Un vectorscopio é un instrumento de medida utilizado en televisión para ver e medir o compoñente de cor do sinal de vídeo. É realmente un osciloscopio especializado na representación da parte de crominancia do sinal de vídeo.

Vectorscopio.

A crominancia, ou sinal de cor, é a parte do sinal de vídeo no que se codifica a información de cor. Esta información ten dous parámetros, un é a cantidade de cor, ou saturación, e o outro é o tipo de cor, ou tinguidura (hue en inglés). Tanto no sistema PAL ou NTSC estes dous parámetros codifícanse sobre un mesmo sinal mediante unha modulación en cuadratura. Este sinal recibe o nome de portadora de cor e modúlase en amplitude coa información da saturación e en fase coa información da tinguidura. O resultado é un vector que ten por módulo a saturación e por argumento a tinguidura (é dicir o tipo de cor, vermello, amarelo...) Para a súa representación utilízase o vectorscopio, que vén sendo un osciloscopio traballando en representación X - Y (é dicir, sen base de tempos) ao que se lle aplica na súa canle vertical e na horizontal os sinais de diferenza de cor. O resultado é unha serie de vectores que teñen como orixe o centro da pantalla e onde o seu módulo coincide coa saturación e o argumento coa tinguidura do sinal aplicado.

A carátula deste instrumento vén marcada normalmente cunhas liñas para a localización dos vectores correspondentes ao sinal de barras de cor. Estas liñas son de dous tamaños diferentes correspondendo, o máis pequeno, a unha tolerancia do 5% e o maior a unha do 10%. Tamén está representado o sincronismo de cor para os dous estándares de barras máis comúns, do 75% e do 100%.

Barras de cor EBU vistas nun MFO e un vectorscopio.

O vectorscopio adoita posuír canais de entrada e unha serie de funcións para a sincronización da croma, ben consigo mesma ou cun sinal de referencia.

É normal que o instrumento inclúa unha serie de funcións e características que serven para realizar unha serie de medidas estándares sobre o sinal de vídeo como a ganancia diferencial e a fase diferencial.

É corrente encontrar este instrumento en combinación co monitor forma de onda.

Un exemplo de software de vectorscopio é o VectorManía, un vectorscopio dixital para Windows. [1]