Ua Mau ke Ea o ka ʻĀina i ka Pono

Ua Mau ke Ea o ka ʻĀina i ka Pono é unha expresión hawaiana pronunciada por primeira vez polo rei de Hawai Kamehameha III e adoptada en 1959 como lema do estado.[1]

Selo do Estado de Hawai, no que se amosa o lema.

A tradución máis comunmente adoptada é "a vida da terra perpetúase na rectitude",[2][3] mais unha tradución alternativa, que se amosa en Thomas Square ao pé dunha estatua de Kamehameha III, é "A soberanía do reino continúa porque somos rectos".[4][5]

Historia editar

 
O lema xa estaba presente no escudo do Reino de Hawai adoptado en 1845 durante o reinado de Kamehameha III.

Esta secuencia foi pronunciada por primeira vez por Kamehameha III, o rei de Hawai, o 31 de xullo de 1843, en Thomas Square, Honolulu, cando os británicos devolveron a soberanía do Reino de Hawai grazas ás accións restauradoras do almirante Richard Darton Thomas, logo da breve toma do poder polo oficial da Royal Navy George Paulet.[6]

En época moderna, a expresión foi moi utilizada tanto oficialmente polo Estado de Hawai —que a adoptou en 1959 como lema—,[1] como con ánimo reivindicativo polos activistas a favor da soberanía hawaiana.[7]

Significado editar

 
O lema nun ¼ dólar da serie dos 50 estados dedicado a Hawai (2008).[8]

Algunhas das palabras que a constitúen teñen acepcións ou interpretacións diversas. En concreto, Ea non só significa "vida" ou "alento", senón tamén "soberanía".[3][6][9] Os activistas hawaianos sosteñen que Ea se refire especificamente á soberanía debido ás circunstancias en que se produciu o discurso de Kamehameha III,[2][3] polo que unha tradución plausible sería "A soberanía da terra perpetúase na rectitude".[10]

Pono, traducido comunmente como "rectitude", tamén pode ter connotacións de bondade, xustiza, orde ou completude.[11]

ʻĀina, traducido adoito no lema como "terra",[12] tamén ten un significado máis salientable no idioma hawaiano.[13] Unha tradución máis acaída de ʻĀina sería "o que alimenta" e pode describir unha relación entre os nativos hawaianos e as illas.[3][13]

Notas editar

  1. 1,0 1,1 "§5-9 State motto". Hawai'i State Legislature.
  2. 2,0 2,1 Kauanui, J. Kehaulani (2018). Paradoxes of Hawaiian Sovereignty: Land, Sex, and the Colonial Politics of State Nationalism. Duke University Press. Páxina 28. ISBN 978-0-8223-7196-0
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 Kalama, C.; Kopper, D. K. (2011). "Native sovereignty encompasses 'aina, people, ways". En Honolulu Star-Advertiser. 3 de xullo.
  4. "Thomas Square". En Fokopoint. 2 de xaneiro de 2019.
  5. "Thomas Square". National Register of Historical Places.
  6. 6,0 6,1 Hokowhitu, B. et al. (2020). Routledge Handbook of Critical Indigenous Studies. Capítulo 21. Routledge. ISBN 978-0-429-80237-9
  7. "Aswai'i Independent & Sovereign". Hawaii-nation.org
  8. "¼ Dollar "Washington Quarter" Hawaii". Numista.com
  9. "ea". Hawaiian Dictionaries. Ulukau.
  10. DeYoung, C. P. (2019). Becoming Like Creoles: Living and Leading at the Intersections of Injustice, Culture, and Religion. Fortress Press. Páxina 62. ISBN 978-1-5064-5557-0
  11. "pono". Hawaiian Dictionaries. Ulukau.
  12. "ʻĀina". Hawaiian Dictionaries. Ulukau.
  13. 13,0 13,1 Boggs, S. (1977). "Meaning of 'Aina in Hawaiian Tradition". University of Hawai'i at Manoa.

Véxase tamén editar

Outros artigos editar