Coordenadas: 39°1′3.52″N 125°45′48.05″L / 39.0176444, -125.7633472

A Torre do Ideario Juche ou Torre Juche (en chosŏn'gŭl 주체사상탑, hanja 主體思想塔, romanización revisada Juche Sasangt'ap, McCune-Reischauer Chuch'e Sasangt'ap) é un monumento situado en Pyongyang, Corea do Norte. Está situada na beira leste do río Taedong, fronte á Praza Kim Il Sung, foi erixida para conmemorar o 70º aniversario de Kim Il Sung e a súa construción finalizou en 1982. Dise que foi deseñada polo fillo de Kim Il Sung, Kim Jong-Il,[1] aínda que entrevistas a exfuncionarios norcoreanos contradín esta afirmación.[2]

A estrutura ten unha altitude de 170 metros con forma de obelisco de catro lados que se van estreitando segundo se ascende. A torre está composta por 25.550 bloques (o máis alto dos cales está feito de granito). O número de bloques representa o número de días de vida de Kim Il Sung, é dicir, 70 anos multiplicado por 365 días (sen contar anos bisestos). A torre está coroada por un facho iluminado de 20 metros de altura e 45 toneladas de peso. É posible subir ata o alto da torre.

Asociada á torre hai unha escultura de 30 metros de altura na que están representadas tres figuras; unha cun martelo, outra cun fouciño e a terceira cunha pluma de escribir; que simbolizan: o "obreiro", o "campesiño" e o "intelectual". Hai seis grupos escultóricos máis pequenos, cada un de 10 metros de altura, que simbolizan outros aspectos da ideoloxía de Kim Il Sung. Tamén preto da torre hai un muro con 82 placas conmemorativas, supóstamente enviadas por estranxeiros adeptos ao réxime. Arredor da torre hai, á súa vez, fontes e xardíns.

O nome da torre provén da ideoloxía Juche, desenvolvida por Kim Il Sung mediante unha combinación de autarquía, autodependencia, tradicionalismo coreano e socialismo.

A pesar de que Pyongyang, a capital de Corea do Norte, sofre acotío apagóns de luz, a torre permanece sempre acesa como símbolo da fortaleza do réxime.

Galería de imaxes editar

Notas editar