A xerografía é un proceso de impresión que emprega electrostática en seco para a reprodución ou copiado de documentos ou imaxes. A palabra xerografía deriva do grego ξηρός (xeros), que significa ‘seco’, e -γραφία (grafía), que significa ‘escritura’.

Esquema do proceso de fotocopiado xerográfico.

Historia editar

O proceso foi inventado o 22 de outubro de 1938 por Chester Carlson (1906-1968) baseándose significativamente nas contribucións do físico húngaro Pál Selényi. A innovación de Carlson combinou a impresión electrostática coa fotografía, a diferenza do proceso de impresión electrostática seca inventado por Georg Christoph Lichtenberg en 1778.[1]

Carlson graduouse en física e conseguiu traballo de asistente cun avogado de patentes, onde realizou un traballo intensivo no uso de papeis. Alí notou que había necesidade de copiar documentos de forma simple e rápida. Entón comezou a experimentar con cargas electrostáticas e materiais fotocondutores, é dicir, materiais que modifican as súas propiedades eléctricas ao seren expostos á luz. En 1938, á idade de 32 anos, Carlson logrou crear a primeira imaxe xerográfica no seu laboratorio.

Lanzamento comercial pola Xerox editar

En 1947, unha pequena empresa do norte de Nova York, creada no mesmo ano de nacemento de Carlson, apostou polo descubrimento adquirindo os dereitos para desenvolver e comercializar a xerografía. A empresa chamábase The Haloid Company, e en 1961 renomearíase Xerox Corporation. A compañía seguiu desenvolvendo a tecnoloxía até lanzar unha copiadora automática de papel para oficinas, a Xerox 914, que facía copias en branco e negro en papel común, en forma simple e rápida.

O proceso orixinal de Carlson era complexo, exixindo varias etapas de procesamento manual con placas planas. Pasaran case 18 anos antes que un proceso totalmente automatizado fose desenvolvido, sendo o principal avance o uso dun tambor cilíndrico revestido de selenio en vez dunha placa plana.

A revista Fortune denominouna «o produto máis exitoso de todos os tempos comercializado nos Estados Unidos de América».

A xerografía é a tecnoloxía base das actuais fotocopiadoras, impresoras láser e impresoras dixitais de produción. Estímase que en 2004 realizáronse 4 billóns de páxinas en produtos que hoxe existen grazas a esta tecnoloxía, o que a converte no método máis usado para imprimir documentos nas oficinas.

Outra inmensa vantaxe deste proceso é que, a diferenza do chorro de tinta, o tóner non se corre por líquidos como auga, entre outros. E ademais, tamén posúe terminación ou calidade moi superior ao sistema "ink jet" mencionado. Por exemplo en textos, os bordos das letras son moito máis definidos.

Funcionamento editar

Unha superficie é cargada con electricidade estática en forma uniforme e é exposta a luz que descarga ou destrúe a carga eléctrica, ficando cargadas só aquelas áreas onde hai sombra. Un pigmento de po (tinta seca ou tóner) fíxase nestas áreas cargadas facendo visíbel a imaxe, que é transferida ao papel mediante un campo electrostático. O uso de calor e presión fixan a tinta ao papel.

Notas editar

  1. Schiffer, Michael B.; Hollenback, Kacy L.; Bell, Carrie L. (2003). Draw the lightning down : Benjamin Franklin and electrical technology in the Age of Enlightenment. Berkeley : University of California Press. ISBN 978-0-520-23802-2. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar