Álvaro Vázquez

futbolista español

Álvaro Vázquez García, nado en Badalona o 27 de abril de 1991, é un futbolista español que xoga como dianteiro no Goa, da Superliga da India. É irmán do cantante Raoul Vázquez.

Álvaro
Información persoal
Nome Álvaro Vázquez García
Nacemento 27 de abril de 1991
Lugar de nacemento Badalona
Altura 1,82 m.
Posición Dianteiro
Información de club
Club actual FC Goa
Carreira xuvenil
1997–2000 Trajana
2000–2005 Damm
2005–2009 Espanyol
Carreira sénior
Anos Equipos Aprs (Gls)
2009–2010 Espanyol B 22 (11)
2010–2012 Espanyol 60 (10)
2012–2016 Getafe 85 (16)
2013–2014 Swansea 12 (0)
2016–2019 Espanyol 10 (0)
2018 Gimnàstic 18 (6)
2018–2019 Zaragoza 32 (10)
2019–2021 Sporting de Gijón 53 (6)
2021 Sabadell 9 (0)
2021–2022 Kerala Blasters 23 (8)
2022– Goa 0 (0)
Selección nacional
2011 España sub-20 7 (5)
2011–2013 España sub-21 14 (7)
2012 España sub-23 3 (2)
2010– Cataluña 6 (0)
Na rede
FIFA: 339903 Editar o valor em Wikidata
Partidos e goles só en liga doméstica.
Club: actualizado a 14 de xullo de 2022.
Selección: actualizado a 14 de xullo de 2022.editar datos en Wikidata ]

Traxectoria editar

Inicios editar

Naceu en Badalona, nunha familia de orixe galega con raíces en Lugo e Portomarín.[1] Aos cinco anos comezou a xogar ao fútbol na localidade de San Adrián de Besós, nas filas do CF Trajana. Posteriormente pasou polo CF Damm ata que en 2005 se incorporou ás categorías inferiores do Espanyol.

Espanyol editar

Categorías inferiores editar

Comezou no cadete B, onde marcou 35 goles na súa primeira tempada, un máis que no cadete A na tempada seguinte. A continuación fixo 23 goles co xuvenil B na campaña 2007/08 e foi subcampión do Mundial de Clubs Sub-17. Na tempada 2008/09 pasou ao xuvenil A, pero perdeu gran parte do curso por lesión, anotando só sete goles. Xa na campaña 2009/10 foi o máximo goleador do equipo, a pesar de xogar durante a segunda volta en Segunda División B co Espanyol B, onde tamén foi o máximo goleador con oito goles.[2]

Aos 19 anos, Mauricio Pochettino seleccionouno para realizar a pretempada co primeiro equipo, aínda que regresou ao filial para o inicio da tempada 2010/11 na Terceira División.

Primeiro equipo editar

O 22 de setembro de 2010, debutou en Primeira División no estadio Santiago Bernabéu ante o Real Madrid CF, saltando ao terreo de xogo no minuto 72 substituíndo a Sergio García.[3] Ao día seguinte, ante as baixas na dianteira, Pochettino colocouno de inicio ante Osasuna e marcou o gol da vitoria para o seu equipo.[4] En 2011 foi nomeado ao Premio Golden Boy, que finalmente gañou Mario Götze.[5] O 8 de xaneiro de 2012 marcou o gol do empate para o seu equipo no derbi barcelonés ante o FC Barcelona.[6] Días despois, o 11 de xaneiro, marcou un triplete nos oitavos de final da Copa do Rei ante o Córdoba, que permitiu ao seu equipo clasificarse para os cuartos de final.[7]

Acumulou 70 partidos co club catalán ata 2012, nos que marcou 17 goles.

Getafe editar

Para a tempada 2012/13 fichou polo Getafe, co que disputou 31 partidos e marcou 4 goles. En setembro de 2013 puxo rumbo a Gales para xogar cedido no Swansea de Michael Laudrup, onde compartiu equipo con outros sete futbolistas españois. Debutou na Premier League o 22 do mesmo mes nunha vitoria por 2-0 contra o Crystal Palace, na que lle deu a asistencia a Nathan Dyer para o segundo gol. Disputou un total de 20 encontros co club galés, nos que non viu porta.

Trala fin da cesión regresou a Xetafe. Na tempada 2014/15 foi o máximo goleador do equipo madrileño, con nove tantos, mentres que na seguinte achegou cinco, insuficientes para que o equipo lograse a permanencia.

Espanyol (2ª etapa) editar

Tralo descenso a Segunda do Getafe e cando parecía que ficharía polo Deportivo da Coruña,[8] anunciouse o seu regreso ao Espanyol cun contrato por catro tempadas.[9][10] Con todo, apenas dispuxo de minutos no equipo de Quique Sánchez Flores, co que disputou 10 partidos e só 2 deles como titular, antes de saír cedido ao Gimnàstic de Tarragona na segunda parte da tempada 2017/18 e ao Zaragoza na 2018/19, ambos da Segunda División. No segundo deles foi o máximo goleador do equipo, con 10 tantos.

Sporting de Gijón editar

En xuño de 2019 rescindiu o seu contrato co Espanyol e ao mes seguinte anunciouse a súa fichaxe polo Sporting de Gijón.[11][12] Na súa primeira tempada no equipo asturiano disputou un total de 38 partidos, sendo habitual no once titular trala chegada ao banco de Miroslav Đukić. Na tempada 2020/21, con David Gallego como adestrador, foi suplente en case tódolos partidos, e en xaneiro saíu cedido ao Sabadell ata o final da tempada.[13] No equipo catalán xogou 9 partidos, 5 deles como titular, e acabou descendendo á Primeira División RFEF.

India editar

O 30 de agosto rescindiu o seu contrato co Sporting de Gijón e asinou por unha tempada co Kerala Blasters da Superliga india.[14][15] Fíxose coa titularidade dende o primeiro momento no equipo adestrado polo serbio Ivan Vukomanović e disputou un total de 23 partidos. Foi xunto co arxentino Jorge Pereyra o máximo goleador do conxunto, con 8 goles cada un. O equipo acabou cuarto na liga e disputou os play-offs, chegando ata a final, que perdeu na quenda de penaltis ante o Hyderabad.

En xuño de 2022 deixou Kochi e asinou polo FC Goa.[16]

Selección nacional editar

Foi internacional coa selección española sub-20 no Mundial de fútbol sub-20 de 2011, celebrado en Colombia. Chegaron aos cuartos de final tras perder ante Brasil na quenda de penaltis. Foi o máximo goleador da selección española no torneo, con cinco goles, o que lle valeu a Bota de Prata, empatado co francés Alexandre Lacazette e co brasileiro Henrique Almeida.[17] Foi tamén internacional coa selección española sub-21, coa que disputou a Eurocopa sub-21 de 2013, marcando un gol ante os Países Baixos e proclamándose campión do torneo.[18]

En 2010 debutou coa selección de Cataluña, nun partido contra Honduras, e converteuse nun fixo das convocatorias do combinado catalán nos seguintes anos.[19]

Vida persoal editar

É irmán máis vello do cantante Raoul Vázquez, que saltou á fama tralo seu paso polo programa de televisión Operación Triunfo 2017.[20]

Notas editar

  1. Veiga, Marta (20 de decembro de 2017). "OT: un galego para expulsar outro". El Progreso. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  2. Molero, Iván (28 de setembro de 2010). "Álvaro: "Estuve a punto de irme este verano"". As (en castelán). Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  3. "Isaac Cuenca y Álvaro Vázquez, la espuma del derbi". Mundo Deportivo (en castelán). 7 de xaneiro de 2012. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  4. "El debutante Álvaro Vázquez liquida a Osasuna". As (en castelán). Axencia EFE. 26 de setembro de 2010. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  5. "Álvaro: "La nominación para el 'Golden Boy' es algo fantástico"". Diario Sport (en castelán). Axencia EFE. 1 de novembro de 2011. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  6. Rodríguez, Alejandro (8 de xaneiro de 2012). "El Espanyol vuelve a ser la pesadilla del Barcelona". Cadena SER (en castelán). Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  7. "Álvaro Vázquez salva al Espanyol, que pasa a cuartos tras vencer al Córdoba (4-2)" (en castelán). 11 de xaneiro de 2012. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  8. Navacerrada, Juancar (1 de setembro de 2016). "Se acaba el culebrón: Álvaro Vázquez regresa al Espanyol". Marca (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  9. Uribe, Ernesto (31 de agosto de 2016). "O Dépor ficha Álvaro Vázquez, consciente de que non lle poden pedir os números de Lucas". Nós Diario. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  10. "Álvaro Vázquez vuelve al Espanyol". La Vanguardia (en castelán). 1 de setembro de 2016. Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  11. Martínez, Alberto (18 de xuño de 2019). "Álvaro rescinde con el Espanyol: no cumplirá el año que le resta". As (en castelán). Consultado o 13 de xullo de 2022. 
  12. "El delantero Álvaro Vázquez, nueva incorporación rojiblanca" (en castelán). 10 de xullo de 2019. Arquivado dende o orixinal o 10 de xullo de 2019. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  13. "Álvaro Vázquez és la nova incorporació del CE Sabadell" (en catalán). 12 de xaneiro de 2021. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  14. "Álvaro Vázquez finaliza su etapa en el Sporting" (en castelán). 30 de agosto de 2021. Arquivado dende o orixinal o 13 de xullo de 2022. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  15. "Kerala Blasters FC welcomes Alvaro Vázquez" (en inglés). 30 de agosto de 2021. Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2021. Consultado o 14 de xullo de 2022.  Arquivado 31 de agosto de 2021 en Wayback Machine.
  16. "FC Goa sign striker Alvaro Vazquez on a two-year deal" (en inglés). 24 de xuño de 2022. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  17. Torres, M. Carmen (21 de agosto de 2011). "Álvaro Vázquez, 'Bota de plata' del mundial Sub-20". Consultado o 12 de enero de 2012. 
  18. "España-Países Baixos Eurocopa sub-21 de 2013". UEFA (en inglés). Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  19. "Cataluña sonroja a Honduras con un doblete de Bojan" (en castelán). 28 de decembro de 2010. Consultado o 14 de xullo de 2022. 
  20. "Álvaro y Raoul Vázquez: la historia de dos hermanos que levantan pasiones" (en castelán). 24 de xullo de 2019. Consultado o 14 de xullo de 2022.