Aérospatiale Gazelle
O Aérospatiale Gazelle (designacións da compañía SA 340, SA 341 e SA 342) é un helicóptero francés de cinco asentos comunmente usado para tarefas de transporte lixeiro, exploración e ataque. Está impulsado por un motor de turbina Turbomeca Astazou e foi o primeiro helicóptero en contar cunha cola fenestron no lugar dun rotor de cola convencional. Foi deseñado por Sud Aviation, posteriormente Aérospatiale, e fabricado en Francia e no Reino Unido a través dun acordo de produción conxunta con Westland Aircraft. Tamén se fabricou baixo licenza en Iugoslavia por SOKO e en Exipto por Arab British Helicopter Company (ABHCO).
Aérospatiale Gazelle | |
---|---|
![]() | |
Tipo | helicóptero lixeiro |
Fabricante | Sud Aviation, Aérospatiale/Westland Aircraft |
Primeiro voo | 7 de abril de 1967 |
Introducido | 1973 |
Produción | 1967-1996 |
Unidades construídas | 1 775 |
Dende que comezou a operar en 1973 o Gazelle foi mercado e operado por un bo número de clientes de exportación. Tamén participou e numerosos conflitos en todo o mundo, como na guerra do Líbano de 1982, na guerra civil ruandesa ou na guerra do Golfo. No servizo francés o Gazelle foi complementado como helicóptero de ataque polo Eurocopter Tiger, pero aínda segue en uso principalmente como aparello de exploración.
Desenvolvemento
editarO Gazelle orixinouse nun requirimento do Exército francés para un helicóptero de observación lixeiro que substituíse aoAérospatiale Alouette III; a principios do seu desenvolvemento tomouse a decisión de alongar o helicóptero para permitirlle maior versatilidade e facelo máis atractivo para o mercado de exportación.[1] En 1966 Sud Aviation comezou a traballar nun helicóptero lixeiro de observación para substituír o Alouette II cunha capacidade para cinco persoas.[2] O primeiro prototipo SA 340 realizou o seu voo de estrea a 7 de abril de 1967, e inicialmente voou cun rotor de cola convencional do Alouette II. A cola foi substituída a principio de 1968 por un dispositivo fenestron no segundo prototipo.[2][3] Construíronse catro prototipos SA 341, incluído un para a firma británica Westland Helicopters. O 6 de agosto de 1971 o primeiro Gazelle de produción realizou o seu voo de estrea.[3] O 13 de maio de 1967 un Gazelle demostrou as súas capacidades de volocidade cando bateu dous récords nun circuíto pechado, chegando aos 307 km/h en 3 quilómetros e aos 292 km/h e 100 quilómetros.[4]
Dende o principio o Gazelle atraeu o interese británico, o que culminaría coa sinatura dun importante acordo de desenvolvemento e produción entre Aérospatiale e Westland. O acordo, asinado en febreiro de 1967, permitía a fabricación no Reino Unido de 292 Gazelle e 48 Aérospatiale Puma pedidos polas forzas armadas británicas; a cambio Aérospatiale recibiu unha cota no traballo de fabricación dos 40 Westland Lynx navais para a Armada francesa. Ademais, Westland tería un 65% de participación no traballo de fabricación, e sería un socio de Aérospatiale en futuras melloras do Gazelle. Westland produciría un total de 262 Gazelle de varios modelos, principalmente para varias ramas das forzas armadas británicas, e tamén para o mercado civil.[5][6]
En servizo co Exército Francés de Aviación Lixeira (ALAT), o Gazelle é usado principalmente como helicóptero anti-carro (SA 342M) armado con mísiles Euromissile HOT. Unha versión de apoio lixeiro (SA 341F) equipada cun canón de 20 mm é tamén usada como variante de combate aéreo co mísil aire-aire Mistral (Gazelle Celtic baseado no SA 341F, Gazelle Mistral baseado no SA 342M). As últimas versións anti-carro e de recoñecemento levan o sistema de imaxe termal Viviane e son chamados Gazelle Viviane. O Gazelle está sendo substituído en tarefas de primeira liña polo Eurocopter Tiger, pero continuará sendo usado nos roles de transporte lixeiro e enlace.
Tamén serviu en todas as ramas das forzas armadas británicas en distintos roles. Os británicos usaron catro variantes do Gazelle. O SA 341D foi designado Gazelle HT.3 na Royal Air Force e serviu como helicóptero de adestramento. O SA 341E foi usado pola RAF oara tarefas de comunicación e transporte VIP como o Gazelle HCC.4. O SA 341C foi designado Gazelle HT.2 e usado para adestrar pilotos polo Royal Navy. O SA 341B foi usado polo Corpo Aéreo do Exército como o Gazelle AH.1.
O Gazelle demostrou ser un éxito comercial que levou a Aérospatiale a desenvolver rapidamente a serie SA 342 Gazelle, que estaba equipada con motores actualizados. A fabricación baixo licenza do modelo non só se realizou no Reino Unido, sendo producido tamén pola firma exipcia ABHCO e a iugoslava SOKO, que fabricou 132 Gazelle.[5] A medida que o helicóptero se volvía vello comezaron a mercarse novos aparellos para o rol anti-carro; así os Gazelle anteriormente configurados como helicópteros de ataque comezaron a utilizarse en tarefas secundarias de apoio, como posto de observación aérea para dirixir o fogo de artillaría, control aéreo avanzado para dirixir aeronaves de ataque ao chan, evacuación de baixas, enlace e comunicacións.[7]
Notas
editar- ↑ Air International decembro de 1977, pp. 277-278
- ↑ 2,0 2,1 Giorgio 1984, p. 98
- ↑ 3,0 3,1 McGowen 2005, p. 124
- ↑ "1967: SA340 Gazelle". Eurocopter. Archived from the original on 19 de febreiro de 2013. Consultado o 13 de novembro de 2018.
- ↑ 5,0 5,1 McGowen 2005, p. 125
- ↑ Field 1973, p. 585
- ↑ Crawford 2003, p. 35
Bibliografía
editar- Crawford, Stephen. Twenty First Century Military Helicopters: Today's Fighting Gunships. Zenith Imprint, 2003. ISBN 0-76031-504-3.
- Field, Hugh. "Anglo-French rotary collaboration goes civil." Flight International, 8 de febreiro de 1973. pp. 193–194.
- Giorgio, Apostolo (1984). "SA.341 Gazelle". The Illustrated Encyclopedia of Helicopters. New York: Bonanza Books. ISBN 978-0-517-43935-7.
- McGowen, Stanley S. Helicopters: An Illustrated History Of Their Impact. ABC-CLIO, 2005. ISBN 1-85109-468-7.