un dos países máis prexudicados pola crise económica e Financeira Mundial, feito que levou aos cidadáns da illa a replantearse o feito de se adheriren ao proxecto europeo. E é que a seguridade que dá o pertencer a un mercado tan amplo e, sobre todo, o uso da moeda común, o euro, provocou que segundo as últimas enquisas actualmente a maioría de islandeses estarían a favor dunha posible entrada á UE.[9]

Despois do cambio de goberno propiciado pola crise económica, tanto o goberno islandés como a Comisión Europea están barallando o ano 2011 como data da posible adhesión de Islandia ao club dos 27, ao igual que Croacia. Deste xeito a Unión Europea pasaría a estar formada por 29 países,[10] Islandia quere ingresar na UE para o 2011 mentres que segurían á espera Turquía e Macedonia do Norte.

Candidatos potenciais[11] editar

Países Balcánicos editar

Países balcánicos: Todos os países dos Balcáns occidentais son candidatos potenciais: Albania, Bosnia e Hercegovina, Montenegro e Serbia, segundo o disposto na Resolución nº 1244 do Consello de Seguridade das Nacións Unidas. É dicir, ademais de Croacia e Macedonia, outros países creados a partir do desmembramento da República Federal Socialista de Iugoslavia, así como Albania, teñen posibilidades de adherirse á UE antes do ano 2020, sempre que as súas economías prosperen e se solucionen os seus conflitos étnicos. Nestes países, varios líderes políticos son partidarios do ingreso. Montenegro xa emprega o euro como moeda e agora está considerando o seu ingreso na UE, xa que se independizou de Serbia. Bosnia e Hercegovina xa aprobou a súa intención de entrar na UE.

 
Belgrado, Serbia

Serbia editar

O actual goberno europeísta no mando do país tralas últimas eleccións xerais favorecerá as relacións de fluidez para conseguir canto antes o status de país candidato. Isto púidose comprobar coa entrega ao Tribunal Internacional da Haia de varios dos homes máis buscados trala devastadora guerra que acabou coa antiga Iugoslavia, como Slobodan Milošević ou Radovan Karadžić. Con todo, para conseguir o devandito status de candidato, que talvez se conceda no ano 2009, deberán seguir cooperando neste eido e entregar o resto de criminais de guerra, así como resolver problemas recentes como o da independencia unilateral dunha das súas provincias, Kosovo.

Bosnia-Hercegovina editar

Este país xa amosou o seu interese en pertencer ao grupo europeo. O seu principal reto é o de integrar nun mesmo proxecto de estado a todas as etnias do país: bosníacos musulmáns, bosniocroatas e serbobosnios, entre outros.

Na actualidade, os serbios da República Serbia buscan unha maior autonomía. Con todo, a UE esixe maior colaboración entre etnias para poder ingresar na Unión. Para iso, entre outras cousas, deberán unificar as forzas de seguridade, xa que a día de hoxe os serbios posúen corpos separados aos bosníacos.

Albania editar

Xa se converteu en membro da OTAN, o cal era un dos seus grandes obxectivos, e agora pretende seguir o mesmo exemplo coa UE. Xa existe un acordo de estabilización e asociación, feito previo á declaración dun país como candidato. O seu principal reto é acabar co crime organizado e a corrupción, así como mellorar o sistema xudicial. Tamén será de importancia o seu posicionamento respecto ao caso kosovar, xa que a maioría étnica en Kosovo é a albanesa.

 
Ponte de Mostar, Bosnia e Hercegovina

Montenegro editar

Este país balcánico ten como meirande obxectivo a súa incorporación á Unión Europea. Debido á súa mocidade como estado soberano (2006), aínda ten que mellorar na súa administración. Con todo, agárdase que entre xunto co resto de estados xa mencionados en bloque antes de 2020.

Kosovo editar

É o grande interrogante dos Balcáns occidentais. Recoñecido por algúns países da UE, pero non por outros, non está recoñecido pola ONU como estado independente. Serbia non acepta a súa independencia, e segue considerándoo como parte do seu territorio nacional. Poderíase dicir que este estado de facto está nun limbo, xa que cómpre que vaia pasando o tempo para poder saber que dirección haberá de tomar.

Outros estados europeos editar

Suíza: Comezou as negociacións coa CEE para o seu ingreso, pero estas ficaron paralizadas tras un referendo en 1992. As negociacións volveron ser rexeitadas polos suízos en varias ocasións (o derradeiro referendo celebrado o 4 de marzo de 2001). Crese que o temor da perda de neutralidade e independencia é o problema clave en contra do ingreso. O goberno federal suízo polo de agora tense limitado a asinar acordos específicos coa UE no tocante ao libre tráfico de persoas e traballadores.

Noruega: Este país é remiso ao ingreso na UE entre outros motivos porque desexa manter o control dos seus recursos pesqueiros nas súas augas territoriais así como o seu alto nivel de vida. Noruega solicitou a admisión á CEE e á UE en dúas ocasións (sendo rexeitada en referendo local ambas veces). Este estado forma parte da Asociación Europea de Libre Comercio, que mantén estreitas relacións económicas coa UE. Mesmo participa nalgúns proxectos europeos. Por exemplo, Noruega participa no programa Erasmus de intercambio de alumnos universitarios.

Comunidade de Estados Independentes: Posiblemente Rusia non poderá ingresar na UE, polo menos durante as próximas décadas, debido a que o seu tamaño suporía un grave contrapeso que desequilibraría o balance interno da Unión, e a súa diferente orientación económica e industrial. Belarús, co seu sistema próximo a Rusia, permanecerá probablemente fóra da UE.

Os novos gobernos de Ucraína e Moldavia anunciaron os seus camiños de achegamento á UE e as súas peticións no futuro de ingresar na UE. Ademais, o goberno de Romania protexeu publicamente o seu total apoio á República de Moldova para que esta sexa aceptada como membro integrante da UE. Xeorxia e Armenia afirmaron en moitas ocasións a súa vocación europeísta e solicitaron o seu ingreso na UE a medio prazo. Acerbaixán podería solicitar formalmente a súa petición de entrada na UE nuns anos, aínda que a día de hoxe aínda non o fixo. Este será posible conforme se afiance o seu sistema democrático e se solucionen os seus problemas fronteirizos. Con todo, en ningún documento da Comisión Europea está plasmada esa opción.

Microestados europeos: Os estados moi pequenos, tales como Liechtenstein, San Marino, Andorra, Cidade do Vaticano e Mónaco probablemente non ingresarán endexamais, xa que a súa propia existencia como nacións soberanas está estreitamente vencellada ás súas especiais leis económicas, que non son compatibles coas leis da UE.

Estados extra-europeos editar

Tunisia: Este estado do Magreb mantén un pacto de asociación coa UE dende 1995, que comezou eliminando barreiras arancelarias na meirande parte dos seus produtos durante o período 1998-2008. Unha vez que a zona de libre comercio sexa completamente funcional, a situación de Tunisia con respecto á UE viría ser semellante á de Noruega e Islandia. Con todo, non se suscitou ningún outro tipo de relación.

 
Praia, Cabo Verde

Marrocos: Tamén parte do Magreb, este estado solicitou a súa incorporación á UE en varias ocasións, mais foi rexeitada xa que non é considerado un país europeo. Ademais, Marrocos non posúe, do mesmo xeito que Tunisia, un sistema democrático equivalente ao dos países europeos. Aínda que tamén se podería fundamentar o rexeitamento á súa posible candidatura debido aos conflitos con España sobre os territorios de Ceuta e Melilla reclamados por Marrocos.

Israel: O goberno deste estado do Oriente Medio apuntou en varias ocasións que non descarta a posibilidade de solicitar o seu ingreso na UE. Unha enquisa revelou en 2011 que o 81% dos israelís querería formar parte da Unión Europea.[12] Do mesmo xeito que no caso de Marrocos, a súa situación xeográfica podería contribuír ao rexeitamento da súa candidatura, que non se suscitou.

Cabo Verde: Cabo Verde é un arquipélago africano, antiga colonia portuguesa nas costas do Atlántico Sur. Xunto ás españolas Illas Canarias e as portuguesas Azores e Madeira, forman a chamada Macaronesia. Formalmente nunca se deu unha petición do goberno do país para adherírense á UE, malia que existiron rumores ao respecto.[13] Con todo, do mesmo xeito que nos casos anteriores, é posible que unha hipotética candidatura fose rexeitada debido á situación xeográfica das illas.

Notas editar

  1. Sentinel, Jane (22 de marzo de 2006). "EU Mulls Deeper Policy Cooperation with Morocco". European Neighbourhood And Partnership Instrument, Morocco Strategy Paper 2007 –2013 (PDF) (Informe). Reuters. p. 10. 
  2. European Commission (2005-11-10). "1972". The History of the European Union. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2006. Consultado o 2006-01-18. 
  3. European Commission (2005-11-10). "1994". The History of the European Union. Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2006. Consultado o 2006-01-18. 
  4. British Embassy, Berne (2006-07-04). "EU and Switzerland". The UK & Switzerland. Arquivado dende o orixinal o 28 de abril de 2006. Consultado o 2006-07-04. 
  5. O 3 de outubro de 1990, Alemaña do leste uníuse á Alemaña do oeste a través da Reunificación alemá; dende entón, a Alemaña unida é un só estado.
  6. 6,0 6,1 http://www.upi.com/Audio/Year_in_Review/Events-of-1971/12295509436546-1/#title Arquivado 24 de xullo de 2013 en Wayback Machine. "1971 Year in Review, UPI.com"
  7. A Unión crece até os 500 millóns de europeos Galicia Hoxe, 02/01/2007. Consultada o 02/06/2009
  8. A UE aproba a entrada de Romanía e Bulgaria en xaneiro do 2007 Vieiros.com, 27/09/2006. Consultada o 28/05/09
  9. Islandia bota a andar de camiño da UE
  10. "Islandia quiere ingresar en la UE para el 2011". El Heraldo (en castelán). EFE. 30 de xaneiro de 2009. Arquivado dende o orixinal o 02 de agosto de 2012. Consultado o 27 de maio de 2009. 
  11. É a expresión que emprega oficialmente a Comisión Europea para estes países
  12. Wiederholen (2011-07-13). "El 81% de los israelíes quiere que el país entre en la UE". https://www.religionenlibertad.com (en castelán). Consultado o 2022-05-04.  Ligazón externa en |páxina-web= (Axuda)
  13. Parlamento de Cabo Verde debaterá "adhesión" á Unión Europea[Ligazón morta]

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar