Taj Mahal

mausoleo de mármore branco construído entre 1632 e 1652

O Taj Mahal (en hindi ताज महल, persa تاج محل), situado en Agra, na beira do río Yamuna, no Estado de Uttar Pradesh, India, é un suntuoso mausoleo de mármore branco construído entre 1632 e 1652[1] polo emperador mogol Shâh Jahân, en memoria da súa esposa Arjumand Bânu Begam, máis coñecida polo nome de Mumtāz Mahal[2], que falecera o 17 de xuño de 1631, ao dar a luz o seu décimo cuarto fillo, en tanto acompañaba ao seu home en campaña. Tivo unha sepultura inicial no xardín Zainabad en Burhampur.

Taj Mahal
ताज महल - تاج محل
O Taj Mahal en Agra, India
Taj Mahal en India
Taj Mahal
Taj Mahal
Patrimonio da Humanidade - UNESCO
PaísIndia India
Localización27°10′27″N 78°02′32″L / 27.17417, -78.04222
TipoCultural
CriteriosI
Inscrición1983 (7ª Sesión)
Rexión da UNESCOAsia e o Pacífico
Identificador252

Así, o Taj Mahal é tamén considerado como unha gran proba de amor, contendo inscricións retiradas do Corán. Ten incrustadas pedras semi-preciosas, tales como o lapislázuli entre outras. A súa cúpula ten fíos de ouro. O edificio está flanqueado por dúas mesquitas e cercado por catro minaretes.

Suponse que o emperador pretendía facer para el unha réplica do Taj Mahal orixinal na outra marxe do río, en mármore negro, pero acabou deposto por un dos seus fillos antes do suposto comezo de tal obra.

Orixe e inspiración editar

 
Localización de Agra na India.

O emperador Shah Jahan foi un prolífero mecenas. Baixo a súa tutela construíronse os palacios e xardíns de Shalimar en Lahore, tamén en honra da súa esposa.

Mumtaz Mahal faleceu no parto do décimo cuarto fillo, e o emperador, desolado, iniciou case de seguida a construción do Taj como presente póstumo. Os pormenores do edificio mostran a súa natureza romántica e o conxunto promove unha estética espléndida. Aproveitando unha visita realizada en 1663, o explorador francés François Bernier realizou o seguinte retrato do Taj Mahal e dos motivos do emperador que levaron á súa edificación:

[...] Completarei esta carta cunha descrición dos marabillosos mausoleos que outorgan total superioridade a Agra sobre Delhi. Un destes foi erixido por Jehan-guyre en honra do seu pai Ekbar, e Shah Jahan construíu outro de extraordinaria e celebrada beleza, en memoria da súa esposa Taxe Mehale, de quen se di que o seu esposo estaba tan apaixonado que lle foi fiel toda a súa vida e, despois da súa morte, ficou tan afectado que non tardou en seguila para a morte.[3]

Síntese histórica editar

 
Soldados estadounidenses en 1942, en fronte do Taj Mahal, cuxa cúpula se atopa cuberta polo xigantesco estada que a protexería de eventuais ataques das forzas aéreas alemás e xaponesas.

A pouco tempo do termo da obra en 1657, Shah Jahan adoeceu gravemente e o seu fillo Shah Shuja declarouse a el mesmo emperador en Bengala, en canto Murad, co apoio do seu irmán Aurangzeb, facía o mesmo en Gujarat. Cando Shah Jahan, caído doente no seu leito, se rendeu aos ataques dos seus fillos, Aurangzeb permitiulle continuar a vivir exiliado no forte de Agra. A lenda conta que pasou o resto dos seus días observando pola fiestra o Taj Mahal e, despois da súa morte en 1666, Aurangzeb sepultouno no mausoleo lado a lado coa esposa, xerando a única ruptura da perfecta simetría do conxunto.

A finais do século XIX, varios sectores do Taj Mahal estaban moi deteriorados por falta de mantemento e durante a época da rebelión hindú, en 1857, sufriu a desfeita de soldados británicos e oficiais do goberno, que lle arrancaban as pedras embutidas nas paredes e o lapislázuli dos seus muros. En 1908 completouse a restauración ordenada polo vicerrei británico, Lord Curzon, que tamén incluíu o gran candelabro da cámara interior segundo o modelo dun similar que se atopaba nunha mesquita no Cairo. Curzon ordenou a remodelación dos xardíns ao estilo inglés que aínda hoxe se conservan.

Durante o século XX mellorou o coidado co monumento. En 1942 o goberno construíu unha estada xigantesca cubrindo a cúpula, prevendo un ataque aéreo da Luftwaffe e, posteriormente, da forza aérea xaponesa. Esta protección volveu a erguerse durante as guerras indo-paquistanís, de 1965 a 1971. As ameazas máis recentes proveñen da polución ambiental nas ribeiras do río Yamuna e da choiva ácida causada pola refinaría de Mathura. Ambos os problemas son obxecto de varios recursos ante a Corte Suprema de Xustiza da India.

Importante destino turístico, en 1993, foi elixido como Patrimonio Mundial da Humanidade pola UNESCO. Recentemente, algúns sectores sunnitas reclamaron para si a propiedade do edificio, baseándose de que se trata do mausoleo dunha muller desposada por un membro deste culto islámico. O goberno indio rexeitou a reclamación considerándoa mal fundamentada, xa que o Taj Mahal é propiedade de toda a nación india.

Deseño editar

A estrutura editar

O complexo arquitectónico do Taj Mahal cobre aproximadamente unha área de 580 x 300 , compóndose de cinco elementos principais: darwaza (portón), bageecha (xardín) que ten a típica forma de charbagh (xardín mughal dividido en catro partes), masjid (mesquita), mihman khana (casa de hóspedes) e o mausoleo ou Taj Mahal.

O complexo sepulcral foi realizado de modo que fose accesíbel, ben do norte, ben do sur, respectivamente desde o río Yamuna ou desde terra. Esta última entrada estaba formada do portón principal. Superada esa entrada estase na parte inicial do charbagh. No interior do xardín, que mide 300 x 300 , áchanse canteiros de flores, canles de auga -que reflicten a imaxe do Taj Mahal- e vías arboradas.

Ao final do eixe central do xardín está a tumba. A oeste da tumba está situada a mesquita, construída en arenisca roxa, sendo o edificio que santifica o complexo e o lugar de culto dos peregrinos. Ao leste da tumba sitúase o jawab ("resposta"), edificio utilizado como casa de hóspedes, construído como fábrica xemelga da mesquita, a fin de respectar a simetría arquitectónica.

Elementos formais editar

 
Elementos formais do Taj Mahal.

Os elementos formais e decorativos son empregados repetida e consistentemente por todo o complexo, unificando o vocabulario estético. As principais características do mausoleo reflíctense no resto das construción:

  1. Finial: remate ornamentado das cúpulas usado nos pagodes asiáticas igualmente.
  2. Decoracións de loto: esquemas cuxo motivo é a flor de loto, esculpidos nas cúpulas.
  3. Amrud: Cúpula en forma de cebola, típica na arquitectura islámica e que, máis tarde, sería usada en Rusia.
  4. Tambor: base cilíndrica da cúpula, que serve de apoio e transición formal sobre o resto do edificio.
  5. Guldasta: agulla decorativa fixa no rebordo das balaustradas.
  6. Chattri: galería de columnas e cúpula, utilizado principalmente en monumentos de carisma conmemorativo.
  7. Zanefas: paneis esculpidos sobre as arcadas.
  8. Caligrafía: escritura estilizada de versos do Corán sobre as arcadas principais
  9. Arcadas ou portais: tamén denominados pishtaq (palabra persa para os portais).
  10. Datos: paneis decorativos sobrepostos ás paredes da fachada frontal do edificio.

Influencias editar

 
Planta do conxunto

O Taj Mahal incorpora e amplía as tradicións idílicas do islam, da Persia, da India e da arquitectura mogol antiga.

O deseño xeral do proxecto inspirouse nunha serie de edificios mogois, entre os cales a tumba de Itmad-Ud-Daulah e a Jama Masjid, en Delhi. Baixo o mecenado de Shah Jahan, a arquitectura mogol alcanzou novos niveis de refinamento. Antes do Taj Mahal era habitual edificar con pedra vermella, pero o emperador promoveu o uso de mármore branco con incrustacións de pedras semi-preciosas.

Os artesáns indianos, especialmente escultores e decoradores, percorrían aos países asiáticos durante esta época e o seu traballo era particularmente apreciado polos construtores de mausoleos. A arquitectura palaciana mogol, aplicada noutros edificios indianos (como o palacio Man Sing, en Galore), foi a gran fonte inspiradora dos chattris que se ven no Taj Mahal.

Simetría editar

O conxunto do Taj Mahal, coa súa fachada principal perpendicular a unha ribeira do Yamuna, foi construído cos seguintes elementos arquitectónicos:

  1. Portal de acceso
  2. Tumbas secundarias
  3. Patios
  4. Patio (esplanada) de acceso principal
  5. Darwaza ou forte de acceso
  6. Jabaz
  7. Mesquita
  8. Mausoleo
  9. Minaretes

No centro, os amplos xardíns divididos en cadrados, organízanse mediante a cruz formada polos canais. A superficie da auga reflicte os edificios, producindo un efecto adicional de simetría.

Os xardíns editar

 
O xardín cos camiños xunto ao tanque central

O complexo atópase rodeado dun gran chahar bagh[4] que mede 320 x 300 metros e inclúe canteiros de flores, camiños elevados, avenidas de árbores, fontes, cursos de auga, e piares que reflicten a imaxe dos edificios na auga.

Cada sección do xardín está dividida por camiños en 16 canteiros de flores, cun tanque central de mármore a medio camiño entre a entrada e o mausoleo, que devolve a imaxe reflectida do edificio.

O chahar bagh foi introducido na India por Babur, o primeiro emperador mogol, segundo un deseño inspirado na tradición persa a fin de representar os xardíns do paraíso[5]. Nos textos místicos do islam no período mogol, o paraíso é descrito como un xardín ideal, pleno de abundancia. A auga ten un papel-chave nestas descricións, xa que se refiren a catro ríos que xorden dunha fonte central, constituída por montañas, que dividen o Éden en catro partes segundo os puntos cardeais (norte, sur, leste e oeste).

A maioría destes xardíns mogois son de forma rectangular, cun pavillón central. O Taj Mahal non é usual neste sentido, xa que sitúa o edificio principal, o mausoleo, nun dos extremos. Mais a recente descuberta da existencia do "Mahtab bagh" (Xardín da Lúa) na ribeira oposta do río Yamuna permite unha interpretación distinta, incorporando o vale no deseño global de tal forma que se converta nun dos ríos do paraíso.

O trazado dos xardíns e as características arquitectónicas principais, como as fontes, camiños de mármore e azulexo, e canteiros lineares do mesmo material — similares ao xardín de Shalimar — suxiren que poden ter sido deseñados polo mesmo enxeñeiro, Alí Mardan.

As descricións máis antigas do xardín mencionan a súa profunda vexetación, con abundancia de rosas, narcisos e árbores froiteiras. Coa declinación do imperio mogol tamén decreceu o mantemento, e cando os británicos asumen o control do Taj Mahal, introducen modificacións paisaxísticas para reflectir mellor o estilo dos xardíns de Londres.

Porén, os visitantes poderán admirarse ao ver os xardineiros cortar o céspede cunha máquina poxada por bois.

 

Panorama de 360º dos xardíns Char bagh


Edificios secundarios editar

 
Darwaza de acceso ao Taj Mahal.

O complexo está limitado por tres lados por un muro en pedra vermella. Despois dos muros, existen varios mausoleos secundarios, incluíndo os das demais viúvas de Shah Jahan e do servente favorito de Mumtaz. Estes edificios, construídos principalmente con pedra vermella, son típicos dos edificios funerarios mogois da época.

Do lado interior os muros complétanse cunha columnata coroada por varios arcos, característica común nos templos hindús, incorporada nas mesquitas mogois. A distancias fixas inclúense os chattris e outras pequenas construcións que puideran ter sido utilizadas como miradoiros, incluíndo a que actualmente se chama «Casa da Música», utilizada como museo.

 
Interior do jawab usado posibelmente como hospedaría

A entrada principal, a "darwaza", é un edificio monumental construído tamén en pedra vermella. O estilo recorda a arquitectura mogol e os primeiros emperadores. As súas arcadas repiten as formas do mausoleo, e incorporan a mesma caligrafía decorativa. Se utilizan decoracións florais en baixo-relevo e incrustacións. As paredes e os teitos abovedados presentan elaborados deseños xeométricos, similares aos que existen noutros edificios do complexo. Orixinalmente a entrada fechábase con dúas grandes portas de prata, que se desmontaron e fundidas polos jats en 1764.

 
O masjid, a mesquita.

No extremo do complexo érguense dous grandes edificios laterais ao mausoleo, paralelos aos muros leste e oeste. Ambos son fieis ao reflexo un do outro. O edificio occidental é unha mesquita e o seu oposto é o [6], cuxo sentido orixinal era balancear a composición arquitectónica e crese que se usou como hospedaría. As diferenzas consisten en que o jawab non ten minarete e os seus pisos presentan deseños xeométricos, en canto os da mesquita están decorados cun deseño en mármore negro que marca a posición das tapizarías para a oración de 569 fieis.

O proxecto básico da mesquita é similar a outras construcións mandadas edificar por Shah Jahan, especialmente o seu Jama Masjid, en Delhi, que consiste nunha gran sala rematada por tres cúpulas. As mesquitas mogois desta época dividen o santuario en tres áreas distintas: un sector principal con dúas alas.

O mausoleo editar

 
O Iwan principal do mausoleo

O foco visual do Taj Mahal, aínda que non se localice no centro do conxunto, é o mausoleo de mármore branco. Como a maioría dos edificios funerarios mogois, os elementos básicos son de orixe persa. Un edificio simétrico cun iwan [7] e coroado por unha gran cúpula.

A tumba descansa sobre un pedestal cadrado. O edificio consiste nunha gran superficie dividida en múltiplas salas, das cales a central alberga o cenotafio de Shah Jahan e Muntaz. Na realidade, as tumbas reais atópanse nun nivel inferior.

A base é esencialmente un cubo con vértices cortados, de 55 metros de lado. Sobre cada lado, unha grande pishtaq ou arcada rodea o iwan, cun nivel superior similar de balcóns. Estes arcos principais elévanse ata ao teito da base, xerando unha fachada integrada.

A cada lado da arcada principal, hai arcadas menores enriba e embaixo. Este motivo repítese nas esquinas. O proxecto é completamente uniforme e consistente nos catro lados da base. En cada esquina do pedestal base, complementa o conxunto un minarete.

A cúpula de mármore branco sobre o mausoleo é visibelmente o máis espectacular elemento do conxunto. A súa altura é case igual á da base, en torno de 35 metros, dimensión que se acentúa por estar apoiada nun tambor circular de sete metros de altura.

A cúpula ten unha forma de cebola. Os árabes chaman a esta tipoloxía da cúpula amrud, ou sexa, con forma de mazá. O terzo superior da cúpula está decorado cun anel de flores de loto en relevo, e no remate unha agulla ou finial dourada combina tradicións islámicas e hindús. Esta agulla termina nunha lúa crecente, motivo típico islámico, cos seus extremos apuntando para o ceo. Pola súa colocación sobre a agulla, o cumio desta e os extremos da lúa combinados forman unha figura semellante a un tridente, exacerbo do símbolo tradicional hindú para a divindade de Shiva. O corpo final contén, ademais, unha serie de formas bulbosas.

 
Base, cúpula e minarete

A figura central mostra un forte parecido co kalash ou kumbh, o barco sagrado da tradición hindú. A forma da cúpula é enfatizada tamén polos catro chattris en cada esquina. As cúpulas destes replican a forma da central. As súas bases decoradas con columnas abren a través do teito do mausoleo un espazo para a entrada de luz natural no interior do espazo pechado. Os chattris tamén están rematados por finiais.

Nas paredes laterais, as estilizadas espirais decoradas en relevo axudan a aumentar a sensación de altura do edificio, e repétense os motivos de loto ao longo desta e das restantes, así como en todos os chattris.

En cada esquina do pedestal elévase un minarete: catro grandes torres de máis de 40 m. de altura que novamente mostran a atracción de Taj polo deseño simétrico e repetitivo, criando en parte varios padróns. As torres están deseñadas como minaretes funcionais, elemento tradicional das mesquitas onde o almuacín chama os fieis islámicos á oración. Cada minarete está dividido en tres partes iguais por dous balcóns que o rodean con aneis. No cumio da torre, un terrazo cuberto por un chattri repite o deseño do mausoleo.

Estes chattris teñen todos os mesmos detalles de acabamento: o deseño de flor de loto e o finial dourado sobre a cúpula. Cada minarete foi construído levemente inclinado para fóra do conxunto. Desta maneira, en caso de caída, algo non tan improbábel nese tempo para construcións de semellante altura, o material iría caer lonxe do templo.

Decoración editar

Exterior editar

Practicamente toda a superficie do complexo ornamentouse e atópase entre as máis belas decoracións exteriores mogois de calquera época. Tamén neste aspecto, os motivos repítense en todos os edificios e elementos. Os elementos decorativos pertencen basicamente a tres categorías, recordando que a relixión islámica prohibe a representación da figura humana:

  • Caligrafía
  • Elementos xeométricos abstractos
  • Motivos vexetais

Estas decoracións efectuáronse con tres técnicas diferentes:

  • Pintura ou estuque aplicado sobre as paredes
  • Incrustación de pedras
  • Esculturas

Caligrafía editar

 
Caligrafía sobre o gran portal de acceso ao mausoleo.

As pasaxes do Corán utilízanse en todo o complexo como elementos decorativos. Os textos creados polo calígrafo persa da corte mogol Amanat Khan son tan detallados e fantasiosos, que se tornan case ilexíbeis. A sinatura do calígrafo xorde en varios paneis.

A letras están incrustadas con cuarzo opaco sobre os paneis de mármore branco. Algúns dos traballos son extremadamente detallados e delicados, especialmente os que se atopan no mármore dos cenotafios da tumba. Os paneis superiores están escritos con caligrafía proporcionada para compensar a distorsión visual ao observalos desde baixo.

Estudos recentes suxeren que foi tamén Amanat Khan quen seleccionou as pasaxes do Corán. Os textos tratan en xeral temas de xustizas, de inferno para os incrédulos e de promesa de paraíso para os fieis. Entre as principais pasaxes, inclúense as seguintes suras: 91 (o sol) , 112 (pureza da fe) , 89 (descanso diario) , 93 (luz da mañá), 95 (as figueiras), 94 (a abertura), 36 (Ya Sin) , 81 (a escuridade), 84 (a ferida), 98 (a evidencia), 67 (o dominio) , 48 (a vitoria), 77 (os enviados) e 39 (os grupos).

 
Decoración xeométrica: «espiña de peixe».

Decoración xeométrica abstracta editar

As formas de arte abstractas utilízanse especialmente no pedestal do mausoleo, nos minaretes, na mesquita de no jawab, e tamén en superficies menores do templo. As cúpulas e bóvedas dos edificios de pedra están traballadas con trazaría.[8] para crear elaboradas formas xeométricas.

Nas zonas de transición o espazo entre elementos veciños énchese con trazaría, formando padróns en V. Nos edificios de pedra vermella usase unha trazaría branca e sobre o mármore branco utilízase como elemento contrastante unha trazaría escura ou mesmo negra.

O chan está cuberto por mosaicos de cores e formas distintas combinados en padróns xeométricos diferentes.

A técnica da incrustación sobre as placas de mármore presenta tal perfección que as xuntas entre as pedras e xemas incrustadas só se distinguen cunha lente de aumento, unha lupa. Unha flor, de só sete centímetros cadrados, ten 60 incrustacións ou marquetarías diferentes, que ofrecen ao teito unha superficie irregular.

Motivos vexetais editar

 
Motivos vexetais: detalle do panel xunto a un arco.

As paredes baixas do templo funerario mostran frisos de mármore con baixorrelevos de flores e vexetais que foron puídos para resaltar o extremo requinte do traballo. Os frisos e as arcadas decoráronse con incrustacións de pedras semi-preciosas formando deseños moi estilizados de flores, froitos e outros vexetais. As pedras incrustadas son mármore amarelo, xade, cuarzo puído e outras xemas menores.

Interior editar

A sala central do Taj Mahal presenta unha decoración que vai para alén das técnicas tradicionais, e aparenta con formas máis elevadas da arte manual, como a ourivaría e a xoiaría. Aquí o material usado para as incrustacións xa non é mármore ou xade, senón xemas preciosas e semi-preciosas. Cada elemento decorativo do exterior foi redefinido mediante xoias. A sala principal conten tamén os cenotafios de Mumtaz e Shah Jahan, obras-primas de artesanado, sen precedentes na época.

A forma da sala é octogonal e aínda que o deseño permita ingresar por calquera dos lados, só a porta sur, en dirección aos xardíns usase habitualmente. As paredes interiores teñen aproximadamente 25 metros de altura, sobre as cales se construíu unha falsa cúpula interior decorada con motivos solares. Oito arcos definen o espazo a nivel do solo. Similar ao que se sucede no exterior, a cada medio arco sobreponse un segundo a media altura na parede. Os catro arcos centrais superiores forman balcóns con miradoiros para o exterior. Cada fiestra deste balcóns leva un intricado traballo de mármore, o o jali. Alén da luz proveniente dos balcóns, a iluminación compleméntase coa que ingresa a través dos chattris en cada esquina da cúpula exterior.

Cada unha das paredes da sala foi detalladamente decorada con frisos en baixorrelevo, intricadas incrustacións de pedraría e refinados paneis de caligrafía, reflectindo inclusivamente o nivel minimalista do complexo. Con estes elementos, créase unha especie de ligazón ou fusión simétrica do espazo interior e exterior, nunha liña decorativa que permite que contacten directamente os dous espazos do complexo funerario.

A tradición musulmá prohibe a decoración elaborada das campas, polo que os corpos de Mumtaz e Shah Jahan descansan nunha cámara relativamente simple debaixo da sala principal do Taj Mahal. Están sepultados segundo un eixo norte-sur, cos rostros para a dereita, en dirección a Meca.

 
Os cenotafios, as campas baleiras.

Todo o Taj Mahal se centra en redor dos cenotafios que duplican en forma exacta a posición das dúas campas e son copia idéntica das pedras do sepulcro inferior.

O cenotafio de Mumtaz érguese no centro exacto da sala principal, sobre unha base rectangular de mármore de aproximadamente 1,50 x 2,50 metros. Hai unha pequena urna tamén de mármore. Tanto a base como a urna están incrustadas cun requintado traballo de xemas. As inscricións teñen a función de identificar Mumtaz e protexela, en xeito de oración. Na tampa da urna sobresae un placa, que se asemella a un cadro de escola.

O cenotafio de Shah Jahan está xunto ao de Mumtaz, formando a única disposición asimétrica de todo o complexo. É maior que o da súa esposa, mais contén os mesmos elementos: unha grande urna con base alta, tamén decorada con marabillosa precisión mediante incrustacións e caligrafía identificadora. Sobre a tampa da urna existe unha escultura dunha pequena caixa de plumas de escribir [9].

 
Placas do cenotafio, en mármore tallado e con incrustacións de pedras preciosas.

Proceso construtivo editar

A construción do Taj Mahal comezou co alicerce do mausoleo. Escavouse e formouse, cos cascallos, unha superficie de aproximadamente 12.000 m² para reducir o risco de infiltracións do río. Toda a área foi erguida a unha altura de case 15 metros sobre o nivel da ribeira. O Taj Mahal ten unha altura aproximada de 60 metros e a cúpula principal mide 20 metros de diámetro e 25 de altura.

Na zona do mausoleo caváronse pozos ata atopar auga e preenchéronse con pedra formando as bases da fundación. Deixouse un pozo aberto en torno do edificio para monitorizar as mudanzas do nivel da auga subterránea.

En vez da utilización de estadas de bambú, comúns na época, os traballadores construíron colosais estadas de ladrillo por fóra e por dentro das paredes do mausoleo. Estas estadas eran tan grandes, que se estima en anos o tempo que levou desmantelalos. De acordo coa lenda, Shah Jahan decretou que calquera un podería levar os ladrillos e, en consecuencia, moitos foron levados, pola noite, polos campesiños lugares.

Para transportar o mármore e outros materiais desde Agra ata ao lugar da edificación, construíuse unha rampla de terra de 15 km de lonxitude. De acordo cos rexistros da época, para o transporte dos grandes bloques utilizáronse carretas especialmente construídas, tiradas por carros de vinte ou trinta bois.

Para colocar os bloques en posición foi necesario un elaborado sistema de roldanas montadas sobre postes e vigas de madeira, e a forza de xuntas de bois e mulas.

A secuencia construtiva foi:

  1. A base ou pedestal;
  2. O mausoleo coa súa cúpula;
  3. Os catro minaretes;
  4. A mesquita e o jawab;
  5. O forte de acceso;

O pedestal e o mausoleo consumiron doce anos de construción. As restantes partes do complexo levaron máis dez anos. Como o conxunto foi construído por etapas, os historiadores da época informan de diferentes datas de «remate», a causa posibelmente de opinións diverxentes sobre a definición da palabra «remate». Por exemplo, o mausoleo en si completouse en 1643, mais o traballo continuou no resto do complexo.

Infraestrutura hidráulica editar

A auga para o Taj Mahal proviña dunha complexa infraestrutura que incluía series de purs, movidos por animais, que levaban a auga a grandes cisternas, onde, mediante mecanismos similares, se elevaba a un gran tanque de distribución erguido sobre a planta baixa do mausoleo.

Do tanque principal de distribución, a auga pasaba por tres tanques subsidiarios, desde os cales se conducía a todo o complexo. A unha profundidade de 1,50 metros, corre a condución de barro que completa o sistema de rega dos xardíns. Outros canos de cobre alimentan as fontes na canle norte-sur, e escavaron canles secundarias para regar o resto do xardín. As fontes non se conectaron de forma directa cos tubos de alimentación, senón un tanque intermedio de cobre debaixo de cada saída, co fin de igualar a presión en todas.

Os purs non se conservaron, mais si o resto das instalacións.

Artesáns e construtores editar

 
Interior da cúpula, mostrando o traballo xeométrico en pedra.

O Taj Mahal non se proxectou por unha só persoa. Os nomes dos construtores das diversas especialidades que participaron na obra chegou aos o nosos días a través de diversas fontes.

Dos discípulos do grande arquitecto otomán Koca Mimar Sinan Agha, Ustad Isa e Isa Muhammad Effendi, tiveron un papel chave no deseño do complexo[10]. Algúns textos en lingua persa mencionan Puru de Benarus como arquitecto supervisor[11].

A cúpula principal deseñouse por Ismaíl Khan do Imperio Otomán[12], considerado o primeiro arquitecto e construtor de cúpulas daquela época. Khazim Khan, un nativo de Lahore, moldou o finial de ouro macizo que coroa a cúpula principal. Chiranjilal, un artesán de Delhi, foi o escultor xefe e responsábel dos mosaicos. Amanat Khan de Shiraz, Persia), foi o responsábel da caligrafía[13] Muhammad Hanif foi o capataz de masonaría (arte de traballar a pedra). Mir Abdul Karim e Mukkarimat Khan de Shiraz, Persia, supervisaron as finanzas e a xestión da produción diaria.

O grupo de artistas incluíndo escultores de Bucara, calígrafos da Siria e Persia, mestres en incrustación do sur da India, cortadores de pedra de Baluchistán, un especialista en construír torres, outro que gravaba flores sobre os mármores, completando un total de 37 artesáns principais. Este equipo directriz estivo acompañado por unha forza laboral que se estima superior a 20.000 traballadores recrutados en todo o norte da India.

Os cronistas europeos, especialmente durante o primeiro período do Raj británico, suxeriron que algúns dos traballos do Taj Mahal foran obra de artesáns europeos. A maioría destas suposicións eran puramente especulativas, mais unha referencia de 1640, segundo a carta dun frade español que visitou Agra, menciona que Gerónimo Veroneo, un aventureiro italiano na corte de Shah Jahan, foi o responsábel principal do deseño. Non hai proba para probar esta afirmación, nin se citou ningún Veroneo nos documentos relativos á obra que aínda se conservan. E.B. Havell, o principal investigador británico de arte india no último Raj descartou esta teoría por non se atopar evidencia algunha e por resultar inconsistente cos métodos empregados polos deseñistas.

Materiais editar

O principal material empregado para a construción é o mármore branco traído en carros puxados por bois, búfalos, elefantes e camelos desde as pedreiras de Makrana, no Raxastán, situadas a máis de 300 km de distancia.

O segundo material máis utilizado é a pedra areísca rochosa, empregada na construción da maioría dos palacios e fortes musulmáns anteriores á era de Shah Jahan. Este material utilizouse en combinación co mármore negro, nas murallas, no acceso principal, na mesquita e no jawab.

O Taj Mahal inclúe, ademais, outros materiais traídos de toda a Asia. Máis 1.000 elefantes transportaron materiais de construción dos confíns do continente. O xaspe importouse do Punjab, e o cristal e o xade, da China.

Do Tíbet trouxéronse turquesas e do Afganistán o lapislázuli, en canto os zafiros, proviñan de Ceilán e os cuarzos da Península arábica. No total utilizáronse 28 tipos de xemas e pedras semi-preciosas para facer as incrustacións no mármore.

Custo editar

O custo total da construción do Taj Mahal estímase en 50 millóns de rupias. Naquel tempo, un gramo de ouro valía aproximadamente 1,40 rupias, de modo que segundo a valoración actual, a suma equivalería a máis de cincocentos millóns de dólares estadounidenses[14].

Lendas e hipóteses editar

Orixe do nome editar

 
Taj Mahal significa "Coroa de Mahal".

A palabra "Taj" provén do persa, linguaxe da corte mogol, e significa "Coroa", en canto que "Mahal" é unha variante curta de Mumtaz Mahal, o nome formal na corte de Arjumand Banu Begun, cuxo significado é "Primeira dama do palacio". Taj Mahal, entón, refírese á "coroa de Mahal", a amada esposa de Shah Jahan. Xa en 1663 o viaxante francés François Bernier mencionou o edificio como "Tage Mehale".

O Taj Negro editar

Unha vella tradición popular afirma que se previu construír un mausoleo idéntico na marxe oposta do río Yamuna, substituíndo o mármore branco por negro. A lenda suxire que Shah Jahan foi destronado polo seu fillo Aurangzeb antes de ser edificada a versión negra, e que os restos de mármore negro que poden atopar ao cruzar o río son as bases inacabadas do segundo mausoleo.

Estudos recentes desmenten parcialmente esta hipótese e proxectan novas luces sobre o deseño do Taj Mahal. Todos os restantes grandes túmulos mogois situábanse en xardíns formando unha cruz, co mausoleo no centro. O Taj Mahal, polo contrario, está disposto en forma dun gran "T" co mausoleo nun extremo. O rastro das ruínas na marxe oposta do río estende o deseño ata formar un esquema de cruz, en que o propio río se convertería en canal central dun gran chahar bagh. A cor negra parece ser produto da acción do tempo sobre os mármores brancos orixinalmente abandonados no lugar. Os arqueólogos chamaron a este segundo e nunca construído Taj como "Mahtab Bagh", ou sexa, "Xardín de Luz da Lúa".

O túmulo asimétrico de Shah Jahan editar

 
De notar que o cenotafio de Shah Jahan está desprazado do centro, como se colocou na súa morte.

Aurangzeb situou o túmulo e o cenotafio de Shah Jahan no Taj Mahal en vez de lle construír un mausoleo propio como era característico para os emperadores. Esta ruptura da simetría é atribuída por unha lenda complementar do Taj Negro á malicia ou á indiferenza de Aurangzeb. Os avós deste último foran xa sepultados nun mausoleo con configuración asimétrica semellante.

O fillo de Shah Jahan era un home piadoso, e o islam evita todo o tipo de ostentación, especialmente no aspecto funerario. Así, no canto de utilizar un ataúde, era normal usar simplemente un sudario para sepultar os mortos.

Os libros islámicos describen a sepultura en ataúdes como "un gasto inútil, que podería ser mellor utilizado para alimentar o famento ou axudar o necesitado". Segundo a visión de Aurangzeb, construír un mausoleo novo para Shah Jahan sería un desperdicio. Por iso sepultou o seu pai xunto a Mumtaz Mahal sen máis complicacións.

Mutilación dos traballadores editar

Un sen fin de historias describen, moitas veces con detalles horripilantes, a morte, desmembramento e mutilación que Shah Jahan tería inflixido a varios artesáns relacionados coa construción do mausoleo. Talvez a historia máis repetida é a de que como o emperador tivo á súa disposición os mellores arquitectos e decoradores, despois de completar o seu traballo facíaos cegar e cortar as mans para que non puidesen volver a construír un monumento que igualase a superioridade do Taj Mahal. Ningunha referencia respectábel permite asegurar estas hipóteses, na cal algúns cren, por outro lado, que foi unha práctica bastante común en relación a algúns grandes monumentos da Antigüidade.

Elementos desaparecidos editar

Abundan as lendas en relación a moitos elementos roubados pertencentes ao Taj Mahal. Algúns deterioráronse co tempo, mais moitos dos supostos elementos en falta son só lendas.

Entre as falsas perdas máis difundidas, destácanse:

  • As follas de ouro, que supostamente cubrían toda a parte da cúpula principal.
  • A Varanda dourada, que tería rodeado os cenotafios, posibelmente por confusión cos límites provisorios colocados e logo substituídos ao terminar as cantarías de mármore.
  • Os diamantes, supostamente incrustados nos cenotafios.
  • O tecido de perlas, que segundo algúns cubría o cenotafio de Mumtaz.

Outros elementos perdéronse ao longo do tempo, entre eles:

  • Os portóns de prata do forte de acceso.
  • As follas douradas que cubrían as xuntas metálicas das cantarías de mármore en torno dos cenotafios.
  • Numerosas tapizarías que cubrían os interiores do mausoleo.
  • As lámpadas esmaltadas do interior.

Plano británico para demoler o Taj Mahal editar

Unha historia frecuentemente repetida narra que Lord William Bentinck (gobernador da India na década de 1830) pensou en demoler o Taj Mahal e vender o mármore. Nalgunhas versións do mito, a demolición estivo a piques de ocorrer, mais non comezou porque Bentinck foi incapaz de crear un proxecto viábel desde un punto de vista financeiro. Non hai probas da época sobre tal plano, que pode ter sido difundido no final do século XIX cando Bentinck era criticado polo seu insistente utilitarismo e Lord Curzon enfatizaba a neglixencia en que incorrerían os anteriores responsábeis do monumento, presentándose a si mesmo como un salvador do patrimonio indio.

De acordo con John Roselli, biógrafo de Bentinck, a historia creouse a partir doutros acontecementos, de tipo diferente: a venda de mármore proveniente do forte de Agra e a dun famoso aínda que obsoleto canón, en ambos casos con fins de beneficencia[15].

O templo de Shiva editar

O presidente do instituto revisionista indio, P.N. Oak, ten afirmado repetidamente que o Taj Mahal foi na realidade un templo hindú dedicado a Shiva, usurpado e remodelado por Shah Jahan. Segundo el, o nome orixinal do templo era "Tejo Mahalaya", que logo pasou a "Taj Mahal" mediante corrupción fonética.

Oak asegura tamén que os túmulos de Humayun, Akbar e Itimiad-u-Dallah, tal como a cidade do Vaticano en Roma[16], a Kaaba en Meca, Stonehenge, e "todos os edificios históricos" na India, foron templos ou palacios hindús.

O Taj só unha mostra típica de como todos os edificios históricos de orixe hindú desde Caxemira ao Cabo Comorín, teñen sido atribuídos a este ou aquel goberno musulmán.[17]

En breve asegurou que o Taj "non era" un templo de Shiva, mais que podería ter sido o palacio dun rei do Rajput. De calquera modo mantiña a súa acusación de que o monumento era de orixe india, roubado por Shah Jahan e adaptado como túmulo. Oak aseguraba que Mumtaz non estaba sepultada alí. Dixo tamén que os numerosos testemuños da época relativos á construción do Taj Mahal, incluíndo os voluminosos rexistros financeiros de Shah Jahan e das súas directivas sobre a obra eran fraudes elaboradas para ocultar a orixe hindú.

Estas provocantes acusacións fixeron que Oak fose coñecido. Chegaron a iniciarse demandas xudiciais para conseguir a abertura dos cenotafios e a demolición por parte da albearía do primeiro piso, xa que neses "falsos túmulos" e en "salas seladas" se ocultarían varios elementos correspondentes ao Shivalingam ou outro monumento.

As acusacións de Oak non son aceptados polos especialistas, mais estes mitos teñen sido igualmente utilizados por varios activistas do nacionalismo hindú.

No 2000 a Supremo Tribunal de Xustiza rexeitou as peticións de Oak relativas á declaración de orixe hindú do Taj Mahal, e condenouno a pagar os custos xudiciais [18]. De acordo con Oak, o rexeitamento polo goberno indio da súa petición é parte dunha conspiración contra o hinduísmo.

Cinco anos despois, o tribunal de Allahabad rexeitou unha petición similar, neste caso interposta por Amar Nath Misrah, un pregador que asegura que o Taj Mahal foi construído polo rei hindú Parmar Dev en 1196[19].

Visións do Taj Mahal editar

 
Vista do Taj Mahal a partir do forte de Agra.

Ao longo dos séculos o Taj Mahal inspirou a prosa de viaxantes, escritores, e outras personalidades de todo o mundo, colocando en relevo a gran carga emocional que representa o monumento:

A pesar dos seus adornos severos, puramente xeométricos, o Taj Mahal flutúa. Na cúpula, a inmensa cúpula, hai algo levemente excesivo, algo que todo o mundo sente, algo doloroso. Documenta a mesma irrealidade. Porque a cor branca non é real, non pesa, non é sólida. Falso abaixo do Sol, falso na claridade da Lua, especie de pez prateado construído polo home cunha tenrura nerviosa.
O Taj Mahal parece a encarnación de todas as cousas puras, de todas as cousas sagradas e de todas as cousas infelices. Este é o misterio de edificio.
Unha lágrima no limiar dos tempos.

Presente e futuro editar

  • Desde 1985 téñense notado inestabilidades na estrutura do mausoleo, incluíndo a inclinación progresiva dos altos minaretes. As principais causas parecen ser a progresiva seca do leito do río Yamuna, modificando o teor de humidade do solo, e a súa capacidade portadora[20].
  • O edificio presenta unha gran fraxilidade ás emanacións industriais moito contaminantes para a atmosfera[21]. Ordes xudiciais determinaron o fin da circulación de vehículos motorizados en redor do complexo.
  • As autoridades de Agra permiten novamente a visita en noites de luar, paseo tradicional polo monumento, que foron prohibidas desde 1984 por receo de atentados da rebelión Sikh daquela época[22]. O mármore branco presenta características de fluorescencia baixo a luz da Lúa.
  • O Taj Mahal foi nomeado o 7 de xullo de 2007 como parte das Novas sete marabillas do mundo. Incontábeis turistas teñen visitado o lugar - máis de tres millóns en 2004[23].
  • Tendo en conta que o complexo inclúe unha mesquita, o acceso os venres permítese soamente a fieis musulmáns.

Notas editar

  1. Porén a data exacta da fin das obras aínda é polémica. O cronista oficial de Shah Jahan, Abdul Hamid Lahori indica que o Taj Mahal estivo acabado a fins de 1643 ou inicios de 1644. Mais na entrada principal unha inscrición indica que a construción foi terminada en 1648. O Estado de Uttar Pradesh, que celebrou oficialmente o 350º aniversario do edificio en 2004, afirma que os traballos finalizaran en 1654.
  2. Mumtāz Mahal ممتاز محل; pronuncia /mumtɑːz mɛhɛl/ que en persa significa «a xoia do palacio», nada en 1593 en Agra
  3. François Bernier "Carta a Mr. de la Mothe le Vayer, escrita en Delhi o 1 de xullo de 1663" - Viaxes no Imperio Mogol, 16757-1668 (Westminster: Archibald Constable & Co.), 1891, p. 293
  4. Char bagh: xardín formal mogol, dividido en catro seccións
  5. Paraíso é unha palabra de etimoloxía persa; paridaeza que significa xardín murado
  6. jawab significa «resposta»
  7. Iwan significa un portal saliente dos edificios persas e mogois.
  8. A técnica de trazaría consiste na gravación dun canal na pedra e logo colocar unha delgada capa de estuque e cores na superficie. Finalmente límpase a pedra e fica soamente o material dentro da incisión.
  9. As plumas e táboas de escritura eran figuras tradicionais dos funerais mogois, para decorar as urnas de homes e mulleres.
  10. William J.Hennsey, Director do Museo de Arte da Universidade de Michigan, Libro Mundial IBM 1999, e Marvin Trachtenberg e Isabelle Hyman. Architecture: from Prehistory to Post-Modernism. pg.223
  11. ISBN 964-7483-39-2
  12. Quen deseñou o Taj Mahal (en inglés)
  13. A sinatura de Amanat Khan está na entrada do complexo ao pé das inscricións
  14. Debe terse en conta, non obstante, que calquera comparación baseada no valor do ouro entre distintas épocas resulta á partida moi inexacta.
  15. Roselli, J: Lord William Benting, facedor do liberalismo imperial, 1774-1839, London Chatto & Windus para a editoria lda Universidade de Susex, 1974, pg. 283
  16. "De cidades e rexións". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2012. Consultado o 03 de febreiro de 2008. 
  17. "O Taj Mahal é Tejomahalay — un templo hindú". Arquivado dende o orixinal o 17 de maio de 2011. Consultado o 03 de febreiro de 2008. 
  18. "Supremo Tribunal rexeita pedido de Oak". Arquivado dende o orixinal o 15 de febreiro de 2005. Consultado o 03 de febreiro de 2008. 
  19. "Rexeitamento do tribunal de Allahabad". Arquivado dende o orixinal o 14 de xuño de 2006. Consultado o 03 de febreiro de 2008. 
  20. "Os minaretes do Taj en perigo". Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2008. Consultado o 03 de febreiro de 2008. 
  21. En defensa do Taj Mahal
  22. .O Taj Mahal volta a brillar á noite Arquivado 11 de outubro de 2007 en Wayback Machine.
  23. Segundo informacións da BBC

Véxase tamén editar

Ligazóns externas editar