Wikipedia:Sobre Galicia/setembro 2017

O Museo Catedralicio de Santiago de Compostela é unha institución que acolle e expón diversas obras artísticas e arqueolóxicas, propiedade da sé compostelá, que abarcan desde a época romana até a actualidade. Foi creado co obxectivo de conservar e expoñer ó público obxectos litúrxicos en desuso, doazóns de peregrinos nobres e os diferentes restos arqueolóxicos que se ían descubrindo nas diferentes intervencións na catedral e a súa contorna. Entre os seus fondos hai mostras arqueolóxicas, pintura, escultura, ourivería, tapices, alfombras, roupa litúrxica, cerámica e mobiliario.

Foi fundado en 1928. Unha inscrición a lapis nun dos bancos do museo recolle a data de creación, 11 de xullo de 1928; o impulsor, o fabriqueiro Robustiano Sández; e o construtor, José Lerramendi Rey. O museo localízase na mesma catedral, distribuído en diversos espazos, con diferente situación dentro da fábrica catedralicia. A cripta, tamén coñecida como catedral vella (aínda que nunca cumpriu tal función), foi unha obra comezada antes da intervención do mestre Mateu, aínda que foi este quen a rematou como paso previo á construción do Pórtico. O Tesouro catedralicio exponse na capela de san Fernando, de estilo gótico, que ata 1677 foi capela de Reliquias. Na catedral románica levantouse tamén un claustro, ó sur da nave principal, cuxo comezo se data en 1124 e que é rematado a mediados do XIII, baixo a iniciativa do arcebispo Xoán Arias.