Afonso X o Sabio

rei de Castela e León
(Redirección desde «Afonso X de Castela»)

Afonso X, tamén coñecido como Afonso IX,[1][2][3] nado en Toledo o 23 de novembro de 1221[4] e finado en Sevilla o 4 de abril de 1284, foi rei de Castela e León.[5]

Afonso X o Sabio
Rei da Coroa de Castela
Rei de romanos (disputado)
Miniatura Afonso X no Tumbo A
Catedral de Santiago de Compostela
Rei de Castela e León
1252 - 1284
PredecesorFernando III
SucesorSancho IV
Rei electo de romanos
1257 - 1275
PredecesorGuillerme de Holanda
SucesorRodolfo I de Habsburgo

Reinado1 de xuño de 1252
4 de abril de 1284
Coroación1 de xuño de 1252
Nacemento23 de novembro de 1221
Toledo
Falecemento5 de abril de 1284
Sevilla
Cónxuxe/sViolante de Aragón
DescendenciaVéxase Descendencia
Casa realCasa de Borgoña
ProxenitoresFernando III
Elisabeth von Hohenstaufen
(Coñecida como Beatriz de Suabia)

Escudo de Afonso X o Sabio
Escudo de armas de Afonso X
Na rede
Bitraga: 5538 Musicbrainz: 6c7be16e-8fb3-44c7-841e-4cf2f08c13e4 Discogs: 1000587 IMSLP: Category:Alfonso_X_of_Castile WikiTree: Castilla-113 Find a Grave: 8087629 Deezer: 3012031 Editar o valor em Wikidata

Á morte do pai, Fernando III o Santo, retomou a ofensiva contra os musulmáns, e ocupou Xerez (1253), arrasou Salé, o porto de Rabat (1260) e conquistou Cádiz (contra 1262). En 1264 tivo que facer fronte a unha importante revolta dos mudéxares de Murcia e do val do Guadalquivir.

Como fillo de Beatriz de Suabia, da casa de Hohenstaufen, aspirou á coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico, proxecto ao que dedicou máis da metade do seu reinado sen obter éxito.

Os últimos anos do seu reinado foron especialmente sombríos, debido ao conflito sucesorio provocado pola morte prematura do seu primoxénito, Fernando de la Cerda, e a minoría de idade dos outros fillos, o que desembocou na rebelión aberta do infante Sancho e de gran parte da nobreza e das cidades do reino. Afonso morreu en Sevilla durante o transcurso desta revolta, non sen antes desherdar o seu fillo Sancho.

Levou a cabo unha activa e beneficiosa política económica, reformando a moeda e a facenda, concedendo numerosas feiras e recoñecendo en 1273 o Honrado Consejo de la Mesta.

Tamén é recoñecido pola súa obra literaria, científica, histórica e xurídica realizada polo seu escritorio real. Afonso X patrocinou, supervisou e, moitas veces, participou coa súa propia escritura e en colaboración cun conxunto de intelectuais latinos, hebreos e islámicos coñecido como Escola de Tradutores de Toledo, na composición dunha inxente obra literaria que iniciou en boa medida a prosa en castelán. Destacan as Sete Partidas (Las Siete Partidas), unha recompilación xurídica e de principios do dereito, e algúns tratados de xadrez e de astronomía. Ademais escribiu poesía en galego-portugués, como as Cantigas de Santa María, realizando unha grande achega á lingua culta do momento na corte do reino, a lingua galego-portuguesa. Tamén escribiu poemas trobadorescos. Por todo isto foi alcumado o Sabio. Dedicóuselle o Día das Letras Galegas en 1980.[6]

En 1935 recoñeceuse como astrónomo nomeándose no seu honor o cráter lunar "Alphonsus".[7]

Traxectoria editar

Infancia e educación editar

Afonso era o fillo primoxénito de Fernando III de Castela e León, o Santo e de Elisabeth von Hohenstaufen, máis coñecida como Beatriz de Suabia, que era filla de Filipe de Suabia, rei de Alemaña, e neta do emperador Federico I Barbarroxa). Para encargarse da súa crianza foi designada como ama Urraca Pérez e como aio García Fernández de Villamayor, que fora mordomo da raíña Berenguela e cuxa segunda esposa era Maior Arias de Limia. Con ambos os esposos criouse en Villaldemiro e en Celada del Camino.[8][9] Parte da súa infancia pasouna nas propiedades que tiñan os seus coidadores na comarca de Allariz, concretamente no castelo de Maceda onde, segundo a tradición, aprendeu o galego.[4][10][11] que utilizou nas Cantigas de Santa María compostas no seu scriptorium e, polo menos dez delas, seguramente debidas ao mesmo rei.[12] Xa na Corte de Toledo recibiu unha esmerada educación en múltiples campos, á vez que empezou a relacionarse cos herdeiros das principais familias nobres dos reinos de Castela e de León.

Aínda infante, participou na toma de varias prazas andaluzas, entre elas Cádiz; porén, tivo que renunciar á posesión do Reino do Algarve (polo tratado de Badaxoz de 1267), e ás súas aspiracións sobre o Reino de Navarra. Tamén fracasou na disputa pola coroa do Sacro Imperio Romano Xermánico, aínda que conseguiu que o elixisen rei de romanos, o paso previo para acadar a coroa imperial.

Campaña en Andalucía e batalla de Xerez (1231) editar

En 1231, mentres Fernando III percorría as principais cidades do Reino de León despois de tomar posesión del, o soberano enviou o seu fillo o infante Afonso, que contaba daquela con nove anos de idade e estaba en Salamanca, a devastar os reinos musulmáns de Córdoba e Sevilla, acompañado polos magnates Álvaro Pérez de Castro el Castellano e Gil Manrique. Porén, varios historiadores sinalaron que o infante Afonso ao que se refiren as crónicas da época non foi o fillo de Fernando III o Santo, senón o seu irmán, o infante Afonso de Molina, fillo do defunto Afonso IX de León.[13] Porén, segundo a versión que sostén a Crónica, o infante Afonso presente na batalla era en realidade o fillo do rei Fernando III:

 
Vista do Alcázar de Xerez da Fronteira. A batalla de Xerez, librada en 1231, supuxo a derrota das tropas do rei musulmán de Sevilla.
Mandó a don Alvar de Castro, el Castellano, que fuese con él, para guardar el infante y por cabdillo de la hueste, ca el infante era muy moço e avn non era tan esfforçado, e don Alvar Pérez era omne deferido e muy esforçado.[14]

Desde Salamanca, e pasando por Toledo, onde se lles uniron corenta cabaleiros toledanos, dirixíronse cara a Andújar e, desde alí, encamiñáronse a devastar a terra de Córdoba, e posteriormente, a vila cordobesa de Palma del Río, onde exterminaron a todos os habitantes e tomaron a localidade, dirixíndose a continuación cara ao Reino de Sevilla e cara a Xerez da Fronteira, onde instalaron o campamento cristián nas proximidades do río Guadalete.[15] O emir Ibn Hud, que reunira un numeroso exército dividido en sete corpos, interpúxose con el entre o exército cristián e a cidade de Xerez da Fronteira, obrigando ás tropas de Afonso a combater. Durante a batalla que se librou a continuación, coñecida como a batalla de Jerez, o exército de Afonso derrotou as tropas musulmás a pesar da superioridade numérica destas. Despois da súa vitoria na batalla de Xerez, Álvaro Pérez de Castro dirixiuse ao Reino de Castela e entregou ao infante Afonso a seu pai o rei, que se encontraba na cidade de Palencia.

Afonso X o Sabio referiuse posteriormente a esta batalla, librada no ano de 1231, e na que Álvaro Pérez de Castro el Castellano acaudillou as hostes cristiás, do seguinte modo:

Conviene que sepades los que esta estoria oyredes que la cosa del mundo que más quebrantó a los moros, por que el Andaluzía ovieron a perder e la ganaron los christianos dellos, fue esta cabalgada de Xerez, ca de guisa fincaron quebrantados los moros, que non pudieron después auer el atreuimiento nin el esfuerço que ante avíen contra los christianos, tamaño fue el espanto e el miedo que tomaron desa vez.[15]

Conquista dos Reinos de Murcia e de Sevilla editar

 
Retrato de Afonso X. Concello de Sevilla (séc. XIX).

Cumprida a maioría de idade aos dezanove anos, Afonso utiliza oficialmente o título de herdeiro e comeza a exercer actividades de goberno no Reino de León. Pouco despois, enfrontou diversas operacións militares. En 1243, debido á enfermidade que sufría seu pai, o infante fíxose cargo da campaña de conquista do Taifa de Murcia (1243-1245), coa axuda de certos caudillos musulmáns do territorio. No transcurso destas operacións asinou o tratado de Almizra (26 de marzo de 1244) con Xaime I de Aragón, seu futuro sogro, establecendo as fronteiras entre ambos os reinos.

En 1246-1247 participou na guerra civil portuguesa, apoiando a Sancho II de Portugal fronte ao seu rival Afonso de Boloña. En 1247-1248 participou en primeira liña na conquista de Sevilla. A causa da quebrantada saúde do seu pai, Afonso ocupouse da repartición entre os membros da hoste dos novos territorios adquiridos, así como de distintos labores de goberno.

En 1248 comezou a conquista do Reino Taifa de Murcia que lle correspondía en virtude do tratado de Almizra, polo que as cidades de Villena, Alacant, Elx, Orihuela, Murcia, Lorca e Cartaxena foron incorporadas á Coroa de Castela. Ao pouco, serían entregadas as vilas e fortalezas do Vinalopó, a modo de apanage, ao seu irmán, o infante Manuel de Castela, sendo creado o Señorío de Villena.

Matrimonio editar

Sendo Afonso un adolescente tratouse do seu matrimonio en dúas ocasións. A primeira foi en 1234 coa infanta Branca de Champaña, filla do rei Teobaldo I de Navarra.[16] Posteriormente, con Filipa de Ponthieu, irmá da súa madrasta a raíña Xoana, para cuxo enlace o papa emitiu dispensa o 31 de agosto de 1237. Ambos os compromisos quedaron sen efecto e, en 1240, dous anos antes da toma da cidade de Sevilla, foi acordado o seu casamento coa infanta Violante de Aragón, segundo consta no testamento de 1 de xaneiro de 1241 de Xaime I o Conquistador, rei de Aragón, onde cita á súa filla como.

Ioles, coniugi Alfonsi, primogeniti illustris regis Castellae.

A voda do rei Afonso con Violante celebrouse o 29 de xaneiro de 1249 na Colexiata de Santa María a Maior de Valladolid. A futura raíña estivo a punto de ser repudiada por estéril, pero quedou embarazada tras repousar na cidade de Alacant tras a súa conquista en 1248.

O 30 de maio de 1252 faleceu Fernando III o Santo, e o 1 de xuño foi proclamado rei o infante Afonso, que reinaría como Afonso X de Castela e de León.

Política interior editar

Foi o do Rei Sabio un reinado reformador, que iniciaría o proceso que desembocaría no Estado Moderno da época dos Reis Católicos. Fundamentou, así mesmo, a supremacía de Castela entre os reinos peninsulares.

O Honrado Concejo de la Mesta de pastores foi creado en 1273 por Afonso X o Sabio, reunindo nel a todos os pastores de León e de Castela nunha asociación nacional e outorgándolles importantes prerrogativas e privilexios tales como eximilos do servizo militar, de testificar nos xuízos, dereitos de paso e pastoreo, etc.

 
Portada das Sete Partidas.

Reformas lexislativas editar

Afonso X pretendía renovar e unificar os diversos foros que rexían nos seus dominios. Para lograr este obxectivo, o primeiro paso foi a redacción do Foro Real para as cidades do país. O espéculo das leis, promulgado en 1255, foi a primeira redacción dun código legal unificado, na liña do Foro Real.

En 1256 chegou unha embaixada da cidade italiana de Pisa ofrecendo a Afonso o seu apoio para optar ao trono do Sacro Imperio Romano Xermánico. O rei castelán decidiu entón que o seu equipo de xuristas elaborase un novo código legal ampliado, baseado no Espéculo e no Dereito romano-canónico. Trátase das Sete Partidas, redactadas entre 1256 e 1265, e das que se chegou a dicir que son, pola súa calidade e transcendencia interna e exterior, equiparábeis no mundo do dereito ao que foi a obra de Tomé de Aquino para a teoloxía.[17]

As reformas lexislativas do rei produciron o rexeitamento de elementos cidadáns e nobiliarios, cuxos privilexios se vían ameazados pola crecente intervención do Estado nas lexislacións privativas. Este rexeitamento foi unha das causas da gran rebelión nobiliaria de 1272.

Actividade de repoboación editar

 
Noven, moeda de billón, cuñada na ceca da Coruña durante o reinado de Afonso X. A lenda di en latín "Moeda de Castela e de León".
 
Selo de Afonso X.
 
Estatua de Afonso X diante da Biblioteca Nacional (Madrid).
 
Estatua de Afonso X xunto ao Castelo de San Marcos. Puerto de Santa María.

O labor máis importante neste ámbito emprendida polo monarca foi a repoboación do antigo Reino de Sevilla, que permitiu consolidar as conquistas de Fernando III. Nada máis renderse a cidade hispalense, procedeu á repartición das casas do seu centro urbano e das terras dos arredores entre os soldados das hostes reais e nobiliarias, así como entre xentes procedentes de todos os recunchos da Coroa de Castela. Este modelo de repoboación, que baleirou de musulmáns aquelas localidades que foran tomadas pola forza ou que capitularon tras un sitio (caso das principais cidades do Guadalquivir), que conviviu co mantemento da poboación autóctona en diferentes zonas. Moitas localidades das serras de Xaén e Córdoba, e outras dos campos e chairas, rendéronse aos casteláns mediante capitulación, pola cal estes se facían cargo das súas fortalezas e do cobro de impostos, mentres que os mudéxares conservaban certa autonomía política e relixiosa.

Este sistema non foi viábel despois da revolta mudéxar de 1264. A expulsión que se produciu de musulmáns nas terras andaluzas e o esgotamento demográfico dos reinos de Castela e de León, tivo como consecuencia unha baixísima densidade de poboación no sur da península, que non puido ser paliada polo labor de repoboación de Afonso X na comarca do Guadalete e na baía de Cádiz, nin polas iniciativas señoriais na fronteira co Reino nazarí de Granada. Finalmente, os repoboadores concentráronse nas grandes cidades do val do Guadalquivir.

Tamén impulsou Afonso X a chamada repoboación interior, coa fundación de vilas e polas (pobras) novas en rexións do norte e o interior peninsular. Con iso pretendía reforzar a xurisdición reguenga en zonas nas que tradicionalmente predominaran os señoríos de distinto tipo. Así, pódense enumerar as seguintes:

A revolta mudéxar editar

Aos poucos anos de aceptar a submisión a Castela, que xa ofreceran a Fernando III, os pequenos territorios tributarios de Niebla e Xerez da Fronteira viron como Afonso X lles arrebataba pola forza das armas a pouca autonomía que lles quedaba. Esta circunstancia, así como outros incumprimentos das capitulacións acordadas no seu día cos musulmáns andaluces e murcianos que se renderan sen resistencia durante as campañas de Fernando III, provocou unha sublevación concertada entre a poboación mudéxar do sur peninsular, apoiada polo rei de Granada (1264). A rebelión foi facilmente sufocada en Andalucía en poucos meses, mentres que en Murcia, abandonada á súa sorte, foi necesaria a intervención combinada de tropas castelás e aragonesas, ao mando do propio Xaime I de Aragón. Esta revolta tivo como consecuencia a expulsión ou a fuxida de moitos mudéxares andaluces, e o despoboamento de vastas zonas no val do Guadalquivir.

Política exterior editar

A cuestión do Algarve editar

Durante todo o seu reinado Afonso X titulouse "Rei do Algarve". A orixe desta atribución é escura. Segundo algúns autores, como o Marqués de Mondéjar, o Algarve sería doado a Afonso por Sancho II de Portugal en pagamento polo apoio que o castelán lle dera en 1246 contra aquel que terminaría por apartalo do goberno, o seu irmán Afonso III de Portugal (coñecido tamén como Afonso de Boloña). Para outros, como José Mattoso,[18] a reivindicación do rei castelán sobre as terras ao sur de Lisboa reflectían o desexo de ver recoñecida a súa superioridade feudal sobre o monarca portugués; outros, tamén se ven os dereitos de Afonso X no Algarve aos obtidos polo rei da Taifa de Niebla. Sexa como for, tras a subida ao trono de Afonso X de Castela, iniciouse unha guerra entre ambos os reis polo control do Algarve. O conflito finalizou en 1253 ao acordaren o matrimonio do rei portugués cunha filla, ilexítima, do rei Afonso X, Beatriz, e a entrega dun usufruto sobre o Algarve en beneficio do rei castelán até que o fillo dese matrimonio alcanzara os sete anos de idade.[19] [20]

En 1260 Afonso X engadiu aos seus títulos o de rei de Algarve. Pero en 1263, ratificado en 1264,[21] cedeu o usufruto do Algarve ao seu neto Dinís, herdeiro do rei portugués, a cambio dunha vasalaxe militar.[22] [23] O tratado de Badaxoz, de 1267, liquidou este tributo militar e fixáronse as fronteiras no río Guadiana.

O rei castelán seguiu porén empregando o título de rei de Algarve, pero só pola referencia ao territorio da antiga taifa de Niebla.[20] Pola súa parte, o rei Afonso III empezou a empregar o título de rei de Portugal e do Algarve desde marzo de 1268.[24]

O fecho del Imperio editar

Á morte do rei de romanos Guillerme de Holanda en xaneiro de 1256 produciuse un problema sucesorio pola elección do seguinte rei de romanos. En marzo, a cidade de Pisa enviou unha embaixada ao rei de Castela Afonso X o Sabio, que os recibiu en Soria, ofrecéndolle a súa submisión e o seu apoio como cabeza da casa de Suabia (ou Hohenstaufen) e como xefe do partido xibelino, oposto ao papa; deste xeito Pisa compensaba os beneficios da súa rival Xénova. O rei castelán deu a súa aprobación para ser elixido rei de romanos, paso previo á coroación polo papa como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico. Pero o rei de Inglaterra Henrique III propuxo o seu irmán Ricardo de Cornualla como candidato. Por outra parte estaba o complexo sistema de elección do emperador, que correspondía a sete príncipes electores alemáns.

 
Afonso X o Sabio, rei electo de romanos. Miniatura do Libro de retratos de los Reyes, 1594.
 
Selo de Ricardo de Cornualla, rei rival de Afonso. A lenda di RICARDUS DEI GRATIA ROMANORUM REX SEMPER AUGUSTUS ('Ricardo pola graza de Deus rei de romanos sempre augusto').
 
Batalla de Benevento.

Tras gastar ambos os candidatos grandes cantidades de diñeiro para subornar os electores, o 1 de abril os partidarios de Afonso, o arcebispo de Tréveris, o duque de Saxonia, xunto cos poderes outorgados polo margrave de Brandeburgo e polo rei de Bohemia Otakar I, elixiron rei de romanos a Afonso en Frankfurt. Pero Otakar I, interesado en manter o reino vacante deu o seu voto a ambos os candidatos. O rei castelán distribuíu grandes cantidades de diñeiro aos seus partidarios para manter viva a súa causa en Alemaña; pero en Italia, o papa Alexandre IV (o valenciano Roderic de Borja) deuse de conta de que a presenza dos casteláns favorecía a causa dos xibelinos, pois seu inimigo Ezzelino da Romano era partidario de Afonso.[25] A pesar de todo, Afonso X enviou unha embaixada ao papa para lograr a súa lexitimación, aquietando as suspicacias do papa acerca do seu xibelinismo, nada extremista.

Tres electores votaron por Ricardo (ademais do voto duplo de Otokar). O inglés viaxou a Aquisgrán, onde foi coroado como rei de romanos xunto á tumba do primeiro emperador medieval de Europa Occidental, Carlomagno. O castelán, en cambio, permaneceu nos seus reinos, co que perdeu a súa oportunidade de facer valer a súa elección como rei de romanos. Nunca pisaría terra alemá.

Á morte de Ezzelino da Romano (1259), os xibelinos tenderon agora a unirse en torno a Manfredo de Sicilia, recentemente coroado como rei de Sicilia, sen que o papa estivese disposto a recoñecelo, posto que o excomungara. Nese momento, os xibelinos podían aspirar á hexemonía sobre toda Italia, e calquera alivio á terrible presión que estes exercían sobre o papa era ben recibido: de aí que Alexandre IV acollese ben aos embaixadores casteláns prometéndolles que na querela imperial se atería á máis estrita xustiza. Tras unha sede vacante de tres meses, o patriarca de Xerusalén, Xacobe Pantaleón, de orixe francesa, foi elixido en setembro de 1261 como novo papa, como Urbano IV (1261–1264), que nunca pisaría Roma e, aínda que mantivo unha teórica actitude de neutralidade entre os dous candidatos, o castelán e o inglés, non estaba disposto a que ningún dos dous puidese sumar as súas forzas ás dos seus inimigos os xibelinos. Ante isto, ideou unha arbitraxe que lle permitise demorar a súa sentenza o tempo que fora necesario.[26]

Porén, ante o avance irresistíbel dos xibelinos, e a pesar de que Afonso X intentaba que os güelfos se adherisen a súa causa mantendo hostilidade cara a Manfredo, o papa Urbano IV ignorou o acordo que establecera Alexandre IV, e púxose nas mans de Francia, onde finalmente contou coa aprobación do rei Lois IX para que o seu irmán Carlos de Anjou asinase un acordo o 15 de agosto de 1264 co papa, no que aceptaba a investidura do Reino de Sicilia e, mentres, Urbano IV seguiu dilatando a súa arbitraxe sobre a disputa da coroa imperial. Carlos de Anjou iniciou unha empresa implicando á banca güelfa, especialmente a Orlando Bonsignori, que se beneficiaría dos territorios do reino siciliano, o que ía en contra dos intereses de Pedro III de Aragón, casado coa filla de Manfredo Constanza II de Sicilia, e que tamén aspiraba a este Reino.

Mentres que o exército anxevino avanzaba por Italia con apoio güelfo, faleceu o papa Urbano IV e foi elixido o tamén francés, Clemente IV (1265-1268), que tampouco entrou en Roma, quedando ben establecido en Viterbo. Este papa mantivo unha actitude abertamente favorábel a Carlos de Anjou e, cando este alcanzou Roma por mar, foi elixido senador e coroado como rei de Sicilia o 6 de xaneiro de 1266 por cardeais designados polo papa. Cando o exército anxevino chegou a Roma, Carlos emprendeu a campaña contra Manfredo, que saíu do seu letargo para encontrarse cos anxevinos na batalla de Benevento, o 26 de febreiro de 1266, onde o exército siciliano foi derrotado e o propio Manfredo encontrou a morte. Desta maneira, Carlos de Anjou logrou facer efectivo o seu control sobre todo o reino. E deste xeito impulsou o güelfismo en Italia, como o establecemento de Filipe della Torre en Milán, o marqués de Este en Ferrara e, en Florencia, os xibelinos foron de novo expulsados.

Pola súa parte, a pesar de que Afonso X insistía en non favorecer o xibelinismo, co que se privou do único apoio do que puidera dispoñer, os embaixadores casteláns, aproveitando que o infante Henrique de Castela apoiara o financiamento da empresa de Carlos de Anjou e posto que estaba na Corte pontificia, exerceron presión sobre Clemente IV para que pronunciase a sentenza a favor do rei castelán. Porén, ao desaparecer a resistencia xibelina en Benevento, o papa non considerou necesario manter unha postura contemporizadora co rei castelán.

En todos estes anos Afonso desembolsou enormes cantidades de diñeiro para sufragar as súas xestións para ser coroado emperador polo papa, así como para apoiar militar e financeiramente aos seus partidarios en Italia e Alemaña. Desgraciadamente para o monarca castelán, a Igrexa romana foi alongando o preito até que Afonso se viu obrigado a renunciar en 1275, tras unha entrevista en Beaucaire co papa Gregorio X.

Detrás deste contencioso puido estar a intención do Rei Sabio de verse recoñecido como superior polos outros reis peninsulares, recuperando a vella supremacía teórica que tivera o seu antepasado Afonso VII o Emperador.

O fecho de Allende editar

 
Lápida nas Atarazanas Reales de Sevilla.

Nos comezos do seu goberno, Afonso X retomou un vello proxecto do seu pai, o de continuar a Reconquista alén do estreito de Xibraltar. Para iso finalizou os grandes arsenais reais de Sevilla, que foron os maiores estaleiros de Europa na época, para construír a frota necesaria para a invasión de África, nomeou un almirante maior do mar, e conseguiu de Roma a autorización para predicar a Cruzada en Castela, o que significaba poder recadar diñeiro a cambio de beneficios espirituais. Nomeáronse incluso cargos episcopais para as futuras dioceses magrebís, e iniciáronse contactos diplomáticos con distintos reis do Norte de África.

Pero a pesar de todos estes preparativos, non se emprendeu a invasión a grande escala do Magreb. Todo se reduciu a unhas poucas expedicións de rapina e á toma dalgunha praza costeira illada. A incursión máis coñecida foi a de Salé, importante porto marroquí (o porto de Rabat) saqueado no verán de 1260 pola frota do almirante Juan García de Villamayor (fillo de García Fernández de Villamayor, o aio de Afonso X). Pero o obxectivo principal desta Cruzada, Ceuta, permaneceu en mans islámicas.

Os difíciles últimos anos editar

Na última etapa da súa vida, Afonso X tivo que enfrontar diversos fracasos e desgrazas, incluíndo a morte do seu herdeiro Fernando de la Cerda (1275), rebelións de nobres e no seo da súa propia familia, o fracaso do intento da conquista de Alxeciras (1278), e as invasións benimeríns.

A rebelión nobiliaria de 1272 editar

 
Afonso X e a súa corte, do Libro dos xogos.

En 1272 a gran maioría dos nobres, encabezados polo infante Filipe (irmán de Afonso X) e Nuño González de Lara, expuxeron unha serie de reivindicacións ao monarca. Estas poderían resumirse na petición de máis ingresos percibidos da Coroa polos ricoshomes, a renuncia á política autoritaria e centralizadora do soberano e a derrogación das leis que este impuxera para levala a cabo. Ao facer Afonso oídos xordos a estas protestas, os aristócratas "desnaturáronse" (renunciaron ao seu señor feudal) e exiliáronse ao Reino nazarí de Granada, levando canda eles aos seus exércitos feudais, e provocando graves danos ao seu paso cara a Granada. Entre 1272 e 1273 o infante herdeiro, Fernando de la Cerda, negociou a reconciliación cos rebeldes nun difícil contexto de guerra contra nazarís e benimeríns. Finalmente, o príncipe logrou a paz con eles e co Reino de Granada.

A problemática sucesión editar

O primoxénito e herdeiro ao trono, Fernando de la Cerda, faleceu en 1275 en Villa Real (actual Cidade Real), cando se dirixía a facer fronte a unha nova invasión norteafricana en Andalucía. De acordo co dereito consuetudinario castelán, en caso de morte do primoxénito na sucesión á Coroa, os dereitos debían recaer no segundoxénito, Sancho; porén, o dereito romano privado introducido nas Sete Partidas establecía que a sucesión correspondía aos fillos de Fernando de la Cerda.

 
Capela Real da Catedral de Sevilla.

O rei inclinouse en principio por satisfacer as aspiracións de Sancho, que se distinguira na guerra contra os invasores islámicos en substitución do seu defunto irmán. Mais o rei, influenciado pola súa esposa Violante e por Filipe III de Francia, tío dos chamados "infantes de la Cerda" (fillos de Fernando), viuse obrigado a compensar a estes. Sancho, coñecido pola historiografía como o Bravo polo seu forte carácter, enfrontouse ao seu pai cando este pretendeu crear un Reino en Xaén para o maior dos fillos do antigo herdeiro, Afonso de la Cerda.

Finalmente, o infante Sancho e boa parte da nobreza do Reino rebeláronse, chegando a desposuír a Afonso X dos seus poderes, aínda que non do título de rei (1282). Só Sevilla, Murcia e Badaxoz permaneceron fieis ao vello monarca. Afonso maldiciu o seu fillo, ao que desherdou no seu testamento e, axudado polos seus antigos inimigos os benimeríns empezou a recuperar a súa posición. Cando cada vez máis nobres e cidades rebeldes ían abandonando a facción de Sancho, morreu o Rei Sabio en Sevilla, o 4 de abril de 1284. Sancho, a pesar de ser desherdado, foi coroado en Toledo o 30 de abril de 1284, como Sancho IV de Castela.

Descendencia editar

Antes de contraer matrimonio, Afonso tivo varios fillos naturais, sendo estes a as súas respectivas nais, os seguintes:[27]

Con María Afonso de León, a súa tía, filla ilexítima do rei Afonso IX de León e Teresa Gil de Soverosa, tivo a:

  • Berenguela Afonso (c. 1241-?). Contraeu matrimonio, despois de 1264, con Pedro Núñez de Guzmán, que morreu na súa xuventude e sen descendencia.

Con Elvira Rodríguez de Villada, filla de Rodrigo Fernández de Villada, tivo a:

Con Mayor Guillén de Guzmán, I señora de Alcocer, Cifuentes, Viana de Mondéjar, Palazuelos, Salmerón e Vadesliras, filla de Guillén Pérez de Guzmán e de María González Girón, foi pai de:

Do seu matrimonio con Violante naceron varios fillos:

Estando xa casado Afonso tivo os seguintes fillos de nai descoñecida, ambos os dous menores de idade cando seu pai outorgou testamento en xaneiro de 1284:

  • Martín Afonso, abade en Valladolid, mencionado como irmán de Urraca Afonso no codicilo do testamento do rei.
  • Urraca Afonso, citada tamén no codicilo do testamento de Afonso X, quen lle encomendou á súa filla natural Beatriz a misión de casala honradamente. Contraeu matrimonio con Pedro Núñez de Guzmán, adiantado maior de Castela, señor de Derruña e de San Román, con descendencia.

O primeiro fillo lexítimo de Afonso, Fernando de la Cerda morreu antes que o pai. Foi o segundo, Sancho, quen o sucedeu no trono.

Afonso X o Sabio faleceu o 4 de abril de 1284, con 63 anos. O seu corazón foi enterrado no Monte Calvario de Xerusalén.

Afonso X e a cultura editar

A educación de Afonso foi esmerada; o monarca tiña unha gran sede de saber e un gran respecto á cultura porque a súa nai, Beatriz de Suabia, era de feito unha erudita que, cando quedou orfa de ambos os pais instruíuse na culta corte siciliana (unha amálgama dos saberes normandos, gregos e árabes) de Frederico II Hohenstaufen, futuro emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, que protexeu e fomentou a ciencia e a cultura e en 1224 fundou a Universidade de Nápoles. Un retrato de Afonso o Sabio que subliña a paixón real polos coñecementos herdada da súa nai ofréceo o Libro de los judizios (3a, 1-22):

En este nuestro tiempo Dios nos denó dar señor en tierra conocedor de derechuría e de todo bien, amador de verdat, escodriñador de sciencias, requiridor de doctrinas e de enseñamientos, qui ama e allega a sí los sabios e los que s’ entremeten de saberes e les faze algo e mercet, porque cada uno d’ellos se trabaja espaladinar los saberes en que es introducto, e tornarlos en lengua castellana a laudor e a gloria del nombre de Dios e a ondra e en prez del antedicho señor, él qui es el noble Rey do Alfonso […] qui sempre desque fue en este mundo amó e allegó a sí las sciencias e los sabidores en ellas e alumbró e cumplió la grant mengua que era en los ladinos por defallimiento de los libros de los buenos filosofos e provados.
 
Páxina da Grande e general estoria. Manuscrito da Biblioteca do Escorial.
 
Afonso X no Prólogo do Códice Rico das Cantigas de Santa María.

Desde a súa xuventude, antes de 1252, data en que foi coroado rei, o príncipe Afonso, ademais de escribir cantigas de escarnio en galego-portugués e, moi probabelmente, algúns himnos de loor a Virxe María, auspiciou a tradución dun libro de contos exemplares (o exempla) en castelán: o Calila y Dimna.

Xa maior, mandou chamar á súa Corte a trobadores como o xenovés que escribía en occitano e galego-portugués Bonifaci Calvo, os cataláns Arnaut Catalán e Cerverí de Girona, os franceses Guiraut Riquer e Peire Cardenal e os galegos Airas Nunes, Pero da Ponte e Afonso Eanes do Coton; tamén houbo poetas hispanohebreos famosos que lle dedicaron eloxios en verso, como o toledano Todros Abulafia, autor dun vasto cancioneiro composto durante o seu reinado, aínda non traducido ao español. Até Giovanni Boccaccio úsao como personaxe central no primeiro conto da última xornada do seu Decamerón, onde louva a súa xenerosidade.[29]

Da extensa obra afonsí destacan:

  • O Foro Real de Castela, o Espéculo dos leigos e as Sete Partidas, entre as xurídicas.
  • As Tablas alfonsíes, entre as astronómicas,
  • Entre as de carácter histórico, a Estoria de España e a Grande e general estoria ou General estoria, obra de historia universal.
  • As Cantigas de Santa María son un conxunto de cancións líricas, escritas en galego-portugués e acompañadas de notación musical e unhas notables ilustracións que están entre o mellor da pintura de seu tempo.
  • O Lapidario versa sobre as propiedades minerais, e
  • O Libro dos xogos sobre temas lúdicos (xadrez, dados e tabas, deportes da nobreza daquel tempo.

A intervención do rei foi ás veces directa e ás veces indirecta, pero foi sen dúbida o arquitecto destas obras:

El rey faze un libro non por quel él escriva con sus manos mas porque compone las razones d'él e las emienda et yegua e endereça e muestra la manera de cómo se deven fazer, e desí escrívelas qui él manda. Peró dezimos por esta razón que el rey faze el libro.
Afonso X o Sabio, General estoria I, f. 216r.

É dicir, concibía o plan da obra, poñía os medios para realizala e daba as instrucións precisas sobre a súa estrutura e contido, e incluso descendía a detalles como precisar os debuxos e ilustracións que debían ornar o texto. Esta preocupación pola obra ben feita maniféstase tamén no prólogo do tratado inaugural dos Libros do saber de astroloxía, que é o Libro das figuras das estrelas fixas que están no oitavo ceo, versión revisada acometida en 1276 dunha primeira tradución realizada en 1256. Alí se di que o rei ordenou a tradución do texto a Yehudá ben Mošé e a Guillén Arremón de Aspa en 1256.

E después lo endereçó e lo mandó componer este rey sobredicho, e tolló las razones que entendió que eran sobejanas e dobladas e que non eran en castellano derecho, e puso las otras que entendió que cumplían, e quanto al lenguaje endereçolo él por sí. E en los otros saberes ovo por ayuntadores a maestre Joan de Mesina e a maestre Joan de Cremona e a Yhudá el sobredicho e a Samuel. E esto fue en el año XXV de su reinado.

Afonso convocou para este labor un conxunto de sabios en linguas hebrea, árabe e latina, cos que formou o seu scriptorium real, coñecido de forma imprecisa como Escola de Tradutores de Toledo. Contou coa colaboración de cristiáns, xudeus e musulmáns, que desenvolveron un importante labor científico ao rescataren textos da antigüidade e ao traducir textos árabes e hebreos ao latín e ao castelán. Estes traballos habilitarían definitivamente ao castelán como lingua culta, tanto no ámbito científico como no literario. Desde o seu reinado, ademais, utilizarase como lingua da chancelería real fronte ao latín, que era a lingua de uso regular na diplomacia rexia de Castela e de León.

Tamén creou en Sevilla uns Studii ou Escolas xerais de latín e de arábigo. Igualmente fundou en 1269 a Escola de Murcia, dirixida polo matemático Al-Ricotí.

Elevou ao rango de Universidade os Estudos Xerais de Salamanca (1254) e Palencia (1263), sendo Salamanca a primeira en ostentar ese título en Europa.

A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas de 1980.[30]

Notas editar

  1. Fuero Real de España: Diligentemente hecho por el noble Rey don Alonso .ix. (en castelán). 1543. 
  2. Las Siete Partidas del Sabio Rey Don Alfonso El IX (en castelán) I. 1843. 
  3. Picallo, Héitor (2021). O escudo do Reino da Galiza: unha (re)visión (inter)nacional. De Nós. Monografías con perspectiva galega. Sermos Galiza. p. 33. ISBN 978-84-09-32444-6. 
  4. 4,0 4,1 "Afonso X o Sabio". Real Academia Galega. Consultado o 30 de abril do 2016. 
  5. A titulación completa era: Rei de Castela, de Toledo, de León, de Galicia, de Sevilla, de Córdoba, de Murcia, de Xaén e do Algarve (desde 1260).
  6. "Letras Galegas 1980". Real Academia Galega. 
  7. Ficha do cráter lunar "Alphonsus", en Gazeteer of Planetary Nomenclature Arquivado 11 de decembro de 2016 en Wayback Machine.. Consultada o 24 de outubro de 2016.
  8. Afonso X afirmaba que estes me criaron e me fezieron muchos servicios e sennaladamiente... me criaron en Villaldemiro e en Celada.
  9. Valdeón Baruque 2003, p. 15.
  10. Castelo de Maceda Arquivado 27 de outubro de 2016 en Wayback Machine., en Galicia. O bo camiño. Xunta de Galicia.
  11. Alfoso X: Cantigas de Santa María, códice rico de El Escorial. Ms., escurialense T. I. 1, ed. de José Filgueira Valverde. Madrid: Castalia, 1985, p. XI. ISBN 978-84-7039-446-1.
  12. Alfoso X: Cantigas de Santa María. Vol. 1 (1-100), ed. de Walter Mettmann. Madrid: Castalia (Clásicos Castalia), 1986, pp. 17-20. ISBN 978-84-7039-441-6.
  13. Así e todo, Gonzalo Martínez Díaz pensa que o infante Afonso citado na Crónica debeu de ser o fillo de Fernando III e non o seu irmán Afonso de Molina, xa que fora este o que estivo presente na batalla de Xerez, o mando da hoste debería corresponderlle a el en razón da súa dignidade e non a Alvar Pérez de Castro. Cf. González Jiménez (2004)
  14. Martínez Díez 2000, p. 306.
  15. 15,0 15,1 Martínez Díez 2000, pp. 634-635.
  16. González 1986, pp. 46-48, 54-57.
  17. José Manuel Pérez-Prendes Muñoz-Arraco (2004): Historia del Derecho español, tomo II, p. 839, Madrid: Facultad complutense de Derecho.
  18. "As relações de Portugal com Castela no reinado de Afonso X, o Sábio", Fragmentos de uma composição medieval. Lisboa: 1987, 73-94.
  19. Livermore, H. V. (1947). A History of Portugal. Cambridge University Press. p. 136. 
  20. 20,0 20,1 O’Callahan 1983, p. 369.
  21. Martin e Fernández- Ordóñez 2003, p. 57.
  22. O’Callahan 1983, p. 368.
  23. Martin e Fernández-Ordóñez 2003, p. 57.
  24. Chancelaria de Dom Afonso II, Leontina Ventura.
  25. Valdeón Baruque, Julio (2011). Alfonso X el Sabio: La forja de la España moderna. Grupo Planeta. p. 68. ISBN 9788499980461. 
  26. Suárez Fernández, Luis (1976). Historia de España Antigua y Media 2. Rialp. p. 156. ISBN 9788432118821. 
  27. Salazar y Acha, Jaime de, e David E. Masnata (col.), "Precisiones y nuevos datos sobre el entorno familiar de Alfonso X el Sabio fundador de Ciudad Real". Cuadernos de estudios manchegos, Instituto de Estudios Manchegos, [1] Arquivado 13 de novembro de 2013 en Wayback Machine., pp. 211-231. ISSN 0526-2623.
  28. Domínguez Sánchez, Santiago (1998). "Un diploma del infante don Juan, hijo de Alfonso X, como rey de León, Galicia y Sevilla". Estudios humanísticos. Geografía, historia y arte (León: Universidad de León) (20). ISSN 0213-1390. 
  29. Cf. Carlos Alvar, La poesía trovadoresca en España y Portugal. Madrid: Editorial Planeta, Real Academia de Buenas Letras, 1977 e Joseph F. O'Callaghan, The Learned King: The Reign of Alfonso X of Castile. Philadelphia: University of Pennsylvania Press, 1993.
  30. El Día das Letras Galegas dedicado al rey-poeta Alfonso X el Sabio (en castelán)

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar

  Os reis e as raíñas da Galiza.
  Fernando III e Afonso IX. Os primeiros reis casteláns na Galiza.
(Nós Diario, 19.10.2022)
Vídeos externos
  Cronoloxía arredor de Afonso X CCG
Predecesor:
Fernando III
 
Rei de Castela e León

1252-1284
Sucesor:
Sancho IV
Predecesor:
Guillerme de Holanda
Rei electo de romanos
1257-1275
(rival de Ricardo de Cornualla,
1257-1272)
Sucesor:
Rodolfo I