Aérospatiale Alouette II

O Aérospatiale Alouette II (designación da compañía SA 313 e SA 318) é un helicóptero lixeiro francés fabricado orixinalmente por Sud Aviation e posterioemente por Aérospatiale. Foi o primeiro helicóptero de produción en ser impulsado por un motor de turbina de gas en vez de ter un motor de pistón convencional máis pesado.

Aérospatiale Alouette II
Alouette II do Exército de Bélxica
Tipohelicóptero lixeiro
FabricanteSud Aviation, Aérospatiale
Primeiro voo12 de marzo de 1955
Introducido2 de maio de 1957
Principais usuariosExército de Francia
Forza Aérea de Francia
Exército de Alemaña
Forza Aérea de Suíza
Produción1956-1975
Unidades construídasmáis de 1 300
VariantesAérospatiale SA 315B Lama

O 12 de marzo de 1955 o prototipo do SE 3130 realizou o seu voo de estrea. O Alouette II foi un modelo moi usadoe moi popular entre os operadores, con máis de 1 300 unidades fabricadas entre 1956 e 1975. O tipo foi usado principalmente para os roles militares de observación, fotografía, rescate, enlace e adestramento, pero tamén podía transportar mísiles anti-carro e torpedos. Como helicóptero civil o Alouette II foi usado para evacuación de feridos (con dúas padiolas no exterior), para a fumigación de cultivos e como guindastre, cunha carga externa de 500 kg.

Desenvolveuse unha variante para grande altitude, o SA 315B Lama, que entrou en servizo en xullo de 1971. A partir do Alouette II tamén se desenvolveu o máis grande e potente Alouette III. En 1975 rematou a fabricación do modelo e a comezos do século XXI unha cantidade considerable de Alouette II aínda estaba en servizo.

Desenvolvemento editar

Aínda que o anterior deseño de Sud-Est, o SE 3120 Alouette, rompera os récords de velocidade e distancia para helicópteros en xullo de 1953, era un aparello demasiado complexo como para comercializalo con éxito. Grazas aos récords o goberno francés comozou a amosar interese, pero coa súa axuda financeira deu un ultimato e en dous anos un helicóptero tería que estar en produción, do contrario cesarían todas as actividades con ás rotatorias. SNCASE realizou sete deseños de helicópteros impulsados por motores turboeixo: X.310A - X.310G. Anteriormente Joseph Szydlowski, o fundador de Turbomeca, conseguira desenvolver con éxito o Artouste, un motor de turbina dun eixo de 190 kW derivado do Turbomeca Orédon. O deseño X.310G foi o elixido e xunto co motor Artouste acelerouse para ser producido como o SE 3130 Alouette II.[1]

O 12 de marzo de 1955 o prototipo do SE 3130 realizou o seu voo de estrea;[2][3][4] aos tres meses, o 6 de xuño, un Alouette II de preprodución, pilotado por Jean Boulet, estableceu un novo récord de altitude para helicópteros de 8 209 m. Segundo o fabricante, esas demostracións temperás do Alouette II serviron para promocionar o rendemento e vantaxes dos helicópteros de turbina sobre os de pistón.[1]

En abril de 1956 completouse o primeiro Alouette II de produción, converténdose no primeiro helicóptero de turbina en produción do mundo.[1][4] Tras a súa finalización varios dos primeiros exemplares enciáronse aos Alpes para realizar unha serie de voos de avaliación.[1] O 13 de xuño de 1958 un SE 3130, pilotado novamente por Boulet, volveu a bater o récord de altitude, alcanzando desta vez os 10 984 m.[5] En 1975 rematou a produción do Alouette II despois de fabricarse máis de 1 300; en 1969 desenvolveuse unha nova variante para grande altitude, o Aérospatiale SA 315B Lama, co obxectivo de substituír o Alouette II.[1][6] Un helicóptero un pouco máis grande e máis potente na forma do Aérospatiale Alouette III tamén entrou en produción o que tivo un impacto negativo na demanda do vello modelo.[7]

Deseño editar

 
Alouette II Astazou

O Aérospatiale Alouette II é un helicóptero lixeiro francés que incorporou moitas innovacións da súa época. Está impulsado por un único motor turboeixo Turbomeca Artouste II capaz de xerar unha saída máxima de 400 CV. A velocidade do rotor principal está controlada por un gobernador automatizado de subministración de combustible, eliminando a necesidade dun acelerador de agarre xiratorio e dunha ligazón convencional entre o acelerador e o paso colectivo.[8] No seu lugar, o Alouette II usa un simple arranxo de panca de control, que actúa para regular directamente o paso colectivo e actuar sobre o regulador mentres se aplica de forma inmediata e automaticamente a corrección de nivel de potencia para conformarse coa condición de voo. Sen un embrague a transmisión simplifícase considerablemente tanto no deseño como no mantemento.[8]

A pesar de ser un helicóptero lixeiro, o Alouette II ten unha capacidade razoable de levantamento e pode transportar cargas colgadas nunha eslinga exterior; durante unha demostración pública, un helicóptero foi capaz de levantar un camión compacto Citröen que pesaba máis de media tonelada sen moita dificultade. Mentres voa a nivel do mar, o Alouette II usa só 300 dos 400 CV do motor; en consecuencia, o rendemento pode manterse mentres se opera a grande altura e dentro de condicións tropicais onde a potencia extra entraría en xogo.[8] Era capaz de voar a alturas de ata 2 286 metros sobre o nivel do mar mentres tiña un ritmo de trepada medio de 250 metros por minuto e un alcance máximo típico de 563 millas.[9] Podía equiparse con varias configuracións de tren de aterraxe, como patíns, rodas ou pontóns.[6]

O Alouette II era capaz de acomodar ata a cinco persoas, incluído o piloto; o acceso á cabina realizábase a través dun par de portas laterais con bisagras.[8] A compacta cabina de mando tiña un parabrisas con forma de cúpula que lle proporcionaba excelentes niveis de visibilidade externa.[9] O Alouette II tamén fixo un innovador uso do armamento. Foi o primeiro helicóptero do mundo en estar equipado con musición anti-carro na forma do mísil guiado por cable SS.11 MCLOS.[3] Ademais dos mísiles anti-carro, o Exército francés elixiu armar os seus Alouette II con metralladores, mentres que a Armada equipounos con torpedos para realizar tarefas antisubmarinas.[4]

Baixo condicións operacionais o Alouette II a miúdo demostrou ser un helicóptero que precisaba un mantemento relativamente intensivo.[10] Requiría un alto nivel de lubricación regular, a cabeza do rotor necesitaba ser lubricada cada cinco horas de voo, e o eixo do rotor de cola precisaba un mantemento semellante. Debido á súa alta susceptibilidade á inxestión de po, algúns operadores terían que eliminar os filtros de area rectangular do Alouette despois de cada aterraxe para limparlos.[10]

Historial operacional editar

O 3 de xullo de 1956, antes incluso da súa entrada en servizo civil, o Alouette II foi o responsable de abrir un novo camiño cando se converteu no primeiro helicóptero en realizar un rescate de montaña ao ser despregado para evacuar a un montañeiro cun paro cardíaco a máis de 4 000 m.[11] O 3 de xaneiro de 1957 o Alouette II foi chamado novamentepara rescatar á tripulación dun Sikorsky S-58 esnafrado, que estaba buscando aos alpinistas desaparecidos Jean Vincendon e François Henry no Mont Blanc.[1]

O 2 de maio de 1957, tras unha serie de probas no aire, o Alouette II foi premiado co certificado francés de aeronavegabilidade que permitía ao modelo entrar en servizo con operadores civís.[4] A produción inicial asignouse para cumprir as ordes dos militares franceses, así como as dos clientes civís. Durante o ano 1957 fixéronse as primeiras entregas ao Exército francés.[12] Pouco despois recibíronse pedidos a grande escala dende varios países, incluídos o Reino Unido, a República Federal Alemá e Austria.[6]

Case inmediatamente tras a súa entrada en servizo, as forzas francesas comezaron a realizar operacións de combate activas usando a súa nova frota de Alouette II; o tipo foi moi usado na guerra de independencia de Alxeria, durante a cal fixo valiosas contribucións ás actividades francesas no teatro.[13] Cando era usado como transporte de tropas podía levar ata catro soldados completamente equipados ao mesmo tempo. Ademais, varios Alouette II foron modificados para converterse nun dos primeiros helicópteros de combate do mundo; neste rol estaba normalmente armado con mísiles anti-carro Nord Aviation SS.10 ou SS.11.[13]

A República de Rodesia emerxeu como un prolífico usuario tanto do Alouette II como do seu irmán máis vello, o Alouette III.[13] As primeiras operacións voáronse enfatizando o seu uso polo Exército e a British South Africa Police, incluíndose misións paramilitares e de recoñecemento aéreo. Durante os anos 60 o tipo foi incrementando progresivamente os seus roles, usándose para apoio aéreo, evacuación de baixas, postos de comunicación e transporte de tropas.[14] As operacións aéreas rodesias implicaban normalmente voar e condicións relativamente quentes e a grande altitude, o que reducía a eficiencia do aparello; porén, o Alouette II demostrou ser duro e resistente aos danos e combate.[9] Co obxectivo de aumentar o pouco alcance do tipo despregáronse depósitos de combustible agachados por todo o país para ser usados para a súa repostaxe.[14]

Co obxectivo de mellorar o rendemento, a frota rodesia de Alouette II foi obxecto de grandes modificacións, incluídos cambios no sistema de repostaxe, miras, equipamento de cabina, blindaxe e armamento.[15] Co tempo, as forzas de seguridade rodesias desenvolveron unha innovadora táctica de despregue para rodear rapidamente aos inimigos coñecida como Fireforce, servindo o Alouette II como un compoñente clave.[13] Os batallóns Fireforce de reacción rápida centráronse en Centenary e Mount Darwin; porén, púxose un especial énfase en situar tanto os helicópteros como as tropas o máis preto posible ao teatro de operacións.[16]

En 1975, no momento no que a produción do tipo rematou, máis de 1 300 Alouette II foran fabricados. O helicóptero estaba en uso en máis de 80 países, incluídas 47 forzas armadas.[11] O Alouette II foi producido e vendido baixo licenza no Brasil, Suecia, a India e os Estados Unidos.[6] Aínda que foi substituído en certo grao polo SA 315B Lama, que era un derivado do propio Alouette II, o exército francés substituíu finalmente a súa frota de Alouette II polo Aérospatiale AS350 Écureuil para tarefas de observación e recoñecemento.[17]

No mes de xullo de 2018, un Alouette II estivo involucrado na fuxida do mafioso francés Rédoine Faïd da prisión. O helicóptero, que fora secuestrado por pandilleiros a punta de pistola, voou cara ao patio do cárcere de Réau e despois dirixiuse cara a Roissy, nos suburbios do nordés de París; dende a engalaxe ata a fuxida todo ocorreu nuns 10 minutos.[18][19]

Variantes editar

  • SE 3130 Alouette II - versión inicial impulsada por un motor da serie Turbomeca Artouste II cunha potencia nominal de 300 kW (400 hp) para a engalaxe, cun peso máximo de 1 500 kg.[20][21]
  • SE 313B Alouette II - versión do SE 3130 con motor Turbomeca Artouste IIC5 ou IIC6 con potencia de 300 kW (400 hp) para a engalaxe, wcun peso máximo aumentado a 1 600 kg.[20][21]
  • SE 3131 Gouverneur - versión executiva refinada cunha pluma de cola pechada,[22] que foi abandonada en favor do Alouette III.[23]
  • SE 3140 Alouette II - versión proposta que ía ser impulsada por un Turbomeca Turmo II de 298 kW (400 hp). Non chegou a fabricarse ningún.
  • HKP 2 Alouette II - versión licenciada sueca do SE 3130
  • SA 3180 Alouette II Astazou - versión impulsada por un motor Turbomeca Astazou IIA ou IIA2 con potencia nominal de 390 kW (523 hp) para a engalaxe e 353 kW (473 hp) continuos, pero restrinxida a 300 kW (400 hp) por limitacións da transmisión do motor, cun peso máximo de 1 500 kg .[20][21][24]
  • SA 318B Alouette II Astazou - versión do SA 3180 cun peso máximo aumentado ata os 1 600 kg.[20][21][24]
  • SA 318C Alouette II Astazou - versión do SA 3180 cun peso máximo aumentado ata os 1 600 kg.[20][21][24]
  • SA 315B Lama - deseñado para cumprir un requisito das forzas armadas da India para operar en condicións "quentes e altas"; combinaba o motor Artouste co sistema de rotor do Alouette III nunha fuselaxe reforzada do reinforced Alouette II.
  • Republic Lark: fabricación proposta nos Estados Unidos por Republic Aircraft, cun motor de 600 shp (447 kW) AiResearch TSE-331-7.[25]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "1955: SE3130 "Alouette II"". Eurocopter. Archived from the original on 22 de decembro de 2015. Consultado o 30 de outubro de 2018. 
  2. Taylor 1966, p. 61
  3. 3,0 3,1 Boyne 2011, p. 74
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 McGowen 2005, p. 74
  5. Taylor 1966, p. 2
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 McGowen 2005, p. 75
  7. McGowen 2005, p. 227
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Flight 8 de xullo de 1955, p. 54
  9. 9,0 9,1 9,2 Cocks 2015, p. 19
  10. 10,0 10,1 Cocks 2015, pp. 22-23
  11. 11,0 11,1 Boyne 2011, p. 101
  12. Cocks 2015, pp. 18-19
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 Cocks 2015, p. 18
  14. 14,0 14,1 Cocks 2015, p. 20
  15. Cocks 2015, pp. 20-22
  16. Cocks 2015, pp. 21-22
  17. McGowen 2005, p. 124
  18. Paris, Adam Sage (2018-07-04). "Hostage ordeal of helicopter pilot used for Rédoine Faïd jail breakout". The Times (en inglés). ISSN 0140-0460. Consultado o 2018-11-20. 
  19. "Prison break: French pilot of hijacked helicopter speaks of terrifying ordeal" (en inglés). 2018-07-04. Consultado o 2018-11-20. 
  20. 20,0 20,1 20,2 20,3 20,4 Federal Aviation Administration (FAA) (10 de xaneiro de 2014). "Type Certificate Data Sheet No. 7H1". 
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 Direction Générale de l'Aviation Civile (DGAC) (maio 1977). "Fiche de Navigabilité No. 24" (en francés). 
  22. "Business and Touring Aircraft: Sud-Aviation". Flight, 11 de outubro de 1957, p. 585.
  23. "Helicopters of the World:SE.3160 Alouette III". Flight, 15 de maio de 1959, p. 684.
  24. 24,0 24,1 24,2 European Aviation Safety Agency (EASA) (14 de febreiro de 2017). "Type Certificate Data Sheet No. EASA.R.124" (PDF). 
  25. Wilkinson, Paul H. (1964). Aircraft engines of the World 1964/65 (20th ed.). London: Sir Isaac Pitman & Sons Ltd. p. 43. 

Bibliografía editar

  • Boyne, Walter. "How the Helicopter Changed Modern Warfare." Pelican Publishing Company, 2011. ISBN 1-58980-700-6.
  • Cocks, Kerrin. "Rhodesian Fire Force 1966–80." Helion and Company, 2015. ISBN 1-91029-405-5.
  • McGowen, Stanley S. Helicopters: An Illustrated History of their Impact. Santa Barbara, California: ABC-CLIO, 2005. ISBN 1-85109-468-7.
  • Taylor, John W. R. Jane's All The World's Aircraft 1966-67. Londres: Sampson Low, Marston & Company, 1966.