Tokaji, que significa "procedente de Tokaj" en húngaro, é a denominación recibida polos viños producidos na rexión de Tokaj-Hegyalja en Hungría e tamén nunha pequena extensión de Eslovaquia. Foi adquirindo distintos nomes en Europa, dos cales o máis común é Tokay, utilizado en Francia e en Inglaterra.

Viña de Tokaj-Hegyalja.

Caracterización editar

Situada 200 quilómetros a leste de Budapest, esta rexión vinícola esténdese por unha zona de produción de cerca de 6.000 hectáreas[1].

Esta rexión é o reflexo dunha tradición vinícola única, existente dende hai ao menos mil anos e que se mantivo intacta até os nosos días. A súa paisaxe cultural histórica forma parte do Patrimonio Mundial da Unesco dende xuño de 2002[2]

 
O río Tisza e o afluente Bodrog, esenciais no micro clima da rexión.

Esta rexión encóntrase situada a unha altitude entre 100 a 400 metros sobre o nivel do mar. O seu clima tipicamente continental é caracterizado por invernos extremamente fríos e veráns moi quentes. A meirande parte das súas viñas sitúanse nas abas dos montes Zemplen, xunto aos ríos Bodrog e Tisza. O tipo de solo é predominantemente de orixe volcánica cunha elevada porcentaxe de arxila. A reunión de todos estes factores crea condicións propicias ao desenvolvemento de Botrytis cinerea, favorecido pola xa referida proximidade dos ríos e consecuente humidade.

As principais castas utilizadas nesta rexión, especialmente para a elaboración do Tokaji, son fundamentalmente as Furmint (casta cun elevado potencial aromático), Hárslevelü (que proporciona a formación dun elegante bouquet nos viños obtidos) e Muscat[3].

As cavas do viño Tokaji fanse nas rochas das montañas volcánicas da rexión, formando labirintos que chegan a superar os 30 quilómetros. Estas cavas manteñen de forma natural niveis constantes de temperatura e humidade, creando condicións ideais para almacenar e envellecer os viños da rexión[4].

Tipos de viños de Tokaj editar

 
Botella de Tokaji.

Os Tokaj poden ser[5]:

  • Viños secos: Apelidados en tempos ordinarium (viño común), hoxe en día indican o nome das respectivas castas: Tokaji Furmint, Tokaji Hárslevelû e Tokaji Sárgamuskotály.
  • Viños de vendimas serodias: Nesta categoría encóntranse viños provenientes de uvas parcialmente botritizadas, con maior ou menor cantidade de azucre residual.
  • Tokaji Szamorodni: Esta palabra de orixe polaca significa: "como naceu" ou "como iso crece". O Szamorodni é elaborado a partir de uvas parcialmente botritizadas sen selección dos bagos botritizados (aszú). Usado como aperitivo pode ser seco ou doce dependendo da proporción de uvas botritizadas.
  • Tokaji Aszú: Son os viños máis coñecidos da rexión. Proveñen da adición ao viño de base de uvas con elevado grao de podremia (tamén designada por podremia nobre), como resultado da presenza do fungo Botrytis cinerea, dando orixe á formación dunha masa pastosa. A cantidade desta "masa" adicionada ao viño de base é cuantificada en recipientes propios designados por puttonyos (a cada X "puttonyos" corresponden 25 kg de masa pastosa). Nos rótulos destes viños encontramos obrigatoriamente o número de "puttonyos" adicionados a cada barril de 136 litros (varía de 3 a 6).
  • Tokaji Eszencia: Unha rareza absoluta, o zume déitase gota a gota dos bagos de aszú. A Eszencia é un néctar cunha concentración de azucre comparabel á do mel.

Véxase tamén editar

Notas editar

  1. "Rexión vinícola de Tokaji". Arquivado dende o orixinal o 05 de agosto de 2011. Consultado o 07 de setembro de 2018. 
  2. UNESCO
  3. "JORDÃO, António M., Caracterización do sector vitivinícola húngaro". Arquivado dende o orixinal o 06 de maio de 2008. Consultado o 16 de outubro de 2008. 
  4. "Caves de Tokaji". Arquivado dende o orixinal o 18 de setembro de 2008. Consultado o 16 de outubro de 2008. 
  5. "Tipos de viño de Tokaji". Arquivado dende o orixinal o 28 de setembro de 2007. Consultado o 16 de outubro de 2008. 

Ligazóns externas editar