Este artigo trata sobre o doce feito con pan, leite e ovo, para a rebanda de pan torrada véxase: torrada.

A torrada[1] é unha sobremesa doce que consiste nunha rebanda de pan (adoita estar reseso) enchoupada en leite e ovo batido, frixida nunha tixola en aceite e cuberta de azucre. Existen variantes enchoupadas en viño e adozadas con mel. Aromatízanse tamén con canela ou algún licor.

Torrada.

Na bibliografía galega noméase dende os textos do Rexurdimento; fálase en numerosas obras que describen a vida cotiá: torradas de viño, ovos pras torradas, torradas de mel e manteiga..., polo que se demostra que era un doce común nas casas galegas calquera día do ano[2]. Noutras zonas de España comíanse na Coresma e na Semana Santa, xa que, sendo un alimento de orixe humilde, logo enche ao comensal especialmente na época na que os católicos deixan de comer carne.

Variantes noutras linguas editar

En España e nos países hispanos coñécense coma torrijas ou torrejas.

En Europa Central coñécense como Arme Ritter (en alemán: cabaleiros pobres) en Alemaña, Pofesen en Austria, Fotzelschnitten en Suíza e bundás kenyér en Hungría.

En Francia chámase "pain perdu" (pan perdido), se ben este non se frixe en aceite abundante senón que se fai á prancha.

No Reino Unido e países de fala inglesa chámanlle "french toast".

Nos Países Baixos reciben o nome de Wentelteefje.

En Portugal prepáranse as "rabanadas", de xeito moi semellante ás galegas e castelás[3].

Notas editar

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para torrada.
  2. Tesouro Informatizado da Lingua Galega
  3. "Rabanada, um antigo clássico natalino presente em todo o mundo". Arquivado dende o orixinal o 16 de xullo de 2018. Consultado o 01 de agosto de 2018. 

Véxase tamén editar

Outros artigos editar