Walter Benjamin

filósofo, crítico literario, crítico social, tradutor, locutor de radio e ensaísta alemán

Walter Bendix Schönflies Benjamin, nado en Berlín o 15 de xullo de 1892 e finado (supostamente por suicidio cando fuxía da persecución nazi) en Portbou (provincia de Xirona) o 26 de setembro de 1940, foi un filósofo alemán, sociólogo, crítico literario e tradutor (Balzac, Baudelaire, Marcel Proust etc.). De ascendencia xudía, era cuñado de Hilde Benjamin e curmán de Gertrud Kolmar e Günther Anders.

Infotaula de personaWalter Benjamin

Editar o valor em Wikidata
Biografía
Nacemento15 de xullo de 1892 Editar o valor em Wikidata
Berlín Editar o valor em Wikidata
Morte26 de setembro de 1940 Editar o valor em Wikidata (48 anos)
Portbou, España Editar o valor em Wikidata
Causa da morteSuicidio Editar o valor em Wikidata
Lugar de sepulturacemiterio de Portbou Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeImperio Alemán
Reich alemán Editar o valor em Wikidata
EducaciónUniversidade de Múnic
Universidade Humboldt de Berlín
Universidade de Berna - Doutoramento
Universidade de Freiburg im Breisgau Editar o valor em Wikidata
Director de teseRichard Herbertz (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
Actividade
Campo de traballoFilosofía Editar o valor em Wikidata
Lugar de traballo Berlín
Frankfurt
Berna
París Editar o valor em Wikidata
Ocupaciónfilósofo , sociólogo , crítico de arte , historiador da literatura , crítico literario , tradutor , ensaísta , escritor , tradutor Editar o valor em Wikidata
MovementoMarxismo Editar o valor em Wikidata
Influencias
Pseudónimo literarioBenedix Schönflies
Detlev Holz Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua alemá Editar o valor em Wikidata
Obra
Obras destacables
Arquivos en
Familia
CónxuxeDora Sophie Kellner (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
FillosStefan Benjamin (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
PaiEmil Benjamin (en) Traducir Editar o valor em Wikidata
IrmánsGeorg Benjamin (en) Traducir e Dora Benjamin (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata
ParentesWilliam Stern (tío)
Gertrud Kolmar (curmá entregue)
Günther Anders (pt) Traducir (curmán entregue)
Leon Kellner (en) Traducir (sogro)
Hannah Arendt (curmán) Editar o valor em Wikidata
Cronoloxía
marzo de 1933-outubro de 1933Queima de livros (pt) Traducir Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm2034269 Dialnet: 21643 iTunes: 374505241 Discogs: 1228676 Find a Grave: 11222658 Editar o valor em Wikidata

Traxectoria editar

Walter Benedix Schönflies Benjamin naceu no distrito berlinés de Charlottenburg, no seo dunha familia acomodada de xudeus asimilados. O seu pai, Emil Benjamin (1856-1926), era un comerciante que fixera a súa fortuna nun establecemento de poxas de arte e antigüidades e que, despois de abandonar esta ocupación, se dedicará á especulación financeira. A súa nai, Pauline (1869-1930) (apelido de solteira Schönflies), proviña dunha familia de vendedores de gando e cereais. A infancia de Benjamin transcorreu en Berlín e inspirou posteriormente a súa obra Berliner Kindheit um Neunzehnhundert ("Unha infancia no Berlín de finais do século XIX"), onde recolle os recordos e impresións sobre a súa vida acomodada dos seus primeiros anos.

O seu incipiente odio ó conformismo recibiu un pulo considerable nos dous anos que pasou no internado Haubinda, en Turinxia. Esta institución estaba dirixida por Gustav Wyneken, o creador dunha pedagoxía reformista baseada na igualdade de mestres e alumnos, e ó redor da cal xiraba a actividade organizativa e creadora (coa publicación de artigos na revista Der Anfang ("O Comezo")).

Benjamin preparou o exame de acceso á universidade na escola Kaiser-Friedrich. Tras superalo con éxito en 1912, comezou os seus estudos de Filosofía, Filoloxía Xermánica e Historia da Arte na Universidade de Freiburg im Breisgau, que proseguiu logo en Berlín. Na Universidade continuou coa creación de círculos para o espallamento do ideario do movemento da mocidade, e foi aquí onde trabou coñecemento co poeta Christoph Friedrich Heinle. Benjamin distanciouse do movemento debido á súa crecente politización e ó suicidio de Heinle, o 8 de agosto de 1914, que o afecta profundamente e no que interpreta unha imposibilidade de cumprir en vida o ideario da mocidade. En 1915, Benjamin rompeu definitivamente co movemento tras un discurso apoloxético da guerra de Wyneken.

Neste mesmo ano, o filósofo coñeceu ó daquela estudante de Matemáticas Gershom Scholem, cinco anos máis novo ca el, que o introduciu nas cuestións xudaicas e co que mantivo unha amizade ata a súa morte.

En 1917, Benjamin casou con Dora Sophie Pollack (apelido de solteira Kellner), filla do experto vienés en filoloxía inglesa Max Kellner. No ano en que contraeron matrimonio, Benjamin cambiou de universidade e proseguiu os seus estudos en Berna para, entre outros motivos, eludir ser chamado a filas. En 1918 tiveron o seu único fillo, Stefan Rafael (11.4.1918 - 6.2.1972). Dous anos despois presentou a súa tese de doutoramento, Der Begriff der Kunstkritik in der deutschen Romantik ("O concepto da crítica de arte no romanticismo alemán"), baixo a tutela de Richard Herbertz, pola que obtén un "summa cum laude".

De volta en Berlín en 1920, Benjamin traballou como escritor e xornalista, pero a súa actividade non abondaba para levar unha vida desafogada. En 1921 publicouse a súa tradución dos poemas de Charles Baudelaire, prologada polo seu influente artigo Die Aufgabe des Übersetzers ("A tarefa do tradutor"). O ensaio Zur Kritik der Gewalt ("Crítica da violencia"), publicado tamén nese ano, obtivo unha favorable acollida. Tras fracasar no seu intento de editar unha revista chamada Angelus Novus (o título fora tomado dun cadro de Paul Klee), Benjamin trasládase a Frankfurt entre 1923 e 1924, para prepararse coa finalidade de obter o título de catedrático. Alí coñecerá a Theodor Adorno e a Siegfried Kracauer.

En 1924, Benjamin fixo unha viaxe a Capri, onde coñeceu á actriz e directora de teatro Asja Lacis, unha activa comunista letoa, que deixou unha pegada profunda no autor e o introduciu ó marxismo. Os dous xuntos escribiron Neapel ("Nápoles"), unha viaxe de inmersión na cidade italiana. Despois da estadía en Capri, Asja volve a Rusia para reunirse co seu home. A relación amorosa con Lacis estivo chea de altibaixos, pero a pesar de tódolos contratempos mantiveron o contacto ata a deportación de Lacis a Siberia en castigo por criticar o réxime de Stalin.

De volta en Berlín, en 1925, Benjamin presentou por fin o seu traballo Ursprung des deutschen Trauerspiels ("A orixe do drama alemán") que, por non adaptarse ás convencións académicas, retirou el mesmo para evitar que fose rexeitado pola propia Universidade. En 1926 trasladouse a París, onde traballou na tradución das obras de Marcel Proust, axudado esporadicamente por Franz Hessel. O crecente interese polo comunismo e a convalecencia de Asja Lacis dun colapso nervioso levouno a trasladarse a Moscova entre 1926 e 1927. A pesar de simpatizar co movemento comunista, Benjamin nunca participou nel activamente e adoptou un papel que el denomina de “observador de esquerdas” (Moskauer Tagebuch, Diario de Moscova[1], p. 106).

O reencontro con Scholem en París en 1927 acendeu o seu entusiasmo por marchar a Palestina para estudar o hebreo dos grandes textos da literatura xudía en clave metafísica. Porén, e a pesar da insistencia de Scholem, nunca chegou a realizar esta idea. No seu lugar, empezou a escribir a obra Passagen-Werk ("As galerías de París"), tarefa que o ocupará ata a súa morte.

A estadía en París foi curta, e en 1928 retornou a Berlín. A partir de agosto de 1929, Benjamin comezou a escribir e producir obras para a radio, nun labor pioneiro no seu tempo e que lle serviu para inspirar o posterior ensaio sobre a función da arte na era da reprodución mecánica. Neste mesmo ano coñeceu a Bertold Brecht por mediación de Asja Lacis, que desde 1928 traballaba como delegada de documentais da Unión Soviética en Berlín. Movidos por unha admiración mutua, os dous autores alemáns comezaron unha intensiva etapa de cooperación que debería culminar coa publicación dunha revista chamada Krise und Kritik ("Crise e Crítica") pero que nunca chegou a ver a luz por cuestións económicas e organizativas. Ó mesmo tempo, Asja e Benjamin intentaron vivir xuntos. Benjamin divorciouse de Dora en 1930, o que non evitou que Asja volvese a Moscova.

Os seguintes anos estiveron marcados polas dificultades económicas e o empeoramento da situación política en Alemaña. En 1932 escribiu un libro sobre a súa infancia e adolescencia, titulado primeiramente Berliner Chronik ("Crónica berlinense"), que despois cambiará polo de Berliner Kindheit um Neunzehnhundert ("Unha infancia no Berlín de finais do século XIX"). Publicáronse en vida só algúns fragmentos no xornal Frankfurter Zeitung.

Coa chegada ó poder dos nacionalsocialistas, e tras ceder ós insistentes rogos da súa vella amiga Gretel Adorno, Benjamin marchou a París en marzo de 1933. A vida na capital francesa caracterizábase pola penuria económica e o autor sobreviviu coa axuda dos seus amigos, pero sobre todo, grazas ó magro salario que recibe pola súa colaboración co Institut für Sozialforschung (Instituto para a Investigación Social) dirixido polo emigrado Max Horkheimer en Nova York. No exilio, Benjamin traballou sobre todo nas Passagen-Werk ("As Galerías de París"). Ademais escribiu o ensaio Das Kunstwerk im Zeitalter seiner technischen Reproduzierbarkeit ("A obra de arte na era da reprodución técnica") e estudos sobre Baudelaire.

Un breve interludio ás dificultades da vida en París representou a súa estadía na casa de Brecht en Dinamarca en 1938. Aquí conseguiu concentrarse no seu traballo (escritos sobre Baudelaire), pero este case idílico ambiente viuse truncado pola carta que lle escribiu Adorno rexeitando a súa proposta da obra sobre as galerías parisienses. Benjamin retornou a Berlín, pero en 1939 os nazis ordenaron a súa expatriación e o Instituto para a Investigación Social comunicoulle que debía retirarlle a axuda por razóns económicas. A desesperación de Benjamin era cada vez maior, non só tiña problemas de diñeiro, senón que a situación política tanto en Alemaña como o cariz autoritario que tomara a Unión Soviética abrumaban ó filósofo. Neste contexto Benjamin achegouse ó Colexio de Socioloxía fundado por Georges Bataille, Michel Leiris e Roger Caillois e á sociedade secreta Acéphale, creada por Bataille, aínda que vendo con reserva unha certa tendencia nas ensinanzas do Colexio a suxerir a loita contra o fascismo cos propios medios.

En setembro Benjamin pasou tres meses, con outros fuxidos alemáns, nun campo de concentración preto de Nevers. Ó saír da prisión en novembro, Benjamin escribiu o seu último texto, as teses Über den Begriff der Geschichte ("Sobre o concepto da historia") e emprendeu a fuxida ós Estados Unidos. De Lourdes seguiu ata Marsella e, desde aquí tentou, sen sorte, cruzar a fronteira española en setembro de 1940. Na noite do 26 ó 27 de setembro morreu por unha sobredose de morfina na vila fronteiriza de Portbou. As causas da súa morte seguen sen estar claras, a versión maiormente aceptada é que se suicidou para evitar a súa entrega inminente ós nazis. Outras versións suxiren que tomara morfina para aliviar unha aguda dor de cabeza. Antes da súa morte entregou unha carta de despedida a unha compañeira de fuxida, Henny Gurland, para Theodor W. Adorno.

 
Tumba de Walter Benjamin

A lápida de Walter Benjamin encóntrase no cemiterio de Portbou, aínda que non se sabe se está alí enterrado. En 1994 o artista israelí Dani Karavan erixiu unha escultura inmersa na paisaxe en recordo do filósofo alemán. A morte de Benjamin foi tamén recordada na ópera Shadowtime de Charles Bernstein (libreto) e Brian Ferneyhough (composición).

Obra filosófica editar

Os seus anos de estudante, xunto coa lectura de Kant e do neokantismo e da literatura do romanticismo alemán, cuxo resultado foi a súa tese Der Begriff der Kunstkritik in der deutschen Romantik, desembocaron principalmente no seu interese e dialéctica coa relixiosidade xudía, coa que tomou contacto pola súa amizade con Scholem.

Por medio da relación explícita da filosofía coa linguaxe tentou reformular a teoría do coñecemento imperante, fortemente influída polas ciencias naturais, para aproximala ás experiencias provenientes da teoloxía. Na década de 1920 a temática dos seus textos pasou a ocuparse cada vez máis de cuestións relacionadas coa estética, como dan fe tanto Goethes Wahlverwandtschaften coma Ursprung des deutschen Trauerspiels. Despois de que o último destes textos fora rexeitado coma requisito para obter unha cátedra da Universidade de Frankfurt, adicouse preferentemente á crítica literaria. Neste cambio de orientación maniféstase o carácter anti-idealista do seu pensamento, dirixido primordialmente contra a sistematización filosófica, e cuxas intencións se vinculan con aspectos concretos de traballos de Ernst Bloch, Franz Rosenzweig e Florens Christian Rang.

Dende principios da década de 1930, e inicialmente con titubeos, representou cada vez máis decididamente as posicións do materialismo dialéctico. Nesta fase última reflectiuse de xeito moi produtivo a súa amizade con Adorno e Bertolt Brecht.

Notas editar

  1. Traducido ao galego por Carlos Penela e publicada por Editorial Galaxia en 2022.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Bibliografía editar

  • Momme Brodersen: Walter Benjamin. Leben, Werk, Wirkung. Suhrkamp, Frankfurt am Main 2005, ISBN 3-518-18204-8.
  • Sven Kramer: Walter Benjamin zur Einführung. Junius, Hamburg 2003, ISBN 3-88506-373-5
  • Burkhardt Lindner (Hrsg.): Benjamin-Handbuch. Leben – Werk – Wirkung. Metzler, Stuttgart und Weimar 2006, ISBN 3-476-01985-3
  • Susan Buck-Morss: Dialektik des Sehens. Walter Benjamin und das Passagen-Werk. Suhrkamp, Frankfurt am Main 2000, ISBN 3-518-29071-1
  • Peter Bulthaup (Hrsg.): Materialien zu Benjamins Thesen „Über den Begriff der Geschichte“, Beiträge und Interpretationen. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1975, ISBN 3-518-07721-X
  • Jacques Derrida: Gesetzeskraft. Der mystische Grund der Autorität. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1996, ISBN 3-518-13331-4
  • Christiaan L. Hart Nibbrig (Hrsg.): Übersetzen. Walter Benjamin. Suhrkamp, Frankfurt am Main 2001, ISBN 3-518-12041-7 (Tagungsband zu einem Kongress zur Theorie der Übersetzung in Lausanne 1993)
  • Anselm Haverkamp (Hrsg.): Gewalt und Gerechtigkeit. Derrida–Benjamin. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1993, ISBN 3-518-11706-8
  • Ralf Konersmann: Erstarrte Unruhe. Walter Benjamins Begriff der Geschichte. Fischer, Frankfurt am Main 1991, ISBN 3-596-10962-0
  • Rudolf Maresch: GespensterVerkehr. Derrida liest Benjamins „Zur Kritik der Gewalt“. E-Text als PDF
  • Winfried Menninghaus: Walter Benjamins Theorie der Sprachmagie. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1995
  • Pierre Missac: Walter Benjamins Passage. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1991, ISBN 3-518-58089-2
  • Stephan Moebius: Die Zauberlehrlinge. Soziologiegeschichte des Collége de Sociologie 1937–1939. UVK, Konstanz 2006, ISBN 3-89669-532-0
  • Stéphane Mosès: Der Engel der Geschichte. Franz Rosenzweig, Walter Benjamin, Gershom Scholem. Jüdischer Verlag, Frankfurt am Main 1992, ISBN 3-633-54088-1.
  • Michael Opitz, Erdmut Wizisla (Hrsg.): Benjamins Begriffe. 2 Bände. Suhrkamp, Frankfurt am Main 2000, ISBN 3-518-12048-4
  • Rainer Rochlitz: Le désenchantement de l'art. La philosophie de Walter Benjamin. Gallimard, París 1992, ISBN 2-07-072777-7
  • Giulio Schiavoni: Walter Benjamin. Il figlio della felicità. Un percorso biografico e concettuale. Einaudi, Turin 2001, ISBN 88-06-15729-9
  • Wolfgang Schlüter: Walter Benjamin. Der Sammler & das geschlossene Kästchen. Jürgen Häusser, Darmstadt 1993, ISBN 3-927902-85-3
  • Detlev Schöttker: Konstruktiver Fragmentarismus. Form und Rezeption der Schriften Walter Benjamins. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1999, ISBN 3-518-29028-2
  • Hermann Schweppenhäuser: Ein Physiognom der Dinge. Aspekte des Benjaminschen Denkens. Zu Klampen, Lüneburg 1992, ISBN 3-924245-24-X
  • Hermann Schweppenhäuser: Zum Geschichtsbegriff Walter Benjamins. In: Geschichte denken. Lit, Münster 1999, ISBN 3-8258-4176-6, S. 95ff.
  • Marleen Stoessel: Das vergessene Menschliche. Zu Sprache und Erfahrung bei Walter Benjamin. Hanser, München und Wien 1983, ISBN 3-446-13766-1
  • Rolf Tiedemann: Studien zur Philosophie Walter Benjamins. Mit einer Vorrede von Theodor W. Adorno. Europäische Verlagsanstalt, Frankfurt am Main 1965 (2. Aufl.: Suhrkamp, Frankfurt am Main 1973, ISBN 3-518-00644-4)
  • Rolf Tiedemann: Dialektik im Stillstand. Versuche zum Spätwerk Walter Benjamins. Suhrkamp, Frankfurt am Main 1983, ISBN 3-518-28045-7
  • Rolf Tiedemann: Die Abrechnung. Walter Benjamin und sein Verleger. Hamburg 1989, ISBN 3-927623-91-1
  • Rolf Tiedemann u. a. (Hrsg.): Walter Benjamin 1892-1940. Ausstellung des Adorno-Archivs Frankfurt in Verbindung mit dem Deutschen Literaturarchiv Marbach. (= Marbacher Magazin; 55). Deutsches Literaturarchiv, Marbach am Necakar 1990 (3. erw. Auflage 1991)
  • Rolf Tiedemann: Mystik und Aufklärung. Studien zur Philosophie Walter Benjamins. edition text + kritik, München 2002, ISBN 3-88377-708-0
  • Sigrid Weigel: Entstellte Ähnlichkeit. Walter Benjamins theoretische Schreibweise. Fischer, Frankfurt am Main 1997, ISBN 3-596-12964-8

Ligazóns externas editar