Xenopsylla cheopis

especie de insecto
Pulga da rata oriental
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Clase: Insecta
Orde: Siphonaptera
Familia: Pulicidae
Xénero: Xenopsylla
Especie: X. cheopis
Nome binomial
'' Xenopsylla cheopis ''
Rothschild, 1903
Sinonimia

Pulex cheopis Rothschild, 1901

A Xenopsylla cheopis, coñecida como pulga da rata oriental, é unha especie de insecto sifonáptero da familia Pulicidae. Estas pulgas son parasitos dos roedores, principalmente do xénero Rattus, e son un vector primario para a peste bubónica e o tifo murino. A transmisión destas enfermidades ocorre cando a pulga se alimenta primeiro dun roedor infectado e despois pica a un humano.

Historia editar

A especie foi atopada en Exipto por N. C. Rothschild e Karl Jordan e descrita en 1903.[1] Recibiu inicialmente o nome de Pulex cheopis. O nome cheopis púxollo Rothschild pola pirámide de Queops (Cheops), xa que foi descuberta en Exipto.[2]

Características editar

A pulga da rata oriental non ten peites xenal ou pronotal. Esta característica pode utilizarse para diferenciar a Xenopsylla cheopis da pulga do gato (Ctenocephalides felis), pulga do can (Ctenocephalides canis) e outras pulgas.

O corpo da pulga mide arredor de 2,5 mm. A súa anatomía está estruturada para que lle sexa máis fácil dar grandes saltos para pasar dun hóspede a outro. O seu corpo divídese nas tres rexións típicas dos insectos: cabeza, tórax e abdome. A cabeza e o tórax teñen filas de sedas (chamadas peites) e o abdome consta de oito segmentos visibles.

A boca da pulga ten dúas funcións: produce saliva e chucha sangue (e nas infeccións regurxita parte do sangue). As pulgas son capaces de ulir o dióxido de carbono expulsado durante a respiración dos seus hóspedes e chouta rapidamente á fonte de dióxido de carbono para alimentarse nun novo hóspede. As pulgas son insectos sen ás, pero, aínda que non poden voar, dan grandes saltos de ata 200 veces a lonxitude do seu corpo (uns 50 cm) e ata 130 veces a altura do seu corpo (uns 33 cm). As súas patas constan de catro partes: coxa, fémur, tibia e tarso.

Transmisión de enfermidades editar

Esta especie pode actuar como vector da peste (causada pola bacteria Yersinia pestis), o tifo murino (causado pola bacteria Rickettsia typhi), e tamén pode actuar como hóspede intermedio para as tenias Hymenolepis diminuta e Hymenolepis nana (alberga os cisticercos da tenia). As enfermidades poden ser transmitidas dunha xeración de pulgas á seguinte a través dos ovos, como ocorre co tifo murino.[3] No caso da peste bubónica a pulga adquire a bacteria ao chuchar sangue dun individuo infectado; esta crece no seu intestino anterior (zona do proventrículo) formando un biofilme que orixina un tapón que lle impide tragar ao animal; cando a pulga se alimenta de sangue este remove parte das bacterias do tapón, pero non o pode tragar, polo que o regurxita xunto coas bacterias na ferida da picada na pel do mamífero, e desta maneira a bacteria infecta a outro individuo mamífero.

Ciclo vital editar

 
Macho e femia de Xenopsylla cheopis.

O ciclo de vida desta especie consta de catro estadios. O primeiro estadio é o ovo. Os ovos son microscópicos e brancos e caen facilmente da femia ao chan ou desde o animal onde os puxo. Se os deposita sobre o animal, caen axiña ao po ou no lugar onde se deita o animal. Se os ovos caen inmediatamente ao chan, caen nas gretas do terreo onde permanecen seguros ata que se produza a eclosión dez días despois (ou máis segundo as condicións do ambiente). Orixinan unha larva que ten un aspecto moi similar a un verme e ten uns dous milímetros de longo, cun pequeno corpo e pezas bucais. Neste estadio, a pulga non se alimenta de sangue, senón que come células mortas da pel, excrementos de pulga, e outros pequenos parasitos que atopa no po. Cando a larva está madura constrúe un casulo de seda arredor do seu corpo e convértese nunha pupa. A pulga permanece como pupa dunha semana a seis meses e sofre unha metamorfose. Emerxe transformada en adulto. Agora vive nun hóspede e aliméntase de sangue do seu hóspede e aparéase con outras pulgas. Unha femia pode aparearse unha vez e poñer ovos todos os días, poñendo uns 50 ovos por día.

Experimentalmente demostrouse que as pulgas prosperan en condicións climáticas secas con temperaturas de 20-25 °C.[4] Poden vivir un ano e permanecer nalgunhas ocasións no casulo en estado de pupa ata un ano se as condicións non son favorables.

Notas editar

  1. N. C. Rothschild (1903). "New species of Siphonaptera from Egypt and the Soudan". Entomologist's Monthly Magazine 39: 83–87. 
  2. Natural History Museum web
  3. A. Farhang-Azad, R. Traub & S. Baqar (1985). "Transovarial transmission of murine typhus rickettsiae in Xenopsylla cheopis fleas". Science 227 (4686): 543–545. PMID 3966162. doi:10.1126/science.3966162. 
  4. J. F. D. Shrewsbury (2005). A History of Bubonic Plague in the British Isles. Cambridge University Press. p. 3. ISBN 0-521-02247-9. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar