Tornado Alley (en galego diríamos: calella dos tornados) é unha expresión popular usada en EUA para designar un amplo territorio do país onde os grandes tornados son máis frecuentes. Esta zona estaría comprendida entre as Montañas Rochosas e os Montes Apalaches.

Corazón da Tornado Alley

Definición editar

O Servizo Meteorolóxico Nacional, dependente da NOAA, non ten ningunha definición do Tornado Alley, polo que non existe oficialidade ao respecto. Segundo o Laboratorio Nacional para as Tormentas Severas, a orixe e difusión do termo procedería dos medios de comunicación, os cales o utilizan sen ningún criterio científico para designar un grande territorio con límites pouco definidos onde son frecuentes fenómenos meteorolóxicos deste tipo.[1]

Delimitación xeográfica e temporal editar

 
Localización do Tornado Alley (en rosa), coas diferentes masas de aire que interveñen na aparición de tornados: Azul, aire frío e seco; Laranxa, aire cálido e seco; Verde, aire cálido e húmido.

Aínda que non existe ningún estado totalmente a salvo de tornados, os rexistros meteorolóxicos conclúen que son moito máis habituais nas Grandes Chairas comprendidas entre as Rochosas e os Apalaches, e de maneira excepcional Florida. Texas é, estatisticamente, o estado con maior número de tornados e mortes causados por estes de toda a federación.[2]

Os estados con maior número de tornados de carácter forte (= a F3 na escala Fujita) son, de sur a norte, Texas, Oklahoma, Kansas, Nebraska, Iowa, Colorado, Wyoming e Dakota do Sur, estados que comprende a Tornado Alley.[3] Os estados máis orientais teñen tamén fortes tornados, pero a frecuencia é menor.[4]

Os tornados tamén existen con bastante frecuencia e intensidade noutros lugares, como o sur das provincias canadenses de Ontario, Manitoba, Saskatchewan e Alberta. Outra zona considerada propicia para tornados en América do Norte, alén do extremo sur de Florida nos Estados Unidos de América, é a fronteira de Texas con México ao norte dos estados Mexicanos de Nuevo León, Coahuila e Tamaulipas.

A aparición de tornados está directamente relacionado co choque de masas de aire de distintas características. Estatisticamente, os tornados son máis frecuentes no Tornado Alley entre os meses de abril e setembro, o que se lle chama a temporada dos tornados.[3] Nestes meses, a influencia das masas cálidas orixinadas no golfo de México é moito maior e profunda cara ao norte. Durante o inverno os estados máis meridionais fican baixo o influxo destas masas de aire, rexistrando as taxas máis altas de tornados de todo o ano.[3]

Efectos na poboación editar

Segundo o Centro Nacional de Predición de Tormentas, entre 1950 e 1997 producíronse 13.808 tornados no Tornado Alley. Estes causaron 1132 mortos e miles de millóns de dólares en danos materiais.[2][5] O tratamento nos medios é notable na zona do Tornado Alley, cun seguimento detallado por parte das televisións locais sobre a previsión e evolución das tormentas que poden xerar tornados. Ademais, existe unha avanzada rede de alertas de tornados controlada polo Servizo Meteorolóxico Nacional, con sirenas nos municipios para alertar a poboación e refuxios especialmente deseñados para estas catástrofes.

No corazón da Tornado Alley as normas de construción son máis esixentes que noutros locais dos Estados Unidos, esixindo teitos reforzados e unións máis fortes entre a construción e os alicerces.

 
Actividade dos tornados nos Estados Unidos. As zonas máis escuras concordan coa Tornado Alley.

Notas editar

  1. National Severe Storms Laboratory (ed.). "FREQUENTLY ASKED QUESTIONS. About Tornadoes..." (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 16 de setembro de 2008. Consultado o 17 de febreiro de 2011. 
  2. 2,0 2,1 USA Today, ed. (20 de maio de 2005). "Southeast tornadoes are nation's deadliest" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2011. Consultado o 17 de febreiro de 2011. 
  3. 3,0 3,1 3,2 National Climatic Data Center (ed.). "U.S. Tornado Climatology" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 30 de abril de 2007. Consultado o 17 de febreiro de 2011. 
  4. NOAA (ed.). "F5 and EF5 Tornadoes of the United States (1950 - present)" (en inglés). Consultado o 17 de febreiro de 2011. 
  5. O NCDC non ofrece exactamente datos sobre o Tornado Alley, a cifra é un sumatorio dos tornados e vítimas nos estados de Texas, Oklahoma, Kansas, Nebraska e Missouri.

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar