A las barricadas é o título dunha das máis populares cancións relacionadas co anarcosindicalismo ou o anarquismo (ou tamén o comunismo libertario) durante a guerra civil e a Revolución Española. Actualmente é tamén o himno da CNT e da CXT.

A canción orixinal, a "Varchavianka", "Warszawianka" ou "Varsoviana", foi composta en 1883 polo poeta polaco Wacław Święcicki, cando estaba preso no cárcere de Varsovia, nun momento no que o movemento obreiro polaco sostiña duras loitas reivindicativas e pelexaba contra a ocupación rusa. A canción baseouse nun tema popular polaco (outras versións apuntan a “A marcha dos zuavos” ou “Les hussards de Bercheny”). Cantouse por primeira vez na manifestación obreira do 2 de marzo de 1885 en Varsovia, popularizándose e ocasionando versións da mesma en toda Europa pola solidariedade do movemento obreiro con Polonia.

Chegou a España co nome de “Marcha triunfal” e co subtítulo “¡A las barricadas!”. Publicouse a súa partitura en novembro de 1933, no suplemento da revista Tierra y Libertad de Barcelona. Os arranxos musicais para coro mixto fíxoos Ángel Miret, e a adaptación da letra Valeriano Orobón Fernández. Xunto á letra sinalábase que esta canción, de carácter sindicalista, a trouxeran a España uns anarcosindicalistas alemáns, e que se fixera popular, sobre todo entre os máis novos, substituíndo á tradicional canción anarquista española “Hijos del pueblo”.

Ten sido interpretada por artistas como Ades, Dandelion Junk Queens, Los Dólares, Pascal Comelade, Los Muertos de Cristo, Ana Belén, JoMo, Serge Utgé-Royo, ou Extremoduro.

Dá nome ó portal web alasbarricadas.org, de carácter libertario.

Letra editar

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar