En física de partículas, a supersimetría é unha teoría que relaciona as propiedades dos bosóns e os fermións como aspectos de propiedades máis xerais que se dan en determinadas condicións. Aínda que non foi verificada experimentalmente polo momento (debido ás grandes enerxías necesarias), é parte fundamental de moitos modelos teóricos, incluíndo a teoría de supercordas. A supersimetría tamén é coñecida polo acrónimo inglés SUSY.

Segundo o modelo estándar da física de partículas, a materia está formada por fermións (á súa vez divididos en quarks e leptóns), mentres que as partículas que transmiten as catro forzas fundamentais da natureza (gravidade, interacción nuclear forte, interacción nuclear débil e electromagnetismo) entre as partículas materiais, son bosóns. Posto que se postula que as catro forzas derivaron dunha soa que se manifestaba ó comezo do universo, a supersimetría intenta explicar o porqué desa separación e forma parte da Teoría do todo.

Segundo esta teoría, a cada partícula correspóndelle unha compañeira supersimétrica nas que interactúan, de tal xeito que cada bosón ten unha compañeira fermión e viceversa. As compañeiras supersimétricas dos fermións son bosóns e reciben nomes que comezan coa letra s. Así o electrón ten como compañeira o selectrón, e os quarks, os squarks. As compañeiras dos bosóns son fermións con nomes que terminan en -ino, así a do fotón é o fotino e a do gravitón, o gravitino.

Debido á separación das catro forzas, as compañeiras supersimétricas, se existen, terían masas enormes, o que explica que non se observen facilmente na natureza. Algunhas partículas supersimétricas, como o neutralino, poderían explicar o problema da materia escura do universo.


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo sobre física é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.
 Existen igualmente outros artigos relacionados con este tema nos que tamén podes contribuír.