Voto

método polo cal un grupo toma unha decisión ou expresa unha opinión

O voto é un método de toma de decisións no que un grupo, tal como unha xunta ou un electorado, trata de medir a súa opinión, usualmente como o paso final que segue as discusións ou debates.

Mulleres votando en Bangladesh.

Como métodos alternativos ao voto inclúense a adopción de decisións por consenso (que funciona evitando a polarización e marxinalización da disensión) e a aposta (como nunha democracia anticipativa).

En democracia, o voto implica comunmente a elección, por exemplo unha forma para que un electorado elixa entre os seus candidatos a un cargo. En política o voto é o método polo cal o electorado dunha democracia designa representantes nunha determinada institución, tal como o goberno do seu estado, rexión etc.

Un voto, ou unha votación, é o acto individual de votar, polo cal o individuo expresa apoio ou preferencia por certa moción (p.ex. unha resolución proposta), candidato, ou determinada selección de candidatos. Unha votación secreta, a maneira normal de protexer a privacidade política dos votantes, xeralmente ten lugar nun colexio electoral. O acto de votar é voluntario na maioría dos países. Porén nalgúns países, tales como Australia ou Bélxica, o voto é obrigatorio.

Non obstante, que un país teña unha elección na que o pobo poida votar non significa necesariamente que o país sexa democrático. Moitos gobernos autoritarios teñen "eleccións", mais os candidatos son preseleccionados e aprobados polas elites, non hai competencia, a capacidade dos votantes está restrinxida, e a votación é ás veces unha farsa.

Voto feminino editar

Durante longo tempo, as mulleres non tiveron voto, algo que foron conseguindo as chamadas "sufraxistas' ó longo do século XX, tras comezar o seu recoñecemento en 1893 en Nova Zelandia. En España, o 2 de outubro de 1931, defendida por Clara Campoamor, votouse a favor de que as mulleres puidesen votar. Dábase o paradoxo (vista dende hoxe) de que as mulleres podían ser votadas como representantes (había varias mulleres na cámara), pero non votar.

Voto electrónico editar

Algúns consideran que en canto os votos sexan rexistrados nun medio que sexa invisíbel aos humanos, os electores perderán calquera posibilidade de verificar como son recollidos e cotexados os seus votos para producir o resultado final. Así, precisan ter unha fe absoluta na exactitude, honestidade e seguridade de todo o aparato electoral. Isto refírese particularmente ao voto electrónico pois, contemplando os ordenadores como caixas negras, as súas operacións só se poden verificar mediante o coñecemento das entradas e saídas (é dicir, da entrada de datos e a comparación dos resultados agardados cos existentes), mais baixo o sistema de votación secreta, os votos entrantes non se coñecen, nin existe ningún resultado agardado co que comparar os resultados electorais.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar