Xacemento petrolífero

Un xacemento petrolífero ou depósito petrolífero, é unha acumulación natural de hidrocarburos no subsolo, contidos en rochas porosas ou fracturadas (denominadas rochas almacén). Os hidrocarburos naturais, como o petróleo cru e o gas natural, quedan alí retidos por formacións de rochas supraxacentes de baixa permeabilidade.

Formación editar

 
Migración dos hidrocarburos a través dos poros.

O petróleo cru que se encontra en depósitos de petróleo fórmase na litosfera a partir de restos de organismos do pasado (fósiles), depositados en grandes cantidades en fondos anóxicos de mares ou zonas lacustres do pasado xeolóxico que quedaron cubertos por capas de sedimentos de grande espesor. Millóns de anos de transformacións químicas debidas á calor e á presión durante a diaxénese, cambiaron os restos de microorganismos (animais e vexetais) en petróleo e gas natural.

Roy Murmi, un conselleiro de Schlumberger,[1] describiu o proceso da seguinte maneira: «plancto e algas, proteínas e a vida que flota no mar, cando morren, caen ao fondo, e estes organismos son a orixe do petróleo e o gas. Cando se enterran co sedimento acumulado e chegan a unha temperatura adecuada, algo por riba de 50 a 70 °C, comezan a "cociñarse". Esta transformación, este cambio, convérteos en hidrocarburos líquidos que se moven ou migran, chegando a formaren os depósitos de gas e petróleo».[2]

A formación dos xacementos de petróleo ou de gas requiren catro etapas na súa evolución diaxenética dentro da conca sedimentaria: enterro profundo baixo sedimentos, quecemento e presión, migración dos hidrocarburos desde a fonte (rocha nai) até unha zona porosa (rocha almacén) e seren retidos por rochas impermeábeis (trampa petrolífera).

Crese que o vale do río Ohio podería ter tanto petróleo como o que hai en todo o Oriente Medio, pero que escapou pola falta de trampas xeolóxicas que o retiveran; o mar do Norte, no outro extremo, aguantou durante millóns de anos cambios do nivel do mar, proporcionando máis de 150 xacementos petrolíferos.

Tamén é importante tomar en consideración o factor tempo.

Aínda que o proceso é xeralmente o mesmo, diferentes factores ambientais chegan a crear unha gran variedade de depósitos. Existen xacementos en case todas as concas sedimentarias, desde superficiais até os 9000 m de profundidade, e cunha gran variedade de formas, tamaños e idades; porén, a maior parte do petróleo procede de acumulacións de materia orgánica nos mares ecuatoriais do cretáceo.[3]

Xacementos primarios editar

Os xacementos de petróleo chámanse primarios cando se encontran na mesma rocha na que se formaron, e secundarios, cando se formaron nun sitio afastado e o petróleo foi fluíndo cara ao lugar no que xace agora, movemento co que cambian algunhas das súas propiedades.

 
Xacemento primario.

O normal nun xacemento primario é encontrar a seguinte disposición: unha capa superior de arxila, impermeábel; por debaixo dela, unha capa de areas impregnadas de gas natural (hidrocarburos gasosos); por debaixo desta, areas impregnadas de petróleo (hidrocarburos líquidos) e, por último, unha capa inferior de areas impregnadas de auga salgada. Con esta disposición, o estrato impermeábel superior atrapa o petróleo no mesmo sitio onde se formou e non deixa que escape, só pode separarse segundo un gradiente de densidade da auga salgada que contiña (máis densa) e do chamado gas natural (grupo de hidrocarburos gasosos —metano, fundamentalmente, pero tamén etano, propano e butano— menos densos que o petróleo).

Desde o punto de vista económico, os xacementos primarios son de modesta rendibilidade, pois a cantidade acumulada de reserva petrolífera é pequena e, ademais, o petróleo non está moi concentrado, polo que a súa extracción é lenta.

Xacementos secundarios editar

Nos xacementos secundarios a chegada continua de hidrocarburos até unha trampa de petróleo fai que se acumulen nunhas cantidades e concentracións o suficientemente importantes como para facer moi rendíbel a extracción do cru.

Rochas almacén editar

 
Afloramento de calcarias formadas por antigos arrecifes de rudistas, mostrando a elevada porosidade destas facies.

As rochas nas que se acumula o petróleo, rochas almacén, son porosas e, por tanto, permeábeis.

A porosidade pode deberse á propia natureza da rocha, sendo as máis comúns as areíscas —que representan o 59 % das rochas almacén—, algunhas calcarias —o 40 %— ou á fractura doutras rochas —o 1 % restante—.[3]

Algunhas formacións sedimentarias con bioconstrucións fósiles como arrecifes coralinos ou de rudistas, con facies moi porosas, ofrecen bos depósitos petrolíferos.[3]

Os xesos, as margas e as lutitas son, en principio, impermeábeis, aínda que as lutitas poden seren rochas nai e conteren altas concentracións de hidrocarburos (lutitas betuminosas).

Trampas editar

Artigo principal: Trampa petrolífera.
 
Trampa estrutural: Pregamento anticlinal.
 
Trampa estrutural: falla xeolóxica.

As trampas, última etapa dos procesos de formación de xacementos petrolíferos, foron clasificadas polos xeólogos do petróleo en dous tipos: estruturais e estratigráficas. Unha acumulación de petróleo pode estar causada por un só tipo de trampa ou pola combinación de ambas s dúas.

Trampas estruturais editar

As trampas estruturais están formadas por estruturas xeolóxicas que deforman o terreo e condicionan a captura e retención dos hidrocarburos. As pregas son as estruturas máis comúns. Algunhas características relacionadas con fallas tamén poden ser consideradas como trampas estruturais se se presenta unha selaxe de capas permeábeis. As trampas estruturais son relativamente abundantes e fáciles de localizar estudando a xeoloxía en superficie e, por métodos xeofísicos, no subsolo, e recibiron moita máis atención na busca de petróleo que outros tipos de trampas. Un exemplo deste tipo de trampas son os diápiros salinos, que proceden da deformación e mobilización vertical de importantes acumulacións salinas, que ascenden en forma de domos ou cilindros, atravesando e deformando as capas superiores nas que, se hai porosidade, pode acumularse o petróleo.

Trampas estratigráficas editar

As trampas estratigráficase fórmanse cando capas impermeábeis ao petróleo selan unha capa porosa, ou cando a permeabilidade cambia dentro dunha mesma capa (cambio lateral de facies).

Notas editar

  1. Schlumberger Limited é a máis grande sociedade multinacional de servizos petroleiros. Foi fundada en Francia, en 1926, co nome de Société de Prospection Électrique por dous alsacianos, os irmáns Conrad e Marcel Schlumberger, grazas ás súas ideas innovadoras para detectar diferentes tipos de rochas por condutividade eléctrica.
  2. "The Making of Oil: Birth of a Reservoir". SEED.slb.com (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 20 de novembro de 2005. Consultado o 27 de maio de 2019. 
  3. 3,0 3,1 3,2 Agueda, J.; Anguita, F.; Araña, V.; López Ruiz, J. e Sánchez de la Torre, L. (1977). Geología. Madrid: Editorial Rueda, S.L. p. 448. ISBN 84-7207-009-3. 

Véxase tamén editar

Bibliografía editar

  • Gluyas, J. e Swarbrick, R. (2004): Petroleum Geoscience. Blackwell Publishing. ISBN 978-0-632-03767-4.
  • Meléndez, B. e Fuster, J. Mª (1981): Geología. 4ª ed. Madrid: Paraninfo S.A., pp. 325–368. ISBN 84-283-0956-6.

Outros artigos editar