Xénero e Cooperación Internacional

A perspectiva ou enfoque de xénero no desenvolvemento é o resultado dos cambios na percepción do papel e a forma de comprender os problemas das mulleres en relación ao desenvolvemento.

Características editar

Trátase dunha proposta que xorde da crítica académica e dos movementos da mulleres dos países menos desenvolvidos e se instala nas políticas de desenvolvemento a partir da década de 1980. Na década de 1990 todas as axencias de desenvolvemento incorporan este enfoque como parte dos seus obxectivos, especialmente tras a Conferencia de Beijing de 1995.

Pódese falar de tres grandes enfoques dende os que se ten afrontado a cuestión da muller:

  • enfoque do benestar: foi o que se empregou nas primeiras décadas da cooperación internacional. Caracterízase por non identificar a causa xeradora da situación que sofren as mulleres, falando de circunstancias que se atopan fóra de control. O seu obxectivo é reforzar activamente as funcións tradicionais das mulleres, satisfacendo as súas necesidades no seu labor reprodutivo (programas de axuda alimentaria, de planificación familiar ou nutricionais).
  • mulleres no desenvolvemento ou perspectiva MED: comeza a empregarse na década de 1970. Nel englóbanse, á súa vez, tres aproximacións diferentes: a Anti-pobreza, a Eficiencia e, por último, a Equidade.
  • apoderamento: xorde a mediados dos anos 70, pero comeza a ser empregada na década dos 80. Caracterízase por unha loita por un cambio estrutural. Ten por obxectivos principais o dar poder ás mulleres a través dunha maior autosuficiencia, a construción de novas estruturas económicas, políticas e sociais e, tamén, superar as estruturas de dominación existentes.

Esta perspectiva do apoderamento é o xerme do coñecido como enfoque de xénero no desenvolvemento (ou perspectiva GED) do que comeza a falarse dende 1995, a partir da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller.

O enfoque de xénero e desenvolvemento traballa dende unha concepción de sistema, entendendo que as relacións de xénero só se poderán modificar se transformamos o sistema coma un todo, non unicamente algún dos seus elementos. Este enfoque entende os roles de xénero como construcións culturais, polo tanto susceptibles de cambio. Critica ao modelo anterior sinalando que a mellora no nivel de ingresos das mulleres non asegura que xa non sigan marcadas por situacións de violencia, de poder ou de dominación.

Neste senso, consideran 3 elementos claves a transformar:

  • A división sexual do traballo.
  • O acceso e o control dos recursos e dos beneficios.
  • A participación no poder político e na toma de decisións.