Xestor de comunidade

Un xestor de comunidade[1] (en inglés Community Manager), é a persoa que se encarga de crear, de xestionar e de dinamizar unha comunidade virtual en Internet, independentemente da plataforma ou das ferramentas dixitais empregadas, co obxectivo de conseguir que as persoas usuarias participen e interactúen entre elas. Esta figura aparece, nun principio, para coordinar e administrar os foros de Internet mais a súa importancia vai aumentar ao apareceren as redes sociais como Facebook, Tuenti ou Twitter.

No ámbito empresarial, o xestor de comunidade encárgase de xestionar as relacións dunha empresa coa súa clientela dentro do mundo dixital, grazas aos coñecementos das necesidades, das estratexias de organización e os intereses desta. Un xestor de comunidade ten de se perfilar como un estratego en comunicación en liña, con coñecementos de mercadotecnia, publicidade e relacións públicas con finalidade comercial.

O ou a xestora de comunidade ten de desenvolver unha estratexia capaz de construír relacións arredor dunha marca e manter interaccións persoais cos membros da marca que representa. A xestión do responsábel de comunidade céntrase en coñecer a necesidade das persoas usuarias e plasmala na comunidade. No caso de empresas, estas necesidades transmítense internamente para que o empresariado as valore e modifique en consecuencia no seu produto ou no seu servizo. O obxectivo final é conseguir que estas mudanzas incrementen a cohesión e a cantidade de persoas usuarias da rede así como a mellora da calidade do servizo.

O perfil dun ou dunha xestora de comunidade ten de contar con certas características para realizar o seu traballo. Son importantes capacidades sociais para fomentar a interacción entre os membros dunha comunidade e unha sólida experiencia tanto a nivel de usuario e como membro dun equipo web.

[2][3][4]

Notas editar

  1. Blanco Suárez, Zeltia; Veiga Mateos, Inés (2018). "Innovacións léxicas no campo das novas tecnoloxías e das redes sociais: alternativas para o galego". Cadernos de Lingua (36): 111–151. Arquivado dende o orixinal o 14/03/2018. Consultado o 13/03/2018. 
    O propio artigo cita a Galipedia como fonte para responsábel de comunidade, pois así o reflectía en edicións anteriores ó 13 de marzo de 2018.
  2. Cedillo, Franco (2010-03-07). "¿Qué es un Community Manager?". Blog de Franco. Consultado o 2019-02-27. 
  3. "¿Qué es un Community Manager?". Maestros del Web (en castelán). 2010-04-15. Consultado o 2019-02-27. 
  4. "El perfil del community manager" (en castelán). Consultado o 2019-02-27. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar