Air Europe foi unha aeroliña británica independente e de capital totalmente privado. Fundouse no ano 1978 co nome provisional Inter European Airways e adoptou o de Air Europe o ano seguinte. As súas oficinas principais estiveron inicialmente en Reigate, Surrey pero posteriormente trasladáronse a Crawley, West Sussex.

Air Europe
IATA
AE
OACI
AOE
Indicativo
Air Europe
Fundación1979
Fin das operacións1991

A súa principal base de operacións estivo no aeroporto londiniense de Gatwick, onde comezaron as súas actividades en maio de 1979 con tres Boeing 737-200 Advanced novos.

Air Europe foi fundada por Errol Cossey e Martin O'Regan, dous antigos executivos de Dan-Air. Harry Goodman, que fundara Intasun Leisure durante os priemrios anos dos 70, converteuse no principal apoio financeiro da compañía ademais de ser o presidente do International Leisure Group (ILG), a nai de Air Europe e Intasun Leisure.

Air Europe foi o princial provedor de prazas charter para Intasun Leisure, que medrou durante os anos 80 para converterse no segundo tour-operador do Reino Unido. Air Europe expandeuse agresivamente durante esa década e chegou a ser unha das principais aeroliñas charter do país.

Cara finais dos 80 Air Europe foi a primeira aeroliña en adquirir presenza pan-europea ao crear varias filiais no continente. Tamén se fixo con dúas pequenas aeroliñas rexionais, formando o núcleo da nova Air Europe Express.

O éxito de Air Europe chegou ao seu fin cando os crecentes problemas financeiros da súa compañía nai comezaron a minar o rendemento da aeroliña e as súas compañías irmás a finais de 1989. ILG e todas as súas subsidiarias con base no Reino Unido declaráronse en bancarrota o 8 de marzo de 1991.