O Tetramorfo
Libro de Kells, século VIII
Códice miniado: Folio 27v
Trinity College Library de Dublín

Un tetramorfo (do grego τετρα, tetra, catro, e μορφη, morfé, forma) é unha representación iconográfica composta por catro elementos.

A máis estendida destas é cristiá, cuxa tradición remóntase ao Antigo Testamento, cando o profeta Ezequiel describiu nunha das súas visións catro criaturas que, de fronte, tiñan rostro humano e, de costas, tiñan rostro animal.[1] Unha visión moi similar aparece nunha pasaxe da Apocalipse de san Xoán,[2] que describe a catro anxos zoomorfos que rodean ao pantocrátor e que os estudosos interpretaron desde o século VI como os catro evanxelistas:

  • o anxo, ou o home alado asóciase a Mateu, xa que o seu Evanxeo comeza facendo un repaso á xenealoxía de Cristo, o Fillo do Home;
  • o león identifícase con Marcos, porque o seu Evanxeo comeza falando de Xoán o Bautista, «Voz que clama no deserto», dita voz sería como a do león;
  • o boi sería Lucas, xa que o seu Evanxeo comeza falando do sacrificio que fixo Zacarías, pai de Xoán o Bautista, a Deus;
  • a aguia foi asociada á figura de Xoán, xa que o seu Evanxeo é o máis abstracto e teolóxico dos catro e, xa que logo, o que se eleva sobre os demais.

Ademais da relación do tetramorfo cos catro evanxelistas, suxeriuse que Ezequiel se inspirou na astroloxía zodiacal babilónica (cando este profeta predicaba, o pobo de Israel estaba preso en Mesopotamia, no século VI a. C., en mans de Nabucodonosor II): o boi sería Taurus, o león sería Leo, a aguia sería Scorpius e o home alado sería Acuario. Así, estas eran as constelacións sobre as que tiveron lugar, respectivamente, o equinoccio de primavera, o solsticio de verán, o equinoccio de outono e o solsticio de inverno entre os milenios quinto e terceiro antes de Cristo.

Tamén se suxeriu que fan referencia aos catro elementos básicos e, posto que rodean ao pantocrátor, este sería o «Quinto elemento» unificador. Ademais, suxeriuse que representan os catro atributos ou principais calidades divinas, a saber: amor, xustiza, poder e sabedoría.

O tetramorfo e o pantocrátor son unha constante da arte cristiá medieval, tanto en escultura como en pintura (sexa mural ou en códices miniados).

Notas editar

Véxase tamén editar