Yvette Gastauer-Claire

escultora, medallista e deseñadora de moedas luxemburguesa

Yvette Gastauer-Claire, nada en Esch-sur-Alzette, Luxemburgo, o 29 de maio de 1957,[1] é unha escultora, medallista e deseñadora de moedas luxemburguesa.

Infotaula de personaYvette Gastauer-Claire
Biografía
Nacemento1957 Editar o valor em Wikidata (66/67 anos)
Esch-sur-Alzette, Luxemburgo (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeLuxemburgo Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupaciónescultora , medallista Editar o valor em Wikidata

Gastauer-Claire reside na vila de Schifflange, no mesmo cantón que a súa cidade natal, onde ten o seu propio estudio.[1]

O seu traballo máis popular é o anverso da serie circulante de moedas do euro do seu país.[2][3]

Traxectoria editar

 
Die Reisende ("A viaxeira"), escultura de Yvette Gastauer-Claire en Kaarst, Alemaña (2013).

Primeiros anos e formación editar

Nada en 1957 na localidade luxemburguesa de Esch-sur-Alzette, Yvette Gastauer-Claire cursou estudos superiores artísticos na sección de Belas Artes da École des Arts et Métiers, de Luxemburgo, entre 1974 e 1979.[1][4]

Simultaneamente á súa formación regrada, a partir de 1975 foi aprendiz de Escultura no obradoiro do escultor Camille Nocher.[1][4]

Escultura editar

Gastauer-Claire traballou no departamento de restauración dos museos nacionais de Luxemburgo entre os anos 1980 e 1984,[4] e tamén realizou varios traballos de restauración de monumentos do seu país traballando para un estudio privado de modelaxe.[1]

Como escultora, Gastauer-Claire participou en exposicións colectivas en Luxemburgo, Alemaña, Francia, Bélxica, Finlandia, Suecia, os Estados Unidos de América, os Países Baixos, Polonia, Israel, Portugal, Italia e Suíza, e desde 1985 é unha asidua participante nas exposicións de FIDEM. A súa primeira exposición individual tivo lugar na galería de arte Armand Gaasch, de Dudelange, en 1995.[4]

Ademais da produción artística, tamén impartiu docencia de Escultura, tanto para persoas adultas como para nenos con deficiencias visuais no Instituto de Discapacitados Visuais de Luxemburgo.[1]

Medallística e deseño de moeda editar

 
Bolsa cun conxunto de moedas circulantes do euro ("euromoedeiro") co anverso luxemburgués.

Gastauer-Claire é tamén unha prolífica creadora de medallas,[5] desde finais da década de 1970, moitas delas por encarga da Caisse d'Épargne de l'État, entre elas unha serie dedicada a conmemorar o milenio da igrexa de San Miguel de Luxemburgo en 1987, e tamén algunhas deportivas encargadas polo Ministerio de Educación e Deportes.[4]

Do mesmo modo, Gastauer-Claire foi a artista escollida pola Casa Ducal de Luxemburgo e polo Goberno do país para deseñar os anversos nacionais de todas as moedas circulantes do euro —desde o céntimo aos dous euros—, que entraron en circulación en 2002. O deseño consiste nunha imaxe de perfil do busto do Gran Duque Henrique rodeado de doce estrelas e o nome do país en luxemburgués: "Lëtzebuerg".[2][3]

Ademais desta serie circulante, Gastauer-Claire ocupouse tamén do deseño dun bo número de moedas conmemorativas de Luxemburgo, tanto da serie do euro como, na década de 1990, do franco luxemburgués.[3]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Bio". Sitio web de Yvette Gastauer-Claire.
  2. 2,0 2,1 "Luxembourg. European Central Bank". Ecb.europa.eu
  3. 3,0 3,1 3,2 Moedas deseñadas por Yvette Gastauer-Claire. Numista.com
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 "Yvette Gastauer-Claire". Yvette.gastauer.lu
  5. "Médailles". Sitio web de Yvette Gastauer-Claire.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar