Teatro do absurdo

Denomínase teatro do absurdo a unha corrente dramática aparecida a mediados do século XX influenciada polo existencialismo e que tivo como representantes máis coñecidos a Ionesco, Adamov, Samuel Beckett e Genet.

O nome débeselle ao crítico Martin Esslin, quen o utilizou nun ensaio en 1961 para describir obras como A cantante calva (Ionesco, 1950), A pequena manobra (Adamov, 1950) e A esperar por Godot (Beckett, 1952), representadas en París a inicios da década de 1950. Outros autores incluídos nesta corrente son Boris Vian, Jean Tardieu, Harold Pinter, Dino Buzzati, Edward Albee e Fernando Arrabal.

Pódense achar precedentes no mimo romano, na commedia dell'arte, nas obras de Alfred Jarry, Strindberg e Bertold Brecht, e influencias no dadaísmo e no surrealismo. Mais, sen dúbida, o teatro do absurdo nace co existencialismo e coa súa visión da humanidade en relación co seu contorno: a existencia humana é absurda. As ideas formáronse a partir das "filosofías da existencia", en particular, de Heidegger, Sartre, Jaspers, Camus e Gabriel Marcel.

Na actitude de antiteatro, encontramos as súas bases de provocación que renegan das leis e normas: toda convención dramática está esquecida. Así, non achamos historia dramática coherente, nin espazo e tempo verificábeis; as figuras son imprevisíbeis nas súas estruturas lingüísticas e de conduta, Semella un pesadelo vertixinoso e unha protesta enerxicamente calculada. A temática xira arredor do absurdo, da falta de sentido: engano, tedio, inutilidade, fatalidade, conformismo, visíbeis na convivencia cotiá.

Os textos non pretender transmitir informacións, nin expor teses ou debater ideoloxías, senón traducir a imaxes poéticas o abismo interior. A linguaxe é moi diferente: Ionesco e Tardieu rachan coa súa lóxica referencial, mentres que Vian e Adamov recorren á violencia e Beckett recorre á densidade literaria.

Véxase tamén editar

Bibliografía editar


 
 Este artigo sobre literatura é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.