Xenealoxía

ciencia que estuda as relacións familiares

A xenealoxía é unha das ciencias auxiliares da historia, encargada do estudo e seguimento da ascendencia e descendencia dunha persoa ou familia. O documento que rexistra este estudo adoita ser coñecido como árbore xenealóxica. O termo procede do latín genealogia, á súa vez do grego genea (genos, raza, nacemento, descendencia) + -logia (logos, ciencia, estudo).

Árbore xenealóxica.

Desenvolvemento editar

Para levar a cabo unha investigación xenealóxica cómpre recompilar a maior cantidade de antecedentes a través de fontes orais e documentais.

As fontes orais obtéñense verbalmente doutras persoas, xeralmente dentro do propio núcleo familiar. Non sempre son exactas respecto ás datas e lugares, pero ofrecen un acervo de información que moitas veces non se atopa documentada. Amais, permite determinar o marco xeral familiar como punto de partida do traballo posterior. Existen datos que só poden ser obtidos mediante fontes orais, pois pode ser que non existise documentación (descendencia natural non recoñecida) ou que fose destruída nunha catástrofe natural, un accidente ou unha guerra.

As fontes documentais obtéñense de medios escritos, xa sexan impresos o manuscritos. Os arquivos familiares e particulares son os documentos escritos que en posesión dunha familia ou comunidade que son traspasados dunha a outra xeración. Adoitan ser copias únicas inéditas, como cartas persoais, documentos legais, copias de expedientes, títulos de dominio, libros de familia etc. En ocasións están en mal estado de conservación.

 
Folla do censo dos EUA de 1920.

Os rexistros civís de identificación xeneralizáronse a mediados do século XIX, e inclúen datos como nacementos, defuncións, matrimonios, divorcios, condenas xudiciais ou nacionalizacións.

Os arquivos eclesiásticos manteñen en certas ocasións documentación anterior á creación dos rexistros civís. As parroquias católicas creadas desde o século XVI (así o estableceu en 1563 o Concilio de Trento) deben gardar os libros de bautismo, defunción e matrimonio. En ocasións, estes documentos están arquivados nos arcebispados.

Os arquivos notariais gardan información e documentos emanados polas actuais notarías e as antigas escribanías, como testamentos, cartas de dote, transaccións comerciais, ventas, arrendos e todos aqueles documentos subscritos entre particulares.

Moitos países contan cun fondo de documentos históricos no que se gardan os documentos emitidos pola administración pública (estado, autonomías, concellos...), como expedientes xudiciais e militares, follas de vida e nóminas do funcionariado públicos ou censos.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

Ligazóns externas editar