O alantoide é unha membrana extraembrionaria, orixinada como unha extensión do tubo dixestivo primitivo do endoderma do embrión de réptiles, aves e mamíferos, situado caudalmente ao saco vitelino. Inicialmente o alantoide rodea o embrión entre o amnio e o corion. Conforme avanza o desenvolvemento embrionario vai diminuíndo de tamaño transformándose nun saco alargado orixinado no talo do corpo do embrión que forma parte do cordón umbilical.

Función editar

En réptiles e aves, o alantoide ten funcións respiratorias e excretoras, como depósito de refugallos nitroxenados como o ácido úrico en forma de cristais que serán expulsados no momento que a cría rompa a casca do ovo, polo que adquire un gran tamaño. En mamíferos só ten funcións de excreción. Do alantoide xorden os vasos alantoideos que en humanos orixinarán os vasos umbilicais e as pilosidades coriónicas da placenta. O alantoide e o corion fusionados forman a membrana corioalantoidea rica en vasos sanguíneos, que é a parte fetal da placenta. No embrión do polo, o sangue contido nestes vasos achega osíxeno e dióxido de carbono xunto con outros refugallos do embrión.

Desenvolvemento nos humanos editar

A cloaca primitiva do embrión atópase en ampla comunicación coa alantoide. Entre a 4ª e a 7ª semana do desenvolvemento humano, a cloaca divídese nunha porción posterior ou conduto anorrectal, e unha porción anterior ou seo uroxenital primitivo. Esta separación débese ao crecemento dunha crista mesodérmica transversal que nace do ángulo que forman o alantoide e o intestino posterior. No seo uroxenital distínguense dúas partes. A superior e máis voluminosa é a futura vexiga urinaria, en comunicación co alantoide, que quedará reducida a un conduto obliterado desde o vértice da vexiga definitiva, o uraco ou, tamén denominado, ligamento umbilical medio. A parte máis caudal e de menor tamaño, de configuración pseudotubular e denominada porción pélvica do seo uroxenital, formará a uretra feminina e no home as porcións prostática e membranosa da uretra.