Ácido teicoico

composto químico

Os ácidos teicoicos (do grego τεῖχος, teicos, 'parede') son un tipo de polímeros ácidos bacterianos [1] formados por unidades dos polialcohois glicerol fosfato ou ribitol fosfato unidos por enlaces fosfodiéster, e a miúdo presentan unidos moléculas de azucres e D-alanina.

Estrutura repetitiva dun ácido teicoico de Micrococcaceae

LocalizaciónEditar

Os ácidos teicoicos forman parte da parede celular das bacterias grampositivas, como por exemplo, as bacterias dos xéneros Staphylococcus, Streptococcus, Bacillus, Clostridium, Corynebacterium e Listeria, e esténdense pola superficie da capa de peptidoglicano da parede. Os ácidos teicoicos non se encontran nas bacterias gramnegativas. Poden unirse covalentemente a un ácido N-acetilmurámico do peptidoglicano, ou a lípidos da membrana plasmática, ou a unha D-alanina terminal do tetrapéptido que une as cadeas de peptidoglicano. A combinación de ácidos teicoicos e lípidos denomínase ácido lipoteicoico.

FunciónsEditar

A principal función dos ácidos teicoicos é darlle rixidez á parede celular ao atraeren catións como magnesio e sodio. Os ácidos teicoicos xeralmente, pero non sempre, levan unidos a eles por enlace éster residuos de D-alanina,[2] o que lle dá á molécula propiedades de zwitterión.[3] Estes ácidos teicoicos zwitteriónicos son posibles ligandos dos receptores de tipo Toll 2 e 4 do sistema inmunitario animal.

Debido á súa carga negativa son en parte responsables da carga negativa neta da superficie celular bacteriana e poden intervir no paso de ións a través da parede.[4]

Os ácidos teicoicos axudan na regulación do crecemento celular ao limitaren a capacidade das autolisinas de romper a enlace glicosídico β(1-4) entre a N-acetilglicosamina e o ácido N-acetilmurámico.

Os ácidos lipoteicoicos actúan ademais como moléculas receptoras para algúns bacteriófagos de bacterias grampositivas.[5] Diversas evidencias suxiren que os ácidos teicoicos poden actuar tamén como receptores para bacteriófagos, aínda que isto non foi aínda probado concluíntemente.

NotasEditar

  1. MeshName - Teichoic+acids
  2. Knox KW, Wicken AJ (1973). "Immunological properties of teichoic acids". Bacteriological Reviews 37 (2): 215–57. PMC 413812. PMID 4578758. 
  3. Garimella R, Halye JL, Harrison W, Klebba PE, Rice CV (2009). "Conformation of the phosphate D-alanine zwitterion in bacterial teichoic acid from nuclear magnetic resonance spectroscopy". Biochemistry 48 (39): 9242–9. PMID 19746945. doi:10.1021/bi900503k. 
  4. M. T. Madigan, J. M. Martinko, J. Parker .Brock Biología de los Microorganismos. Pearson-Prentice Hall. 10ª edición (2003). Páxina 76. ISBN 84-205-3679-2.
  5. Raisanen, L., Draing, C., Pfizenmaier, M., Schubert, K., Jaakonsaari, T., Aulouck, S., Hartung, T. and Alatossava, T. (2007). "Molecular interaction between lipoteichoic acids and Lactobacillus delbrueckii phages depends on the D-Alanyl and a-glucose substituion of poly(glycerophosphate) backbones". J.Bac: 4135–4140. 

Véxase taménEditar

Outros artigosEditar