O Vivekachudamani é un libro escrito en sánscrito no século VIII polo mestre Samkara, expoñente da escola filosófica do hinduísmo denominada Advaita que defende a posición metafísica da non dualidade.

Segundo o Vivekachudamani, o Atman individual é idéntico ao Brahma ou realidade última e absoluta. O fenoménico, coas impresións e diferenciacións, non é máis ca unha ilusión. O Brahma non ten principo nin fin, está alén da mente e da linguaxe, é inconmensurable e pleno. Mediante a renuncia aos praceres sensoriais, a través dun esforzo ascético de desapego dos bens materiais e de perfeccionamento da atención, acádase o acougo da mente. Esta disólvese no océano autoexistente que é Brahma, o único que existe.

Toda a existencia por ser efecto da realidade Brahma, non pode ser distinta a este, xa que non pode existir independentemente del. Quen sostén o contrario é presa da ilusión e é como se estivese durmido