Academia Literaria de Santiago

A Academia Literaria de Santiago foi unha institución cultural decimonómica da cidade de Santiago de Compostela, plataforma de debates dos mozos provincialistas da xeración universitaria de 1846.

Historia editar

Fundada en 1840, en plena etapa de liberdades conseguidas pola vitoria do Partido Progresista coa rexencia de Baldomero Espartero; varios mozos universitarios conseguen do Capitán Xeneral de Galicia, Fermín Iriarte, a cesión do refectorio do mosteiro de San Martiño Pinario para celebrar as súas sesións, o que será motivo de agradecemento por parte de Domingo Díaz de Robles, que lle adicara un extenso poema.[1]

A través dela pretendía vincularse coa academia literaria do XVIII, a academia foi creada a imitación do Liceo Artístico y Literario de Madrid. O promotor da Academia foi o militar ferrolán Domingo Díaz de Robles, fundador do xornal El Idólatra de Galicia, sendo o seu primeiro presidente o presbítero Pedro Losada Rodríguez (que foi censor da mesma anos despois). Na Academia discutíanse toda clase de temas: relixión, filosofía, historia, e sobre todo temas sociais; sendo desta maneira un dos centros mais efectivos de politización universitaria.[2]

Entre os seus membros destacan, Losada Rodríguez, Díaz de Robles, Antonio Neira de Mosquera, Antonio Romero Ortiz, J. M. Rodríguez Carracido, Valenzuela y Ozores, José Domínguez Izquierdo, Vicente Manuel Cociña, José María Posada, os irmáns José e Ramón Rúa Figueroa e participando Francisco Añón, Leopoldo Martínez Padín, J. María Gil, Joaquín Amigo, Antolín Faraldo, Augusto Ulloa Castañón, Alberto Camino e outros destacados literatos e activistas políticos como Bermúdez Cedrón, Taboada y Terrazo e Garea. A maior parte deles militaban no Partido Progresista, no Partido Moderado ou compórtanse como tales, deron en ser a primeira elite galega que servirían para que agromase o Rexurdimento o Provincialismo, sementando a raíz do galeguismo e algúns mesmo participando no levantamento de 1846 debido ó seu compromiso con Galicia iniciando unha nova prensa a través do romanticismo social de Victor Hugo.

Este compromiso con Galicia coincide co fenómeno da crise de identidade da fidalguía en Galicia, estamento social ao que pertence a maioría, que vendo que é imposible a volta ó absolutismo, loita polo liberalismo rexionalista e gobernar o seu pobo e non que o fagan os de fora, pondo isto de manifesto na Revolución de 1846, no que conflúen diversos estamentos e Romero Ortiz e Antolín Faraldo prestan apoio a formar o Batallón Literario para axudar ás tropas provincialistas axudando xa como enlaces e combatentes.

Notas editar

  1. Antonio Neira de Mosquera. "Monografías de Santiago" Santiago, 1850, reproducidos en Monografías de Santiago y dispersos, por Benito Varela Jácome, Santiago 1960, pp. 177-194.
  2. Xosé Ramón Barreiro. "El levantamiento de 1846 y el nacimiento del galleguismo". Santiago de Compostela, 1977. Editorial Pico Sacro.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar