Voda da Pita
Este artigo ou sección precisa dunha revisión do formato que siga o libro de estilo da Galipedia. Pode axudar a mellorar este artigo e outros en condicións semellantes. |
Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. |
A Voda da Pita é unha representación teatral popular que ten lugar cada Martes de Entroido na praza das Eiroás (Ourense). É o acto central da Festa da Pita, que é o nome co que se denomina ao entroido das Eiroás que, á súa vez, chámase así en lembranza do emparellamento de dúas persoas viúvas que tivo lugar no barrio das Eiroás na metade do século XX e que, conforme as e os informantes da zona, provocara sen pretendelo a celebración do entroido naquel barrio ourensano durante 2 décadas. A noiva era alcumada a Pita e velaquí o motivo do nome da festa e dalgúns elementos que rodean á mesma.
No ano 1999, aa asociación vecinal das Eiroás decide recuperar a celebración do entroido, introducindo na nova festa diversos contidos entre os que se atopa esta representación teatral.
Historia
editarA primeira vez que tivo lugar a voda foi o 7 de marzo do ano 2000, na segunda edición da Festa da Pita. Alén de introducir un novo elemento do programa da festa, a voda procuraba -nun ton satírico e desenfadado- lembrar a orixe daquela cinzarrada que tivera lugar nos mediados do pasado século, provocada polo emparellamento de dous viúvos, e que dera lugar á celebración do entroido naquel barrio ourensán. O nome dos viúvos era Antonio Guimarey e Gumersinda de Benavides, alcumada a Pita, e daí a denominación da voda e da propia festa.
Até o 10º aniversario da festa, no ano 2008, a Voda era moito máis curta e tiña lugar ás 5 da tarde, abrindo o baile de máscaras vespertino e centrándose na orixe da cinzarrada con actores e actrices improvisadas/os. É apartir dese ano que muda a estrutura festiva do Martes, trasladando a Voda da Pita para a 1 do mediodía, introducindo un elemento gastronómico no programa da festa e prolongando, portanto, o programa festivo do día grande. Isto tamén trouxo canda si unha reforma no guión da Voda que fixo que esta medrara en tempo e en contidos, inserindo novos elementos satíricos sobre o acontecido no panorama social e político ao longo do último ano. No ano 2021, como consecuencia da pandemia provocada pola COVID-19, a Voda da Pita tivo lugar de xeito virtual, dentro da experiencia novidosa e improvisada da celebración dun entroido on-line, permanecendo aloxada na canle oficial da festa no youtube.
Estrutura da Voda
editarNa representación da Voda conviven 2 historias. Dunha parte, o emparellamento do Antonio Guimarey e da Gumersinda de Benavides, dous viúvos que, sen querelo, deran orixe á festa; e doutra, a análise con retranca do ocurrido ao longo do último ano. Ademais, a estrutura do guión sempre contempla as mesmas partes, sendo común unha boa parte do texto en todas as edicións.
1º O narrador ou a narradora é quen sae primeiro á escena para adiantarnos o que alí vai pasar e situarnos naqueles anos nos que o Elvis facía bailar as parellas a ritmo de rock, Blanco Amor escribía A Esmorga e o Fraga bañábase en Palomares.
2º Un crego (habitualmente máis conservador) e unha monxa (tamén habitualmente, máis moderna), van dando entrada á cerimonia, aos noivos protagonistas, Antonio e Gumersinda, e as personaxes "convidadas" dese ano. A parella fala do seu amor, de como se coñeceron e de que queren iniciar unha nova vida en mutua compañía.
CREGO: Antonio e Gumersinda. Benvidos á casa do Señor.
Dígovos moi en verdade, que casar a dous viuvos
é cousa de gran novidade.
Cando decidiron unirse, moita ledicia nos deron.
E por iso queremos saber como foi que se coñeceron?
3º Lévase a cabo a voda, coas interrupcións necesarias se así o require a actualidade. Ao rematar, os noivos dan as grazas a todo o público pola súa asistencia e irrompe na escena unha veciña/o que, con coplas e aleccionando ao público asistente, reclama o pagamento da festa para celebrar esta unión.
NOIVO: Casados quedamos
para as ledicias e para as desgrazas
NOIVA: E a todos os veciños
pola vosa compañía dámosvos grazas
VECIÑA/O: Che, che, che!!!... Para o carro
que con grazas non se paga.
Remexede na faltriqueira.
Veñan cartos e veña viño,
veña festa e veña leria.
4º Entra a Garda-civil en escena, tal e como contan que pasou en máis dunha ocasión na antiga festa. Nesta ocasión faino atendendo á chamada do crego e para deter a trifulca que se montou na praza. Despois dunha discusión entre a veciña e o garda, que non entende a retranca, o balbordo da cinzarrada vai a máis e a autoridade competente acaba poñéndose nervioso e disparando ao ceo mentres berra "Al suelo todo el mundo".
GARDA: Que se pare la “trifulca”! Que se aparte la xente!
Que aquí llega montada la “autoridá” competente.
VECIÑA: Montada... ben se ve, e “autoridá” pode ser,
pero iso de competente... aínda está por ver.
5º Irrompen as Pitas na escena, facendo soar as súas chocas, rodeando ao garda-civil e lanzando os seus ovos cheos de entroido, de penso e de alegría. Así é como as Pitas (que representan unha actualidade que devolve a autoridade ao pobo) neutralizan ao garda (que representa, coas súas formas, a outros tempos) reconciliando pasado e presente para construir un futuro común. No fin da obra, a persoa máis nova do elenco será a encargada de recoller a cesta coa pita que a noiva portara durante toda a celebración e recitar as coplas que levan pechando a Voda da Pita desde o primeiro ano:
NENA/O: Trinta anos agardou o pobo
a que alguén collera a cesta
Non permitades, veciños
que volte morrer a festa.
Galeria de imaxes
editar-
Voda da Pita 2020
-
Voda da Pita 2010
-
Voda da Pita 2014
Outros artigos
editar- Festa da Pita en Galipedia
Referencias
editar- Ares Pérez, Carlos X. Festividades de inverno na provincia de Ourense (2019). Dr. Alveiros Fund. Vicente Risco. pp. 172-177. ISBN 9788412103908
- Fidalgo Santamarina, X. A.; Pardo, L.; Rodríguez Cruz, X. e Malingre Rodríguez, A. Mª. "O Entroido da comarca de Ourense" en As caras do Entroido ourensán (2009). Ourense. Deputación Provincial de Ourense. pp. 33-60. ISBN 9788496503960
- "As mellores imaxes da Festa da Pita 2015". La Región. 17 de febreiro de 2015
- "EiroasFest escoge a la novia de la Voda da Pita 2022". Xornal O Sil. 16 de febreiro de 2022
- "A Voda da Pita cumpre o seu 21 aniversario en Ourense". Faro de Vigo. 6 de marzo de 2019
- "A Voda da Pita en imaxes". La Voz de Galicia. 1 de marzo de 2022
- "Voda da Pita en As Eiroás". La Voz de Galicia. 25 de febreiro de 2020
- "Entroido Voda da Pita". TeleMiño. 25 de febreiro de 2020
- "Asistimos á Voda da Pita no barrio das Eiroás". TVG. 13 de febreiro de 2018
Ligazóns externas
editar- Páxina oficial da Festa da Pita
- Canle no youtube da Festa da Pita