The Legend of Zelda: The Wind Waker

videoxogo de acción-aventura

The Legend of Zelda: The Wind Waker (ゼルダの伝説 風のタクト - Zeruda no Densetsu Kaze no Takuto, literalmente "A Lenda de Zelda: a batuta do vento"), é un xogo de acción-aventura, décima entrega da serie The Legend of Zelda. Foi editado para a Nintendo GameCube no Xapón o 13 de decembro de 2002, en Norteamérica o 24 de marzo de 2003, en Europa o 3 de maio de 2003 e en Australia o 7 de maio de 2003. The Legend of Zelda: Phantom Hourglass para a Nintendo DS é a secuela directa de The Wind Waker.

Por primeira vez na serie, o xogo está ambientado nun conxunto de illas dentro dun inmenso mar que cobre o Reino de Hyrule de Ocarina of Time. O xogador controla a Link, o protagonista da saga Zelda, na súa loita contra Ganondorf polo control dunha reliquia sagrada coñecida como a Triforza. Link pasa unha considerábel parte do xogo a navegar entre as distintas illas e atravesando alxubes e templos para acadar o poder necesario co que derrotar a Ganondorf. Tamén pasa algún tempo na procura da súa irmá máis nova.

The Wind Waker segue os pasos de Ocarina of Time e a súa secuela Majora's Mask, mantendo basicamente o modo de xogo e o sistema de control das dúas entregas de Nintendo 64. Desta volta faise especial fincapé no uso e control do vento por medio da Batuta dos Ventos, que axuda a Link cando debe navegar ou planar no ar.[1][2][3][4] Controvertido durante o seu desenvolvemento polo seu uso de gráficos cel shading, The Wind Waker acabou tendo un bo recibimento após o seu lanzamento e hoxe é un dos xogos máis populares da GameCube.

Modo de xogo editar

O sistema de control de The Wind Waker é practicamente o mesmo de Ocarina of Time e Majora's Mask. Mantéñense as acción básicas de Link, como camiñar, correr, atacar, defender e saltar automaticamente ao chegar a un bordo. Link tamén fai uso do sistema de control introducido en Ocarina of Time, que lle permite concentrarse nun inimigo ou noutro obxectivo. Como engadido a este sistema introduce a habilidade de contraatacar: cando Link está concentrado nun adversario sen se defender de maneira activa, certos ataques dos inimigos fan que se disparen un sinal visual, a vibración do mando e un sinal acústico. Se ataca nese preciso instante, Link esquiva ou detén o golpe e logo contraataca desde atrás ou saltando por riba da cabeza do inimigo. Esta táctica resulta crucial para derrotar inimigos con armadura ou xefes finais.

O novo estilo de The Wind Waker presenta a un Link de ollos moito máis grandes e expresivos ca nos xogos anteriores. Isto permítelle centrar a súa ollada nos inimigos que se achegan ou en obxectos importantes. Por exemplo, se Link debe resolver un crebacabezas acendendo un facho para darlle lume a un obxecto afastado, os seus ollos dirixiranse cara a un pau que teña preto, dando unha pista ao xogador sobre o que debe facer.

Como ocorre en todas as entregas de Zelda, The Wind Waker inclúe varios alxubes (zonas amplas, pechadas e a miúdo baixo terra). Neles Link combate inimigos, recolle obxectos e resolve crebacabezas para avanzar até enfrontarse ao xefe final. Para completar un alxube, Link emprega principalmente a espada e o escudo, mais tamén outras armas como arco e frechas, un búmerang, bombas e un gancho de escalada. Tamén pode coller e usar algunhas das armas dos inimigos, o que constitúe unha novidade na serie Zelda.

The Wind Waker, seguindo a tendencia da maioría dos xogos de Zelda, ofrece moitas misións secundarias, como a Galería Nintendo. Cando Link se atopa no Refuxio da Fraga, pode usar a Folla Deku para planar até unha illa cilíndrica cunha esclusa que conduce á galería do escultor Carlov. Cando Link obtén unha cámara fotográfica en cor chamada Deluxe Picto Box, poder tomar fotografías de personaxes non xogadores e inimigos, que despois Carlov emprega para esculpir miniaturas. Pódese coleccionar un total de 134 miniaturas, mais Link só pode gardar tres fotografías á vez.

Logo de rematar o xogo, pódese volver empezar con lixeiras modificacións: Link comeza xa coa Deluxe Picto Box, o que fai posíbel completar a misión secundaria da Galería Nintendo; Aryll leva un vestido granate con caveiras que lle deran os piratas; Link é quen de entender a lingua Hylian e leva postas as súas roupas iniciais durante todo o xogo, no canto da túnica e gorro verdes habituais.

Outra misión secundaria presente en todos os xogos de Zelda (agás The Legend of Zelda e mais Phantom Hourglass), reunir os Anacos de Corazón, volve aparecer nesta entrega. The Wind Waker tamén inclúe Mapas do Tesouro, esparexidos por todo o Grande Mar. O xogador pode atopar estes mapas e ir na procura do que aparece neles. Os tesouros van desde Rupias até Anacos de Corazón, pasando por outros mapas que permiten atopar, por exemplo, a posición dos grandes polbos ou dos anacos de corazón.

Vento e viaxes editar

The Wind Waker está ambientado nun mar que consta de 49 seccións dispostas nunha cuadrícula de sete por sete, e cada sección contén unha illa ou un grupo de illas. Xa que logo, unha gran parte do xogo transcorre viaxando dunha illa a outra, o que permite encubrir os tempos de carga accedendo aos datos mentres o xogador se achega a unha illa.

Para navegar polas distintas zonas rapidamente, Link utiliza a Batuta dos Ventos, que controla a dirección do vento cunha serie de melodías. Amais o vento adoita desempeñar un papel fundamental na resolución dos crebacabezas. Mediante a Folla Deku, Link pode facer xirar turbinas ou planar curtas distancias no ar. Creando un vento de cola, Link pode planar distancias maiores para chegar a zonas afastadas. Un cataventos amosa a dirección actual do vento na pantalla.

Argumento editar

Ambientado 100 anos despois dos acontecementos de Ocarina of Time, The Wind Waker sitúa a Link nun mar salpicado de illas, o que implica frecuentes travesías e combates navais. Link vive coa súa avoa e a súa irmá máis nova Aryll na Illa Initia, unhas das poucas habitadas do Grande Mar. As xentes do Grande Mar manteñen viva a lenda dun próspero Reino de Hyrule que alberga un poder dourado oculto. A historia conta que Ganon atopou e roubou este poder e usouno para estender a escuridade até que un rapaz vestido de verde selou o mal grazas á Espada Mestra. De alí en diante coñeceuse a ese rapaz como o Heroe do Tempo, e converteuse en lenda. Un certo día, o mal que fora selado comezou a volver, mais o Heroe do Tempo non apareceu. Os habitantes do Grande Mar ven con incerteza o destino do reino, mais fica claro esta lenda reflicte a historia narrada en Ocarina of Time.

Cando os rapaces de Illa Initia acadan a maioría de idade, seguindo a tradición, vístense de verde como o Heroe do Tempo. Os anciáns esperan así inculcar nos nenos o valor do lendario personaxe. The Wind Waker comeza o día do aniversario de Link, no que recibe a túnica e gorro habituais. O agasallo que lle fai Aryll é o permiso para usar o seu telescopio; cando olla a través del, albisca un enorme paxaro que leva unha rapaza cara a unha fraga próxima. Logo de atopar unha espada, Link marcha a investigar e finalmente rescata a rapaza. Porén aquel mesmo paxaro volta e secuestra a Aryll. A rapaza rescatada na fraga é Tetra, a capitá dun barco pirata. A petición de Link, parten cara a Fortaleza Abandonada, onde unha misteriosa figura mantén cativa a Aryll xunto con outras rapazas. Após un asalto infrutuoso, Link é expulsado da fortaleza; rescátao un barco parlante chamado Rei dos Leóns Vermello, quen lle conta que o amo da Fortaleza Abandonada é Ganon, o mal lendario.

O Rei dos Leóns Vermellos dálle a Link a Batuta dos Ventos, capaz de controlar o vento e mudar a súa dirección, e ensina a Link a navegar polo Grande Mar na procura das tres Perlas das Deusas. Link encóntraas e lévaas ás tres Illas Triángulo, o que provoca que a Torre dos Deuses se erga do mar. Logo de loitar con Gohdan na torre para probar a súa valía, Link entra nun anel de luz e é transportado baixo as augas até o Castelo de Hyrule, inzado de inimigos e conxelado no tempo. Link baixa por unha escaleira agochada e atopa a Espada Mestra, o fío repeledor do mal empregado polo Heroe do Tempo para encerrar a Ganondorf. Ao tirar a espada, Link esperta o castelo e todos os inimigos do seu interior. Unha vez destruídos, volta para a superficie.

Coa Espada Mestra na man, Link volta para a Fortaleza Abandonada e únese a Tetra e mais os piratas. Alí libera a Aryll e as demais prisioneiras e mata o Rei Helmaroc, o paxaro que capturara a súa irmá. Porén Ganondorf derrótao con facilidade e cóntalle que ao coller a Espada Mestra desfixo de todo o selo que o mantiña cativo e liberou todo o seu poder; aínda máis, a Espada Mestra perdeu o seu poder de repeler o mal. Ganondorf ergue a Tetra polo pescozo e decátase de que leva un fragmento da Triforza da Sabedoría como colar. Mentres a chama Princesa Zelda, dous dos Rito que axudaran a Link na súa procura polas Perlas das Deusas rescatan a Link e a Tetra, e o Dragón Valoo dálle lume a toda a fortaleza.

Link e mais Tetra voltan para o castelo situado no fondo do mar e baixan pola escaleira, onde se encontran con Daphne, o rei de Hyrule, que ten a mesma voz có Rei dos Leóns Vermellos. Este contalles que as pregarias do pobo da lenda foron escoitadas: os deuses encerraron a Ganondorf xunto co resto de Hyrule asolagando o reino cunha treboada torrencial, ordenando aos elixidos a se refuxiar nos cumios das montañas. Isto revela que as illas do Grande Mar eran os puntos máis altos de Hyrule, agora somerxido. O rei combina un anaco da Triforza da Sabedoría co fragmento do colar de Tetra, facendo que ela adquira o aspecto tradicional da Princesa Zelda. Daquela o rei descobre que a causa da perda de poder da Espada Mestra foi o asasinato dos Sabios da Terra e do Vento. Link toca o Poema do Deus da Terra a Medli e a Aria do Deus do Vento a Makar, espertando neles o coñecemento de seren os novos Sabios da Terra e do Vento. As pregarias destes restauran o máximo poder da Espada Mestra.

Link emprende unha serie de misións para atopar e decodificar oito mapas da Triforza que sinalan os lugares nos que se encontran os anacos da Triforza do Valor. Link extrae os anacos do mar e restaura a Triforza do Valor, que reside dentro de Link, identificándoo como o Heroe do Vento.

Coa Espeda Mestra restaurada e a Triforza do Valor no seu poder, Link volta unha vez máis para o Castelo de Hyrule, onde Zelda desaparece diante del. Link dá atravesado a barreira situada alén do castelo e entra na Torre de Ganon. Ganondorf aparécese ante Link e asegura que Link é o Heroe do Tempo renacido e que o destino lle permitiu volver reunir a Triforza, tal e como fixera co Heroe do Tempo. As tres triforzas saen de Ganondorf, Link e mais Zelda e combínanse para formar a Triforza completa. Como calquera que toque a Triforza completa poder ver un desexo cumprido, Ganondorf esixe que os deuses volvan deixar Hyrule ao descuberto, baixo o seu control. Porén, antes de que poida chegar até a Triforza, o rei Daphnes aparece de súpeto e toca a triforza. Pídelle aos deuses que lles dean a Link e Zelda un futuro e que as augas leven consigo o reino de Hyrule e mais a Ganondorf. A Triforza descomponse e o océano situado enriba deles comeza a derramarse por toda a torre.

Sabendo que o rei se asegurara a súa propia morte, Ganondorf bótase a rir e comeza a loitar contra Link. Zelda axuda disparando frechas de luz a Ganondorf co arco de Link. Cando Ganondorf fica aparvado, Link chántalle a Espada Mestra na cabeza, converténdoo en pedra. Link e mais Zelda aboian até a superficie dentro dunha burbulla, deixando a Ganondorf e mais o rei a afogaren baixo a auga xunto con Hyrule. Link e Zelda, agora en forma de Tetra parten no barco pirata e o agora inerte Rei dos Leóns Vermellos na procura de novas terras, guiados polo vento. Estes acontecementos teñen unha continuación directa en The Legend of Zelda: Phantom Hourglass.

Notas editar

  1. "The Legend of Zelda: The Wind Waker". Next Level Gaming. Archived from the original on 27 de marzo de 2004. Consultado o 2008-11-26. 
  2. "The Legend of Zelda: The Wind Waker Review". Archived from the original on 04 de xuño de 2003. Consultado o 2008-11-26. 
  3. "The Legend of Zelda: The Wind Waker". Arquivado dende o orixinal o 12 de agosto de 2009. Consultado o 2008-11-26. 
  4. "The Legend of Zelda: The Wind Waker". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2005. Consultado o 2008-11-26. 

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar