Al-Mu'tamid
Muhammad ibn 'Abbad al-Mu'tamid (en árabe محمد بن عباد المعتمد ), nado en Beja, Portugal en 1040, e finado en Agmat, Marrocos en 1095, da familia dos abaditas, foi rei da taifa de Sevilla entre 1069 e 1090.
Nome orixinal | (ar) أبو القاسم المعتمد على الله محمد بن عبَّاد |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 1040 Beja, Portugal |
Morte | 1095 (54/55 anos) Aghmat, Marrocos (pt) |
Rei | |
Emir de Sevilla | |
Datos persoais | |
Residencia | Ishbiliya |
Relixión | Islam |
Actividade | |
Ocupación | poeta, escritor, político |
Xénero artístico | Poesía |
Outro | |
Título | Rei |
Familia | Abaditas |
Cónxuxe | Al-Rumaikiyya |
Fillos | Abu Nasr al-Fath al-Ma'mun, Buthaina bint al-Mu'tamid |
Pai | Abbad II al-Mu'tadid |
Parentes | Zaida de Sevilla, nora |
Descrito pola fonte | Dicionario Enciclopédico Brockhaus e Efron Encyclopedic Lexicon (en) |
Traxectoria
editarSegundo fillo de al-Mutadid, converteuse en herdeiro cando o seu irmán máis vello foi mandado executar polo seu pai por suposta traizón.
Aos doce anos, seu pai enviouno a Silves, no Algarve, para que fose educado polo poeta Abu Bakr ibn Ammar (Ibn Ammar de Silves, o Abenámar dos cristiáns), que se convertería posteriormente no seu favorito.
No segundo ano do seu reinado, al-Mu'tamid anexionou a taifa de Córdoba, a cuxa fronte puxo a un dos seus fillos. Esta anexión supuxo unha ameaza para a taifa de Toledo, cuxo rei, Al-Mamun apoiou a un aventureiro, Ibn Ukkasha que, en 1075, se apoderou da cidade e executou ao mozo príncipe. Al-Mamún de Toledo tomou posesión da cidade, na que morreu seis meses despois. Durante tres anos al-Mu'tamid tratou de reconquistar Córdoba, o que conseguiu en 1078, ao tempo que todas as posesións do reino de Toledo situadas entre o Guadiana e o Guadalquivir pasaron a formar parte do reino de Sevilla.
Ao chegar ao trono, al-Mu'tamid nomeou visir ao seu amigo e antigo mentor Ibn Ammar (Abenámar). A súa relación foi excelente durante os primeiros anos de reinado. Por exemplo, atribúese á súa habilidade que unha expedición de Afonso VI de León contra Sevilla acabase pacificamente mediante a aceptación do pago dun duplo tributo (1078).
De todos os xeitos, Ibn Ammar caeu en desgraza como resultado da súa desastrosa xestión da anexión da taifa de Murcia. En 1078 Ibn Ammar acudiu a Ramón Berenguer II, conde de Barcelona, e lle pediu axuda para conquistar a taifa de Murcia mediante o pago de dez mil dinares. Como prenda do pago do tributo, un fillo de al-Mu'tamid, al-Rashid, serviría de refén, parece que sen o coñecemento do seu pai. Cando al-Mutamid descubriu o pacto, quixo recuperar ao seu fillo, cousa que só puido conseguir mediante o pago dunha suma tres veces maior. Unha vez conquistada a taifa de Murcia, Ibn Ammar foi nomeado gobernador, pero pouco despois conspirou para independizarse da taifa de Sevilla. Descubertas as súas pretensións tivo que fuxir de Murcia. Refuxiado en Zaragoza, intentou axudar as tuyibíes nunha expedición contra a fortaleza de Segura, pero finalmente foi feito prisioneiro e entregado a al-Mutamid, quen, a pesar dos lazos de amizade que durante moito tempo os unitan, matouno coas súas propias mans.
Sentíndose ameazado por León despois da conquista da taifa de Toledo por Afonso VI de León (1085), decidiu pedir auxilio aos almorábides que, o 30 de xullo de 1086 desembarcaron en Alxeciras. As tropas da taifa sevillana axudaron, xunto con soldados das taifas de Granada e de Badaxoz, a derrotar aos cristiáns na batalla de Zalaca (1086).
Porén, o emir almorábide Yusuf ibn Tasufin, requirido en África, volveu ao seu reino en Marrocos.
A ausencia dos almorábides contribuíu a que os reis musulmáns seguisen envolvidos nas súas disensións, de xeito que non puideron evitar novos ataques cristiáns. O rei Afonso VI tomou o castelo de Aledo (en Murcia) en 1087, bloqueando as rotas entre Sevilla e as provincias orientais de al-Ándalus. Al-Mu'tamid en persoa dirixiuse de novo a Marrakech para pedir a Yusuf ibn Tasufin que acudira en axuda dos musulmáns en al-Ándalus.
Os almorábides volveron á península (1088), pero esta vez non só combateron aos cristiáns, senón que tamén foron conquistando un a un todos os reinos de taifas. Al-Mu'tamid foi deposto polo emir almorábide en 1090 e desterrado a África, onde morreu en Agmat, nas inmediaciones de Marrakech, en 1095.
Poeta
editarAl-Mu'tamid foi un notábel poeta e, durante o seu reinado, a cultura floreceu en Sevilla. Na súa corte gozaron de favor os poetas e literatos, como o siciliano Ibn Hamdis, Ibn al-Labbana de Dénia, Ibn Zaydún ou o propio visir e poeta Ibn Ammar de Silves.
Tamén a visitaron intelectuais como Ibn Hazm (994-1063), unha das figuras centrais da cultura andalusí, o xeógrafo Al-Bakrí e o astrónomo Azarquiel (Al-Zarkali).
Obra
editar- Poesías. Edición a cargo de María Jesús Rubiera Mata. Madrid: Instituto Hispano-Árabe de Cultura, 1982. ISBN 84-7472-036-2.
Lendas
editarA partida de xadrez
editarUnha lenda conta que Ibn Ammar, o favorito de al-Mu'tamid xogou unha partida de xadrez con Afonso VI de León, o cal se encontraba asediando Sevilla (1078). A aposta era elevada, posto que o gañador decidiría o destino da cidade de Sevilla. Ibn Ammar gañou a partida e lle pediu ao rei que respectase a cidade. Afonso mantivo a súa palabra e non atacou Sevilla, quedándose co taboleiro e as pezas do xogo de xadrez. A realidade é máis prosaica, e o sitio non se levantou até que al-Mu'tamid non acordou pagar un cuantioso tributo a Afonso VI.
al-Rumaikiyya
editarPaseando un día á beira do Guadalquivir al-Mu'tamid co seu amigo Ibn Ammar, xogaban a improvisar poemas, entretemento extremadamente popular na sociedade andalusí da época. Ao levantarse unha lixeira brisa sobre o río, dixo al-Mu'tamid: "O vento tecendo lorigas nas augas". Ante o cal esperaba a resposta do seu compañeiro. Porén, Ibn Ammar non tivo tempo de responder, posto que ambos os dous escoitaron unha voz feminina que completaba a rima: "Qué coiraza se xearan!".
A voz correspondía a unha moza escondida tras os xuncos. Era unha moza belísima chamada Rumaikiyya, escrava dun arrieiro. Al-Mu'tamid quedou inmediatamente enamorado, levouna ao seu palacio e fíxoa a súa esposa, que tomou o nome de Itimad. Cando al-Mu'tamid foi deposto, Rumaikiyya partiu con el cara ao exilio.
A relación Al-Mu'tamid e Rumaikiyya foi a fonte de numerosas historias, como a que aparece no Libro de los ejemplos del Conde Lucanor y de Patronio, conto XXX, De lo que aconteció al rey Abenabed de Sevilla con su mujer, Ramaiquía, obra de Don Juan Manuel.
Na literatura
editarA vida de Al-Mu'tamid inspirou a obra de Blas Infante Motamid, último rey de Sevilla.
Precedido por: Abbad ibn Muhammad al-Mu'tadid |
Taifa de Sevilla 1069-1090 |
Sucedido por: Conquista Almorávide |
Notas
editar- ↑ O mausoleo construiuse en 1970. Até esta data as tumbas estaban en ruínas, como toda a vella cidade de Agmat. O lugar coñécese como a tumba do forasteiro (qabr al-garib) debido ao epitafio que o mesmo rei poeta escribiu e que comeza: «Tumba do forasteiro, que o orballo vespertino e o matinal te reguen, porque conquistaste os restos de Ibn 'Abbad».
Véxase tamén
editarWikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Al-Mu'tamid |
Bibliografía
editar- Dozt, Reinhart (2009): Le dernier émir de Séville. Crespières (Francia): Ed. Milelli. ISBN 978-2-916590-12-7.
- García Gómez, Emilio (1953): "Supuesto sepulcro de Mu'tamid de Sevilla en Agmat". Al-Andalus: revista de las Escuelas de Estudios Árabes de Madrid y Granada, Vol. 18, Nº 2, pp. 402–411.
- Rubiera Mata, María Jesús (1981): "Algunos problemas cronológicos en la biografía de al-Mu'tamid de Sevilla: la conquista de Silves y el matrimonio con Rumaykiyya". Actas de las Jornadas de Cultura Arabe e Islámica (1978), 1981. ISBN 84-7472-029-X, pp. 231–236.
- Rubiera Mata, María Jesús (1982): Poesías / Al Mutamid Ibn Abbad; antología bilingüe. Madrid / Sevilla / Doha: Instituto Hispano-Árabe de Cultura / Universidad de Sevilla / Universidad de Qatar.
Outros artigos
editarLigazóns externas
editar- Abul Qasim Muhammad ibn Abbad, Rey de la taifa de Sevilla (1039-1095). Por Juan Miguel Moraleda Tejero, en mcn.biografías.com (en castelán) Consultada o 12 de agosto de 2014.
- La Sala de las Pléyades en los Reales Alcázares de Sevilla (II Parte), artigo sobre a residencia de Al-Mu'amid onde poden lerse algúns dos poemas deste rei poeta. (en castelán) Consultada o 12 de agosto de 2014.
- Poems by Al-Mu'tamid ibn Abbad (en inglés) Consultada o 12 de agosto de 2014.
- The Poet-King of Seville (en inglés) Consultada o 12 de agosto de 2014.