Ānanda

Discípulo do Buda

Ānanda (en sánscrito आनन्द, "ledicia, felicidade suprema"[1][2]) foi curmán de Śākyamuni[3] (Buda Gautama, o buda histórico) e un dos seus principais discípulos.

Ānanda
Nacementoséculo VI a. C.
Lugar de nacementoCapilavastu
Falecementoséculo V a. C.
Lugar de falecementoVaishali
NacionalidadeShakya e India
Relixiónbudismo
Ocupaciónbhikkhu
PaiŚuklodana e Amritodana
IrmánsDevadatta
editar datos en Wikidata ]
Ānanda

Traxectoria editar

Segundo a tradición naceu na rexión de Kapilavastu, no pobo dos Śākia e dentro da casta dos kṣatriya; a súa nai foi Mriguí e o seu pai, segundo diferentes versións, foi Amitodana ou Sukkhodana (en todo caso, ambos foron irmáns de Suddhodana, o pai de Buda).[4]

Uniuse á sangha, xunto co seu irmán Anuruddha e outros nobres shakias, cando tiña 37 anos, durante o segundo ano de predicación do Buda, que posteriormente o seleccionou persoalmente de entre o seu séquito para que fose o seu asistente persoal.

Ānanda estivo de acordo en servir o seu mestre, mais querendo evitar que xurdise envexa nos demais discípulos e orgullo nel a causa do seu cargo, pediu que se cumprisen certas condicións: non gozaría de privilexios como agasallos, comida, roupa ou aloxamento especial; tampouco acompañaría a Buda ás invitacións persoais con que algunhas persoas o agasallaban; por outra banda, pensando en que as súas ocupacións non o apartasen do sendeiro espiritual, solicitou a Buda ter a posibilidade de consultarlle en calquera momento sobre as dúbidas de dharma (deber relixioso) que puidesen xurdir, así como poder volver escoitar as ensinanzas que o seu mestre impartise estando el ausente; finalmente pediu ser el persoalmente quen presentase ante o seu mestre ás persoas de fóra que acudisen a velo.

Buda aceptou as súas condicións e así foi como Ānanda permaneceu xunto a el ata o momento da súa morte, servíndoo con gran dedicación durante vinte e cinco anos, segundo consta no Canon Pali.[4][5] Porén, foi moito máis ca un servente e a súa relación con Buda chegou a ser a dunha amizada estreita.

Ānanda tiña gran consideración entre o resto dos monxes, que habitualmente, despois de que Buda impartise unha ensinanaza, acudían a el na procura de exposicións detalladas grazas á súa sona de ser quen de expor o dharma con claridade; mesmo chegou a substituír o seu mestre en certas ocasións, recibindo despois palabras de admiración e xúbilo por parte do propio Buda.

Segundo o Anguttara-nikaya (3.78), tras unha exposición de Ānanda, despois de que este se retirase da reunión, Buda dixo perante os monxes: "Ānanda aínda está no sendeiro do adestramento. Con todo, é difícil atopar alguén que o iguale en sabedoría".

Ordenación das monxas editar

Está escrito que, grazas á intervención de Ānanda, as mulleres puideron ingresar na orde budista; dise que Mahāprajāpatī Gautami, tía e nai adoptiva de Buda, logo de tomar a decisión de abandonar a vida mundana despois da morte do seu marido e liderando moitas outras esposas śākia, solicitou ao mestre que lles permitise ordenarse, ao que este se negou ata en tres ocasións.

Nunha demostración de férrea vontade, as mulleres seguiron a Buda a pé dende Kapilavastu ata Vesāli, presentándose de novo ante el co corpo cuberto de po e os pés inchados, reiterando o seu desexo de pertencer á Sangha; Ānanda, conmovido, decidiu interceder por elas e expuxo el mesmo a petición a Buda, recibindo tamén a negativa do mestre; sen desenimarse, Ānanda insistiu preguntándolle se as mulleres que decidisen abandonar a vida mundana e vivisen segundo os preceptos monásticos poderían acadar logros espirituais e, finalmente, o estado de Arhat, ao que respondeu afirmativamente; posteriormente, resaltou o feito de que Mahāprajāpatī coidara del cando era un neno, despois da morte da súa nai Mahamaya, argumento que acabou por convencer a Buda quen dende ese momento aceptou a conformación dunha orde feminina.

Cando Ānanda viu que estaba preto o paranirvāṇa de Buda, expresou o seu abatemento por non acadar aínda o estado de Arhat a pesar de estar tan preto do seu mestre, ante o que recibiu as palabras de consolo deste, quen lle indicou que gañara moita sabedoría e mérito no transcurso dos vinte e cinco anos que pasara ao seu servizo, instándoo a que se esforzase un pouco máis, pois recibiría a súa recompensa en pouco tempo.

Primeiro concilio editar

Debido á súa extraordinaria memoria, recoñecida polo resto da comunidade budista, Ānanda desempeñou un papel moi importante no Primeiro Concilio Budista, convocado por Mahākāśyapa en Rājagṛha despois da morte de Buda co propósito de recompilar e organizar a súa doutrina.

Segundo se di, Anuruddha propuxo que, aínda que a presenza de Ānanda fose indispensable, non se lle permitise asistir a non ser que acadara a liberación; así foi como Ānanda decidiu entrar en retiro e aplicarse con todas as súas forzas en lograr ese obxectivo; a madrugada do día do concilio, ante o feito de que aínda non conseguira o que se propuña, decidiu marchar a durmir, alcanzando o estado de Arhat nese momento.

Foi así como Ānanda se presentou ao concilio e, grazas ás súas lembranzas, confeccionouse o Sutra-pitaka ("cesto dos discursos"), segunda das tres partes que compoñen o denominado Tripiṭaka ou Canon Pali, escrituras budistas oficiais.

Nestas escrituras, nos catro primeiros Nikayas, pódese ler frecuentemente a frase: "Así oín eu dicir" antes das palabras de Buda; ese "eu" suponse que foi pronunciado por Ānanda, que se converteu no segundo sucesor de Buda, despois de Mahākāśyapa.

Falecemento editar

O Canon Pali non menciona a morte de Ānanda, mais o célebre monxe budista chinés Fa Hsien, recolleu na súa peregrinación á India unha antiga tradición segundo a cal, cando Ānanda tiña arredor de 120 anos,[1] presentindo o seu pasamento, nomeou como o seu sucesor a Śānavāsika e decidiu realizar unha viaxe de Rājagṛha a Vesāli; unha vez que chegou aló, decidiu aloxarse nunha illa no medio do Ganxes. Axiña os príncipes e habitantes de Vesāli se decataron da presenza de Ānanda, acudiron a velo dende unha das ribeiras do río; na outra beira, presentáronse o rei Ajātashatru (rei de Magadha) e o seu séquito, que foran tras Ānanda dende Rājagṛha. Uns e outros, pedían a Ānanda que fose cara á súa beira do río para morrer, e el, amosando a súa xentileza e compaixón, para evitar calquera clase de disputa entre os dous bandos pola súa causa, empregou os seus poderes psíquicos para elevarse polos aires e facendo que o seu corpo fose consumido polo lume para, finalmente, deixar que as súas cinzas se dividisen, caendo a ambos os lados do río.

Segundo cronoloxías posteriores, Ānanda viviu entre 75 e 75 anos.[6] Os estudos de L. S. Cousins datan a morte de Ānanda vinte anos despois da de Buda.[7]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 Buswell & Lopez 2013, Ānanda.
  2. Larson, Paul. "Ananda". En Leeming, David A.; Madden, Kathryn; Marlan, Stanton. Encyclopedia of Psychology and Religion. Springer-Verlag. p. 35. ISBN 978-0-387-71802-6. 
  3. Powers, John (2013). "Ānanda". A Concise Encyclopedia of Buddhism. Oneworld Publications. ISBN 978-1-78074-476-6. 
  4. 4,0 4,1 Witanachchi 1965, p. 529.
  5. Hirakawa 1993, p. 85.
  6. Baruah 2000, p. 10.
  7. Cousins, L. S. (2005). "The 'Five Points' and the Origins of the Buddhist Schools" (PDF). En Skorupski, T. The Buddhist Forum Volume II: Seminar Papers 1988-90. Routledge. p. 30. ISBN 978-1-135-75237-8. Arquivado dende o orixinal o 17 de setembro de 2018. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar