Uz lusitana

especie de planta

A uz lusitana (Erica lusitanica) é un tipo de uz ( familia das ericáceas) orixinaria de Europa central e occidental. Aparece nos montes galegos máis temperados de aciñeiras e sobreiras.

Descrición editar

É un arbusto de até 3 m, moi ramificado, coas pólas con moita vilosidade cos pelos lisos e abrancazados. As follas son simples, (2-) 3-4 verticiladas, curtamente pecioladas, lineares, sen pelos, co bordo moi revirado pola parte inferior. As medidas son 2,1 – 7,5 x 0,4 – 0,5 mm, e van reunidas en verticilos de 3 folliñas. As flores son hermafroditas, actinomorfas, tetrámeras, en acios terminais. Cáliz con sépalos soldados na base, ovados, aquillados na metade superior. Corola de (3,5) 4-5 (5,5) mm, con pétalos soldados, tubulosa, branco rosada. Androceo con 8 estames con anteras incluídas e con apéndices basais. Ovario súpero, con estilo longo lixeiramente exerto. Froito en cápsulas de arredor de 2 mm, con numerosas sementes miudiñas.[1] Florea de decembro a marzo. O froito é unha cápsula de até 2,3 mm, máis ou menos globosa, glabra, coas sementes elipsoidais no interior.

Distribución editar

Distribúese pola Europa atlántica. Orixinaria do occidente da Península Ibérica, especialmente de Portugal, foise naturalizando cara Galiza, chegando ás Illas Británicas. Espallouse tamén por Nova Zelandia, Australia, California e Hawai onde se converteu nunha especie invasora.

Hábitat e ecoloxía editar

Medra en matogueiras frescas, aciñeirais e sobreirais frescos, formacións de ribeira e cavorcos húmidos. Prefire solos acedos, dende o nivel do mar aos 800 m de altitude. Medra a plena luz aínda que atura a sombra, en zonas con calor moderada do piso montano principalmente. É indicadora de sequidade moderada xa que non require de humidade edáfica, porén si de acidez (pH 3,5 – 5,5). É a primeira etapa de substitución de varios tipos de forestas e fragas. Aparece principalmente en xesteiras de solos silíceos, e fondos, formacións de xesta brava con outras especies de Cytisus e Genistas: codesos (Adenocarpus complicatus subsp. lainzii), Cytisus cantabricus, xesta branca (Cytisus multiflorus), xesta brava (Cytisus scoparius subsp. scoparius), a uz branca (Erica arborea), Orobanche rapum-genistae e o fento común (Pteridium aquilinum. Tamén aparece en carballeiras e faiais nos que se mesturan abruñeiros (Prunus spinosa), silvas, roseiras bravas (Rosa canina), Rosa nitidula, Rosa obtusifolia, Rosa pouzinii, Rosa micrantha e Rosa villosa.

Etimoloxía editar

Crese que o nome xenérico Erica deriva do grego ἐρείκειν ereikein: quebrar, en alusión ás súas ramas fráxiles. O nome común: uz, urce, dá nome en galego a distintas especies do xénero Erica. Procede do latín ūlǐce (nome da planta nesa lingua). A designación vulgar da especie: “lusitana” (o mesmo que a designación específica culta lusitanica), fai referencia á súa abundancia en Portugal.

Notas editar

  1. Santa-Bárbara Carrascosa, C.; Valdés Castrillón B. (2008). Guía de la Flora y Vegetación del Andévalo. Sevilla:Consejería de Medio Ambiente de la Junta de Andalucía. ISBN 978-84-96776-85-2. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar