Tempo gramatical

páxina de homónimos de Wikimedia

O tempo gramatical é unha categoría lingüística que traduce diversas categorizacións do tempo "real" ou "natural", permitindo situar unha acción no eixo do tempo da enunciación en relación a tres momentos: o pasado, o presente ou o futuro. Esta categoría asóciase habitualmente ao verbo.

Oponse ó tempo físico (continuum que carece en si de delimitacións. Os lindes que nel observamos son percepcións alleas ó seu ilimitado decorrer), e ó tempo cronolóxico (tempo dos sucesos que implica parámetros como día, estación,..., xa que a duración dos acontecementos e mensurable.

O tempo gramatical (ou temporalidade verbal) é o tempo interno do acto de fala, refire todo o que se transmite nun relato a un punto orixinario que frecuentemente é o instante en que se produce a emisión da mensaxe: a diferenza entre o tempo cronolóxico e lingüístico consiste en que os termos cronolóxicos son parámetros fixos que fraccionan o tempo físico, o tempo lingüístico implica que un suceso poida ser amentado con temporalidades diferentes, dependendo de cando se dea o momento ó cal a súa temporalidade faga referencia con respecto ó acto de fala).

O tempo gramatical exprésase normalmente mediante a conxugación verbal (nas linguas indoeuropeas, por exemplo), aínda que existen outros medios (os adverbios exclusivamente en mandarín, o caso gramatical ou os adxectivos cualificativos (en función predicativa) en xaponés).

O tempo verbal vai acompañado doutras informacións gramaticais, como son o modo, a voz ou a persoa, e todas estas categorías son moi diferentes nas distintas linguas. O único tempo común a todas as linguas é o "presente simple", aínda que o seu uso varía.

Guillermo Rojo atende á temporalidade verbal do seguinte xeito:

Tempo definición exemplo
Presente de ind. OoV Vexo o cóengo
Presente de subx. OoV Oxalá estea de camiño
Presente de subx. O+V Quizabes veñá para o mes
Imperfecto de ind. (O-V)oV Cando o chamei, estaba despistado
Imperfecto de subx. O-V Quizais o reparase pola mañá
Imperfecto de subx. (O-V)oV El esperaba que agora volvésemos
Imperfecto de subx. (O-V)+V Esperou a que volvese
Imperfecto de subx. (OoV)-V Espera que volvese
Imperfecto de subx. (O+V)-V Non esperará que volveses
Imperfecto de subx. (O-V)-V Non considerei que volveses daquela
Imperfecto de subx. ((O-V)+V)-V Aseguraron que o farían toda vez que rematasen
Pluscuamperfecto de ind. (O-V)-V Comentou que volvera
Futuro de ind. OoV Terá agora tres meses
Futuro de ind. O+V Mañá direicho
Futuro de ind. (O+V)-V Para xuño verémolo
Condicional OoV)+V Serían oito os invitados
Condicional (O-V)+V Dixo que chegarían axiña

Interpretación da táboa:

  • O-V (acontecemento anterior ó momento da enunciación ou orixe)
  • OoV (acontecemento simultáneo ó momento da enunciación ou orixe)
  • O+V (acontecemento posterior ó momento da enunciación ou orixe)
  • (O-V)+V (acontecemento posterior a un anterior á orixe)
  • (O-V)-V (acontecemento anterior a un anterior á orixe)
  • (O-V)oV (acontecemento simultáneo a un anterior á orixe)
  • (O+V)+V (acontecemento posterior a un posterior á orixe)
  • (O+V)-V (acontecemento anterior a un posterior á orixe)
  • (O+V)oV (acontecemento simultáneo a un posterior á orixe)