Abrir o menú principal

A fragua de Vulcano

Cadro de Diego Velázquez

A fragua de Vulcano (en castelán La fragua de Vulcano) é unha obra de tipo mitolóxico de Velázquez realizada, en óleo sobre lenzo, durante a súa primeira viaxe a Italia en 1629.

A fragua de Vulcano
Velázquez - La Fragua de Vulcano (Museo del Prado, 1630).jpg
ArtistaDiego Velázquez
Data1630
Técnicaóleo sobre lenzo
Barroco
Dimensións223 cm cm × 290 cm
LocalizaciónMuseo do Prado (Madrid)

Aínda que esta obra fora realizada en Roma[1] sen existir encargo senón por petición do pintor, e amigo, Peter Paul Rubens (que visitara España no 1629), e a realizara na casa do embaixador español xunto co cadro A túnica de Xosé, e trouxera as dúas de volta para España, os críticos concordan en datar a obra en 1630 e en considerala como unha das obras máis importantes da primeira viaxe de Velázquez a Italia.[2]

Os dous cadros permaneceron en poder do pintor até 1634, en que pasaron ás coleccións reais pois vendeullos á coroa xunto con outros cadros alleos para a decoración do Palacio del Buen Retiro​.

Dende o 5 de agosto de 1819, o lenzo atópase no Museo do Prado.[3]

Temática da obraEditar

O episodio elixido para este lenzo é unha escena sacada da mitoloxía romana, en concreto de A metamorfose, de Ovidio (4, 171-176). O cadro describe o intre no que o deus Apolo, coroado de loureiro e coa cabeza envolta nunha aura dourada (detalles que permite identificar o personaxe como Apolo, o "deus sol"), visita a forxa onde se atopa Vulcano traballando para lle comunicar o adulterio da súa esposa Venus co propio Marte, deus da guerra, a quen lle estaba a facer unha armadura.

O tema preséntase como a captación dun instante preciso pois a nova de Apolo deixa a Vulcano cunha cara de sorpresa mentres aínda sostén as ferramentas nas súas mans, paralizado; o instante reflicte a interrupción do traballo e a forza emocional do momento[4] que aparece nas facianas dos outros traballadores (no episodio mitolóxico, son ciclopes).

Esta nova é o motivo polo que tódolos personaxes ollan con expresión de sorpresa cara ao deus que acaba de entrar na forxa, mesmo algún deles aparece caracterizado coa boca e os ollos moi abertos para indicar o seu abraio. Palomino exprésao tamén deste xeito:[5]

«outro cadro (...) pintou neste mesmo tempo, daquela fábula de Vulcano, cando Apolo lle noticiou a súa desgrazano adulterio de Venus con Marte; onde está Vulcano (asistido daqueles gallardos ciclopes na súa forxa) tan descolorido, e turbado, que semella que non respira»

O tema tiña pouca tradición iconográfica. En troques, adoitábase representar o momento im¡nmediatamente posterior onde Ovidio presentaba a Vulcano sorprendendo os adúltteros e apresándoos nunha rede, e converténdoos en obxecto de burla dos deuses. Johathan Brown propuxo que a inspiración desta obra estaría nun gravado de Antonio Tempesta nunha imaxe realizada para unha edición ilustrada d'As Metamorfoses editana en Antuerpen, en 1606, que Velázquez empregou pero realizando numerosas modificacións.[6]

ComposiciónEditar

Para a composición hai diversas influencias. Crese que Velázquez inspirárase nun gravado sobre o mesmo tema de Antonio Tormenta[7] modificándoo amplamente e centrando a acción narrativa no colorido traxe de Apolo, mediante un estilo clasicista barroco que xa non evoca ao tenebrismo. Por outra banda, destaca nesta obra o interese polo nu, como influencia das estatuas grecorromanas e da corrente clasicista de Guido Reni; deste último podería vir tamén a composición a modo de friso.[8] Finalmente, os tonos claros da figura de Apolo lembran a Guercino.

AnáliseEditar

O interese de Velázquez polos nus apréciase dende que chega a Madrid no 1623, pero este interese aumenta nas súas obras despois da súa primeira viaxe a Italia entre os anos 1629 a 1631. Desta viaxe recolle tamén a influencia da pintura veneciana, especialmente de Tintoretto,[1] que se pode apreciar no emprego da cor para pintar, tal e como se amosa na chamativa túnica laranxa do deus Apolo.

Do seu paso por Roma recibe a influencia do Miguel Anxo da bóveda da capela Sistina á hora de pintar figuras fortes e corpulentas como se pode observar nosciclopes "semiespidos" cunha anatomía moi estudada. A musculatura de Vulcano e dos outros personaxes que o arrodean é notable, son figuras atléticas que amosan sen pudor a súa fortaleza, mesmo están nunha posición forzada, en escorzo,[1] para faceren notar máis os músculos.

Por outra banda, Velázquez estivo sempre obsesionado con acadar profundidade nas súas obras. Neste caso, comeza a empregar o que se denomina ‘’emparedados de espazo’’: enfronta ás figuras entre si para que na mente do espectador exista a sensación de profundidade. Acada a profundidade deste xeito e non tanto por medio da paisaxe da fiestra sita ao fondo da estancia.

Velázquez dá unha interpretación do mito cunha ollada estritamente humana, con personaxes contemporáneos. Apolo está envolto nun manto que deixa ao descuberto o seu torso espido. Vulcano aparece coma un simple ferreiro, o mesmo que os ciclopes que o axudan, homes rurais que coñecen o oficio. Vulcano mia para Apolo cunha mirada atónita tras escoitar a mala nova do adulterio da súa dona co deus Marte, a quen lle estaba a forxar nese intre unha armadura. A caverna onde o deus ferreiro forxa as armas dos outros deuses é unha ferrería calquera, coma as que Velázquez puido atopar en España ou en Roma. Os seus personaxes son populares, non están idealizados coma nas pinturas italianas. Vulcano ten unha face bastante desagradable e Apolo, aínda que cunha aura que o diferenza do resto, non presenta un rostro idealizado. Coa fábula mitolóxica, Veláquez fai o mesmo que fixera antes con outros cadros de temática relixiosa como A cea de Emaús ou Cristo na casa de Marta e María: aproximalos ao cotiá, entendendo o mito como un medio de pensamento e acción puramente humanos.[9]

LuzEditar

A luz principal, como se deduce polas sombras que se poden ver, é frontal. No cadro, xa se pode observar o principio do abandono do claroscuro naturalista da súa etapa sevillana.[10] Os focos lumínicos que máis destacan forman unha composición entre a coroa de Apolo, a luz das lapas do lume e os reflexos da armadura. Velázquez consegue unha profundidade de espazo maior cun fondo moito máis suave e con máis cor; é diferente á escolla de cores oscuras das primeiras obras de forte influencia caravaggista. As pinceladas dunha técnica máis fluída xunto cunha imprimación máis lixeira, fan que poida conseguir uns mellores efectos lumínicos.[11]

CoresEditar

 
Estudo para a cabeza de Apolo, de Velázquez, Colección privada, Nova York.

Parte dos pigmentos empregados por Velázquez nesta pintura[12] mudaron ao longo do tempo polo que o lenzo perdeu o seu equilibrio de cor orixinal. A coroa de Apolo foi, orixinalmente, pintada de verde mesturando azurita (azul), un amarelo e un ocre tirando tamén a amarelo. O pigmento do amarelo non foi moi estable polo que, na actualidade, a coroa é case azul.Por outra banda, a cor da que leva, principalmente, ocre amarelo, vermello e azurita, mantívose sen cambios.[13]

Por último, é salientable, coma en moitas das súas obras, a calidade fotográfica dos obxectos que aparecen no cadro, neste caso principalmente aparellos metálicos, armaduras, os martelos ou mesmo o ferro a alta temperatura, que amosan un gran realismo levado ao extremo. Coa súa mestría característica, pinta asemade unha serie de variados aparellos propios dunha forxa, introducindo un certo costumismo. Ao fondo, na parte superior dereita, obsérvanse diversos aparellos nunha repisa que constitúen un bodegón por si sós, característico asemade das primeiras obras de Velázquez.

Estudo para a cabeza de ApoloEditar

Existe un bosquexo da cabeza de Apolo cuns trazos algo diferentes dos definitivos no cadro.[14] Apareceu en 1830 en Xénova, na colección Isola, unha obra denominada Estudo para a cabeza de Apolo, que foi vendida a un comerciante inglés. No momento actual, a obra, pertence a unha colección privada de Nova York. Segundo López Rey, a radiografía realizada á Fragua de Vulcano, corroborra a autenticidade do estudo pois as dúas obras conteñen trazos semellantes. Porén, Carmen Garrido, directora do estudo técnico efectuado no Museo do Prado, sostén o contrario.[15]

No bosquexo, os cabelos, acastañados, son máis longos e están recollidos nos laterais cara atrás, tapando a orella pero deixando ver unha maior parte da cara. O debuxo das fazulas semella máis arredondado, o que fai máis infantil. O sombreado é máis leve que no definitivo e a coroa de loureiro mestúrase, en parte, cos cabelos encrespados. Independentemente dos resultados das radiografías realizadas á Fragua, a autoria do Estudo, que no pasado fora moi debatida, no momento actual e aceptada maioritariamente polos especialistas.[16]

NotasEditar

  1. 1,0 1,1 1,2 Marías, Fernando. "La fragua de Vulcano". museodelprado.es. Consultado o 12-5-2019. 
  2. Bailey (2011), p. 82
  3. Pita (2000), p.107
  4. Justi (1999), p. 285
  5. Palomino (1988), p. 223
  6. Brown (1986), p. 77
  7. Angulo(2007), p.182
  8. Morales (1998), p. 170
  9. López (1985), p. 336
  10. Giorgi (1999), p. 60
  11. Justi (1999), pp. 282-283
  12. McKim-Smith & Andersen-Bergdoli & Newman (1988), pp. 115-119
  13. "Diego Velázquez, "Apollo in the Forge of Vulcan"". colourlex.com (en inglés). Consultado o 12-5-2019. 
  14. Giorgi (1999), p. 59
  15. Garrido (1992), p. 239.
  16. Morán & Sánchez (1999), p. 102

Véxase taménEditar

BibliografíaEditar

  • Angulo, Diego (2007). Estudios completos sobre Velázquez (en castelán). Madrid: Centro de Estudios Europa Hispánica. ISBN 978-84-964643-9-4 |isbn= incorrecto: checksum (Axuda). 
  • Bailey, Anthony (2011). Velázquez and The Surrender of Breda: The Making of a Masterpiece (en inglés). Nova York: Henry Holt and Company. ISBN 978-0805088359. 
  • Brown, Jonathan (1986). Velázquez. Pintor y cortesano (en castelán). Madrid: Alianza Editorial. ISBN 84-206-9031-7. 
  • Cirlot, L. (dir.) (2007). Museo del Prado II. Col. Museos del Mundo (en castelán) VII. Madrid: Espasa. ISBN 978-84-674-3810-9. 
  • Gállego, Julián (1985). Diego Velázquez (en castelán). Barcelona: Antropos. ISBN 84-85887-23-9. 
  • Garrido Pérez, Carmen (1992). Velázquez, técnica y evolución (en castelán). Madrid: Museo del Prado. ISBN 84-87317-16-2. 
  • Giorgi, Rosa (1999). Velázquez. Luces y sombras del siglo de Oro (en castelán). Madrid: Electa España. ISBN 84-8156-217-3. 
  • Justi, Carl (1999). Velázquez y su siglo (en castelán). Madrid: Istmo. ISBN 84-7090-364-0. 
  • Lafuente Ferrari, Enrique (1964). Museo del Prado. Pintura española de los siglos XVI y XVII (en castelán). Madrid: Aguilar. 
  • López Rey, José (1978). Velázquez (en castelán). Barcelona: Compañía Internacional Editora S. A. ISBN 84-85004-74-4. 
  • McKim-Smith, Gridley; Andersen-Bergdoli, Greta; Newman, Richard (1988). Examining Velazquez (en inglés). New Haven (Connecticut): Yale University Press. ISBN 9780300036152. 
  • Morales y Marín, José Luis (1998). La pintura en el barroco (en castelán). Barcelona: Espasa Calpe. ISBN 9788423986279. 
  • Morales y Marín, José Luis (2004). Escuela española. Col. El Prado. Colecciones de pintura (en castelán). Barcelona: Lunwerg Editores. ISBN 84-9785-127-7. 
  • Morán Turina, Miguel; Sánchez Quevedo, Isabel (1999). Velázquez. Catálogo completo. (en castelán). Madrid: Ediciones Akal. ISBN 84-460-1349-5. 
  • Palomino, Antonio (1988). El museo pictórico y escala óptica III. El parnaso español pintoresco laureado. (en castelán). Madrid: Aguilar. ISBN 84-03-88005-7. 
  • Pita Andrade, J. M. (dir.) (2000). Corpus velazqueño. Documentos y textos, 2 vols (en castelán). Madrid: Ministerio de Educación, Cultura y Deporte. Área de Cultura. ISBN 978-8436933475. 
  • VV.AA (1990). Velázquez. Catálogo de la exposición celebrada en el Museo del Prado (en castelán). Madrid: Museo do Prado. ISBN 84-87317-01-4. 

Outros artigosEditar

Ligazóns externasEditar