Accidente de Angrois

accidente ferroviario acontecido en Santiago de Compostela o 24 de xullo de 2013

O accidente ferroviario de Angrois de 2013 foi un descarrilamento ferroviario sucedido o 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois, en Santiago de Compostela. Foi o accidente de tren máis grave da historia de Galicia e de España, se ben hai hipóteses que sinalan que o máis grave da historia de España foi o accidente de Torre del Bierzo, que tamén facía ruta dende a meseta ata Galicia. Ademais, tamén foi o primeiro accidente de tren mortal producido nunha liña de alta velocidade en España[1]. Das 224 persoas que viaxaban no tren, 144 resultaron feridas e 80 morreron.

Imaxe do accidente tomada desde a AP-9.

No xuízo foron condenados por igual o maquinista e o ex-xefe de Seguridade na Circulación de Adif.[2]

Traxecto Madrid-Ferrol[1]
Estacións Hora (CEST)
Madrid - Chamartín 15:00
Segovia 15:28
Medina del Campo 16:07
Zamora 16:59
Pobra de Seabra 18:08
A Gudiña 18:45
Ourense - Empalme 19:51
Accidente 20:41
Santiago de Compostela 20:41
A Coruña 21:14
Elviña - Universidade 21:30
Betanzos - Infesta 21:49
Betanzos - Cidade 22:00
Pontedeume 22:15
Ferrol 22:36
Horarios de Renfe[3]

O accidente produciuse a tres quilómetros da entrada da estación de Santiago de Compostela, ao final da recta da liña de alta velocidade que cruza o barrio do Eixo. Nese punto a vía traza unha curva pechada, chamada a curva da Grandeira, limitada a 80 km/h, xusto ao pasar por baixo do viaduto da AP-9.

O descarrilamento tivo lugar ás 20:41 do serán (hora local, CEST)[4] e afectou un tren Alvia serie 730 (con número de tren 04155) que facía o servizo de Renfe Operadora unindo as cidades de Madrid e Ferrol. O Alvia 730 é un tren híbrido eléctrico e diésel con ancho de vía variable: internacional e ibérico. No tren viaxaban 218 pasaxeiros e 4 tripulantes[5]. O tren circulaba con tres minutos de atraso sobre o horario previsto.

Disposición do tren

editar

A disposición do tren Alvia involucrado no accidente é a seguinte[6]:

Vagón Número Número de serie Asentos Lugar e danos Ocupantes
Locomotora Cabeza 2 730 046 2 Fóra da vía 2 maquinistas, 1 ferido
Xerador 2 (vagón técnico) 11 0 Sobre o costado dereito 0
Clase turista (corpo) 10 702 041 36 Sobre o costado dereito ?
Clase turista (corpo) 09 702 042 36 Sobre o costado dereito ?
Clase turista (corpo) 08 702 043 36 Sobre o costado dereito ?
Clase turista (corpo) 07 702 044 36 De costado contra o viaduto ?
Clase turista (corpo) 06 702 131 36 Soltouse do tren e caeu sobre un campo de festa ?
Clase turista (corpo) 05 702 132 36 Atravesado na vía contra o viaduto ?
Vagón de hostalaría 04 706 012 4 (persoal do tren) Xirado 180° e sobre outro vagón 4 traballadores
1ª clase e discapacitados 03 713 011 23 Atravesado na vía sobre costado dereito ?
1ª clase (preferente) 02 701 011 26 Sobre o costado e ardeu ?
Xerador 1 (vagón técnico) 01 0 Desfeito, sobre locomotora 1 e ardeu 0
Locomotora Cabeza 1 730 045 2 Sobre o costado dereito contra o viaduto 0

Liña de AVE Ourense-Santiago de Compostela-A Coruña

editar

A vía foi construída con ancho ibérico para ser empregada no transporte de viaxeiros e mercadorías. Foi inaugurada en decembro de 2011 e ten unha lonxitude de 148,8 km. Custou 3.300 millóns de euros[7]. A velocidade máxima nesta liña para os trens Alvia e Avant é de 220 quilómetros por hora, aínda que na vía podería chegarse aos 300 km/h xa que está equipada con ERTMS[8] aínda que non se emprega[9]. O tren Talgo híbrido da serie 730 empregábase como transición ao AVE xa que permitía operar na parte do traxecto Madrid-Ferrol en ancho de vía internacional e o ibérico xa fose electrificado ou con tracción diésel para chegar á estación de Ferrol. Os trens da serie 730 comezaron a operar en Galiza o 17 de xuño de 2012 no traxecto Madrid-Galiza.

O director de Seguridade na Circulación de Adif, asinou e transmitiu a orde de anular o sistema de frenado automático ETCS (ERTMS do tren) nos trens Alvia S730 con data 25 de xuño de 2012 que circulaban pola vía[10].

O 5 de xullo de 2012 o tren sufriu unha avaría en Zamora cando levaba a 501 viaxeiros que ían cara a Galiza. Entón Talgo calificou o acontecido como «enfermidades de infancia [do tren]» e comprometeuse a asumir «as indemnizacións que correspondan»[11]. Talgo tamén declarou que tiña aos seus mellores enxeñeiros traballando a tempo completo para tentar atopar a orixe dos fallos que estaban a provocar continuos atrasos nos trens entre Galiza e Madrid. Segundo Talgo, o S-730 é «un bo tren, que pasado o tempo e unha vez estea todo axustado, vai demostrar que funcionará de marabilla»[11]. 13 días antes do accidente en Angrois un tren Alvia que facía a mesma rota Madrid-Ferrol quedou 20 minutos parado na saída da estación de Ourense por problemas técnicos[12].

Consecuencias

editar

Logo das primeiras horas a Xunta de Galicia anunciou que faleceran 35 persoas. Ao fío da media noite o presidente Núñez Feijóo elevara a cifra de falecidos a 40. Á mañá seguinte a cifra chegaba aos 78[13]; pero aumentou ata os 80 falecidos e 35 feridos críticos pola tarde[14]. Finalmente, a Policía Científica reduciu o número de vítimas mortais a 78, logo de realizar a meirande parte das autopsias[15]. Na xornada do sábado faleceu unha nova persoa, ferida, co que se chegou a 79 mortos.

Unha das primeiras consecuencias foi o peche do camiño de ferro entre Ourense e Santiago de Compostela. Tamén se suspenderon os actos festivos e políticos programados na cidade para o 25 de xullo, Día Nacional de Galicia. O Goberno galego decretou sete días de loito oficial, o maior loito da autonomía ata a data[16].

O maquinista do tren foi detido na mesma noite, primeiro custodiado nun centro hospitalario, e posteriormente posto a disposición xudicial. Despois de prestar declaración nos xulgados de Santiago o 28 de xullo, foi posto en liberdade con cargos logo de admitir que cometera unha imprudencia[17]. O xuíz encargado da instrución do caso foi Andrés Lago Louro.

A plataforma de afectados polo accidente e vítimas xuntou 50 mil euros vía crowdfunding para gravar un documental dirixido por Aitor Rei sobre o accidente. En 2015 na 60 edición da Seminci emitiuse baixo o nome de Frankenstein-04155. Frankenstein é o nome co que se coñece o tren no sector e 04155 o seu número de serie[18].

Galería de imaxes

editar
  1. 1,0 1,1 Rodrigo Silva; Antonio Alonso; Mariano Zafra; Yolanda Clemente; Tomás Ondarra (25 de xullo de 2013). "Primer accidente mortal en España en una línea de alta velocidad". El País (en castelán). Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  2. "Condenada a verdade oficial do accidente de Angrois". Praza Pública. 2024-07-27. Consultado o 2024-08-01. 
  3. Os horarios son os estimados por Renfe para a chegada á estación, de aí que a chegada á estación de Santiago sexa a mesma cá do accidente.
  4. RENFE (ed.). "Descarrilo del tren Alvia Madrid-Ferrol" (en castelán). Consultado o 24 de xullo de 2013. 
  5. David Reinero; Sonia Vizoso (24 de xullo de 2013). "Trágico accidente ferroviario en Santiago de Compostela". El País (en castelán). Consultado o 25 de xullo de 2013. 
  6. Galán Eruste, Manuel (2010). Revistas Profesionales, S.L., ed. Talgo (1942-2010). De un sueño a la alta velocidad (en castelán). Madrid. p. 252. ISBN 9788493286187. 
  7. Taboada, Pablo (11 de decembro de 2011). "Blanco y Feijóo aparcan sus diferencias en la apertura del AVE gallego". El País (en castelán). Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  8. González, Pablo (27 de xullo de 2013). "Accidente en Santiago: Golpe nunha rede en transición". La Voz de Galicia. Consultado o 28 de xullo de 2013. 
  9. Ruiz del Árbol, Antonio (29 de xullo de 2013). "O sistema de seguridade Ertms entre Ourense e Santiago custou 164 millóns e non se utiliza". Praza Pública. Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  10. Díez, Luis. cuartopoder, ed. "Un jefe de Adif eliminó el sistema de frenado automático de los Alvia a Galicia". Consultado o 12 de setembro de 2013. 
  11. 11,0 11,1 Gil, Carlos. "Talgo asume «toda la responsabilidad» de la avería del tren a Galicia en Zamora". La Opinión (Zamora) (en castelán). Consultado o 28 de xullo de 2013. son enfermedades de infancia"; "las indemnizaciones que correspondan"; "un buen tren, que pasado el tiempo, y una vez esté todo ajustado se va a demostrar que funcionará de maravilla 
  12. Redacción Ourense. Galicia Confidencial, ed. "O Alvia Madrid-Ferrol tivo problemas 13 días antes do accidente de Santiago". Consultado o 13 de agosto de 2013. 
  13. María Cedrón; Alberto Mahía (25 de xullo de 2013). "O tren ía a máis de 150 quilómetros por hora nunha zona de 80". La Voz de Galicia. Consultado o 25 de xullo de 2013. 
  14. "Identificados 67 de los 80 muertos en el accidente de Santiago de Compostela". El País (en castelán). 25 de xullo de 2013. Consultado o 25 de xullo de 2013. 
  15. "La policía reduce a 78 las víctimas mortales del accidente de tren" (en castelán). 26 de xullo de 2013. Consultado o 26 de xullo de 2013. 
  16. M. Cheda (25 de xullo de 2013). "Descarrilamento en Santiago: Sete días de loito oficial". La Voz de Galicia. Consultado o 25 de xullo de 2013. 
  17. José Precedo; Belén Domínguez (29 de xullo de 2013). "El maquinista admite su “despiste”". El País (en castelán). Consultado o 30 de xullo de 2013. 
  18. Frankestein-04155' del director Aitor Rei

Véxase tamén

editar

Outros artigos

editar

Ligazóns externas

editar