O xogo do pau (en portugués jogo do pau) é un tipo de combate tradicional galego e portugués, unha arte marcial. En Portugal o seu uso está codificado, mentres que en Galiza está testemuñado en cantigas, contos e outras formas de acervo popular oral, así como nas testemuñas de persoas de idade que o practicaran na súa infancia e xuventude.

Exhibición de xogo do pau na rúa

Historia do xogo do Pau editar

En moitas sociedades a espada desenvolveuse como unha arma á que lle atribuían un carácter sagrado, de xeito que só podían levala e empregala os nobres guerreiros. Ao pobo prohibíaselle usar dela, polo que tiña que desenvolver métodos de combate alternativos, ás mans ou con ferramentas e trebellos das angueiras diarias. Quen estea familiarizado coa historia do xurdimento do karate (que significa ás mans en xaponés) en Oquinava, sabe que se desenvolveu en paralelo ao kobudo, que inclúe técnicas de uso de fouces, paus ou mallos. Era este arsenal o que podían usar os labregos ou os mariñeiros para rexeitaren os ataques dos samurais, que viñan armados con catanas e outros artefactos bélicos. Tamén en Portugal e en Galiza apareceu un sistema de loita tradicional que empregaba os caxatos que usaban os labregos e os pastores, e que se coñeceu por jogo do pau, se ben aquí o termo se refire non tanto á brincadeira como ao manexo ou á técnica.

Ben entrado o século XX eran frecuentes por Portugal enteiro, e especialmente no norte do país, e en Galiza os combates de pau nas feiras e romarías. Ás veces estaban implicadas nestas liortas aldeas enteiras, noutras os combates eran individuais, ou dun contra varios. Era o tempo dos puxadores (nome que lles daban aos loitadores do norte) e dos varredores de feiras (combatentes de sona que acudían ás feiras e romarías para desafiaren a outros e probar o seu valor a través da vitoria contra todos).

Un loitador, Mestre Monteiro, orixinario da rexión de Fafe, conta que na mocidade do pai había dúas poboacións que ían aos domingos á mesma capela, levando os homes e os mozos cadansúa vara, de xeito que cando se axeonllaban na misa se vían todos os paus saíndo dereitos por riba das cabezas. Despois da cerimonia era frecuente, nunha eira de alí preto, pelexas entre os rapaces das dúas aldeas, que comezaban por calquera pequena razón (un piropo a unha rapaza do outro lugar, os celos dun namorado, unha discusión polo paso dun regato...) e que se resolvían a paus. Con todo, o combate posuía as súas regras. Había un código ético, que prohibía os loitadores bateren en home que non tivese pau, ou que estivese no chan.

Tamén na literatura podemos atopar historias sobre o xogo do pau, especialmente en autores como Aquilino Ribeiro e Miguel Torga.

A partir dos anos 30 o xogo do pau comezou a perder importancia. Os motivos son varios: a acción das autoridades policiais, que para evitar loitas sanguentas prohibiron o uso dos paus dentro dos recintos das feiras; a emigración de moitos homens para a cidade ou para o estranxeiro; ou a xeneralización do uso de armas de fogo, que fixo innecesaria a aprendizaxe lenta e difícil desta técnica de defensa persoal.

 
Bandeira da escola do Ateneu

En Lisboa, praticábase principalmente a partir do século XIX, un estilo propio, nado nos quintais da capital e en clubs como o Ateneu Comercial de Lisboa ou o Real Ginásio, que despois acabou sendo o Ginásio Clube Português, onde aínda hoxe se aprende esta arte. Xorden dúas grandes escolas, diferenciadas tecnicamente e con base en factores histórico-sociais: a Escola do Norte e a Escola de Lisboa (tamén practicada no Ribatejo e na Estremadura portuguesa). Esta última desenvolveu unha serie de innovacións técnicas e pasou a darlle menos importancia ao combate contra varios adversarios.

Ao longo da historia do xogo do pau foron moitos os mestres que deixaron a súa sona polas diferentes rexións de Portugal: mestre António Nunes Caçador, mestre Frederico Hopffer, mestre Júlio Hopffer, mestre Joaquim Baú, mestres Calado Campos, pai e fillo, mestre Chula, mestre Custódio Neves, mestre Pedro Ferreira, mestre Elias Gameiro, mestre Nuno Russo, mestre Manuel Monteiro, e unha longa recua. O nome de Mestre Pedro Ferreira (26 de marzo de 191524 de setembro de 1996) destaca polo seu extraordinario desenvolvemento técnico, combinando as Escolas do Norte e de Lisboa, que ben coñecía as dúas. Foron discípulos seus moitos dos actuais mestres en activo. Xogou ao pau durante toda a vida, con grande habelencia e calidade. Era o mestre do Ateneu Comercial de Lisboa, se ben nos últimos anos lle pasou a responsabilidade ao mestre Manuel Monteiro, o seu sucesor.

 
Mestre Monteiro e alumnos

O xogo do pau comezou un proceso de organización a nivel nacional coa fundación, en 1977, baixo o impulso de Pedro Ferreira, da Associação Portuguesa de Jogo do Pau. As distintas escolas e clubs están hoxe organizadas nunha estrutura de representación, a Federación Portuguesa de Xogo do Pau. Como proba das vantaxes técnicas do sistema portugués, pódese sinalar que nos campionatos abertos de loitas con pau, que tiveron lugar en Francia na década de 1980, coa presenza de sistemas de combate do Xapón, Vietnam, Francia e outros países, os combatentes portugueses foron campións absolutos.

O xogo do pau en Galiza editar

En tanto que en Portugal o Xogo do Pau tivo sempre un certo grao de visibilidade na sociedade, sendo adaptado desta forma ás convencións e estruturación das artes marciais modernas, a historia nacional de Galiza fixo que esta disciplina sufrise un progresivo esquecemento. Porén, hai documentación da existencia de mestres galegos desta arte marcial[1][2], e hai aínda persoas vivas que aprenderon na mocidade a xogar ao pau, e que empregaron activamente eses coñecementos en situacións de loita real. Persoas coma Isidro Piñeiro[3] na costa do Salnés ou grupos coma o Jogo do Pau Compostela[4] están a recuperar, de primeira man, estas testemuñas e a incorporalas a unha práctica moderna[5].

Notas editar

  1. «...as gentes das províncias do Minho, Trás-os-Montes, Beiras e Galiza se exercitavam com a arma de que dispunham, o varapau.» -- Helder Jõao Vieira Valente, «O Jogo do Pau Português», http://www.jogodopauportimao.com/files/LIVRO1.pdf[Ligazón morta]
  2. «...embora tenha sido José Maria da Silveira, discípulo de dois mestres, um galego e outro minhoto, que introduziu o Jogo do Pau nos meios desportivos citadinos o criador da chamada " Escola de Lisboa "...» -- Helder Jõao Vieira Valente, «O Jogo do Pau Português», http://www.jogodopauportimao.com/files/LIVRO1.pdf[Ligazón morta]
  3. Novas da Galiza 109, p. 28: http://www.novasgz.com/pdf/ngz109.pdf
  4. https://www.facebook.com/groups/172076379597509/
  5. http://www.youtube.com/watch?v=OEaZcvDM7DA

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar