O Winnipeg foi un barco francés de principios do século XX. En 1939 transportou dende Francia ata as costas de Chile preto de 2.500 inmigrantes españois, refuxiados tras a guerra civil española. A iniciativa foi tomada polo poeta chileno Pablo Neruda.

Historia editar

Durante a guerra civil miles de españois fuxiron a Francia, non obstante, a maioría dos refuxiados foron encerrados en campos de concentración, separados das súas familias e mantidos baixo pésimas condicións.[1]

Pablo Neruda foi cónsul de Barcelona e logo en Madrid ata 1936, cando tivo que fuxir das tropas franquistas, xa que por ese entón xa se declarara abertamente comunista e o seu traballo se volvera cada vez máis político. Un dos feitos que máis o marcou foi o asasinato do seu amigo Federico García Lorca en 1936. Unha vez de volta en Chile, non deixou de estar ao tanto da situación en España, e é así como, ao decatarse das tráxicas condicións dos refuxiados en Francia, xorde a idea de traelos a Chile. Auspiciado polo entón presidente chileno Pedro Aguirre Cerda, quen o nomea cónsul de París, parte a Europa a organizar esta travesía.[2]

Para a viaxe contratouse o antigo cargueiro francés Winnipeg, que habitualmente facía percorridos con non máis de 20 pasaxeiros. Instaláronse liteiras de madeira nas súas bodegas e finalmente alcanzou unha capacidade para transportar á 2.500 persoas seleccionadas. É o mesmo Neruda, quen xunto á súa esposa arxentina Delia del Carril, os que revisan unha a unha as miles de solicitudes de españois para viaxar a Chile. Coa axuda do ex Goberno Republicano español seleccionan os inmigrantes, non só artistas, intelectuais ou políticos, senón tamén obreiros, pescadores, comerciantes, homes e mulleres capacitados e de esforzo que podían achegar á sociedade chilena.[3]

No porto francés de Trompeloup-Pauillac, reúnense centos de familias que foran separadas pola traxedia. Un mes máis tarde, o 3 de setembro de 1939, o Winnipeg atraca no porto chileno de Valparaíso. Ao día seguinte finalmente desembarcan e son recibidos polas autoridades chilenas. A maioría dos españois permaneceron en Chile, onde comezaron unha nova vida, moitos outros familiares seguiríanos anos máis tarde ao novo fogar en América.

O poeta Pablo Neruda dedicoulle ao Winnipeg un dos seus poemas, titulado Misión de amor e del dixo:

Que a crítica borre toda a miña poesía, se lle parece. Pero este poema, que hoxe recordo, non poderá borralo ninguén

— Pablo Neruda, [1]

Galegos no Winnipeg editar

Grazas ao testemuño de Pancho de Pita, un dos fillos dos embarcados no Winnipeg, sábese que tiñan ao redor de 20 galegos entre os españois refuxiados. Entre eles o pai de Pita e dous dos seus irmáns, todos eles sindicalistas de Cariño, na provincia da Coruña, que alcanzaron a fuxir a tempo das tropas franquistas. Foi nun campo de concentración en Francia onde se decataron da travesía a Chile, e con diñeiro mandado dende Galicia puideron comprar as súas pasaxes que os levou a terras chilenas. Varios dos galegos comezaron a traballar na industria de fariña de peixe en Chile, pero a maioría seguiu camiño ata a Arxentina ou o Uruguai, onde tiñan parentes, emigrantes de anos anteriores.[4]

Galegos embarcados no Winnipeg editar

Notas editar

  1. 1,0 1,1 La historia del Winnipeg
  2. "Cronología biográfica Pablo Neruda". Arquivado dende o orixinal o 14 de outubro de 2013. Consultado o 12 de outubro de 2013. 
  3. "El poema que cruzó el Atlántico". Arquivado dende o orixinal o 12 de novembro de 2012. Consultado o 12 de outubro de 2013. 
  4. "Los gallegos que salvó Pablo Neruda" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 15 de outubro de 2013. Consultado o 12 de outubro de 2013. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar