A acne[1] é unha dermatose producida pola retención da secreción das glándulas sebáceas, o que causa inflamacións e infeccións no rostro, lombo, peito e ombreiros, máis frecuente na adolescencia, a forma máis común é a acne vulgaris.

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.
Recreación artística da acne

A acne vulgar ou acne polimorfo xuvenil, vulgarmente coñecida como espiñas, é a enfermidade cutánea máis frecuente[2] pois afecta ó 80% dos individuos entre os 13 e 19 anos[Cómpre referencia] e pode persistir durante a terceira e cuarta década.

Medicamente é unha enfermidade do folículo pilosebáceo, a súa patoxenia implica: aumento da secreción sebácea, dependente dos andróxenos; isto favorece a proliferación da microflora folicular e trastornos da queratinización folicular. Habitualmente está constituído por diversos elementos como son as propias espiñas, pápulas inflamatorias foliculares que poden estar infectadas (formando pústulas e incluso quistes epidérmicos) e deixar cicatrices de pequeno tamaño que quedarán como lesións permanentes cando a doenza desapareza. As localizacións preferentes das lesións son:

  • Cara.
  • Caluga.
  • Lombos.
  • Costas.
  • Peito.

A inflamación e infección pode levar á formación de abscesos dermo-epidérmicos constituíndo unha forma grave da enfermidade, o acne abscesiforme. Así e todo o habitual é que esta enfermidade curse por gromos sucesivos durante meses ou anos, que no verán mellore de forma espontánea e que desapareza entre os 25 e mailos 30 anos de idade.

É máis frecuente no sexo masculino, mais son as mulleres as que máis consultan sobre o problema.

Existen outros tipos de acne:

  • Acne Rosácea: en mulleres preferentemente despois dos 40 anos. Sobre o nariz e as rexión malares e pode chegar a afectar os ollos (conxuntivite e queratite rosácea).
  • Rinofima: en homes adultos, repetición do cadro de foliculite con seborrea abundante que leva a un aumento do volume do nariz.
  • Outras acnes menos frecuentes:
    • Acne necrótica: en adultos de ambos sexos, localizado no bordo de implantación do pelo.
    • Acne nodular: deixan moitas cicatrices.
    • Acne queloidiana: Foliculite crónica na caluga, deixando unha cicatriz antiestética.
    • Acnes profesionais: En traballadores expostos ó cloro, alcatrán e aceites. Afecta ás áreas en contacto coas substancias.
    • Acnes iatorxénicas: Producidos por medicamentos como anticonceptivos, barbitúricos etc.
  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para acne.
  2. William James Cunliffe, Acne. Taylor & Francis, 1989, páxina 1

 
 Este artigo sobre medicina é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.