Sun Yat-sen

líder nacionalista e republicano chinés (1866–1925)

Sun Yat-sen (chinés simplificado: 孙逸仙pinyin: Sūn Yìxiān / chinés simplificado: 孙中山pinyin: Sūn Zhōngshān / chinés simplificado: 孙德明pinyin: Sūn Démíng), nado o 12 de novembro de 1866 en Cuiheng, actual Zongshan e finado o 12 de marzo de 1925, foi un líder nacionalista e republicano chinés. Está considerado, tanto pola República Popular da China como pola actual República da China (Taiwán) como o pai da China moderna.

Sun Yat-sen
孫文
孫中山
孫逸仙
Sun Yat-sen
Retrato de Sun Yat-sen

Presidente da República da China.
1 de xaneiro de 1912 – 1 de abril de 1912
Vicepresidente Li Yuanhong
Sucedido por Yuan Shikai

Datos persoais
Nacemento 12 de novembro de 1866 Guangdong Imperio Qing
Falecemento 12 de marzo de 1925 (58 anos) Pequín
Partido Kuomintang (KMT)
Parella Lu Muzhen (1885-1915)
Kaoru Otsuki (1903-1906)
Soong Ching-ling (1915-1925)
Chen Cui-fen (1892-1925)
Fillos Sun Fo
Profesión Avogado e político
Alma máter Queen's College
Punahou School
ʻIolani School
Hong Kong College of Medicine for Chinese
Boji Medical College
Relixión Congregacionalista

Na rede
IMDB: nm0838998 Facebook: sun.yat.sen Musicbrainz: 3d37ec30-ed74-4dc2-8581-eb849c5fc832 WikiTree: 孫-1 Find a Grave: 7052323 Editar o valor em Wikidata
Sinatura Sinatura de Sun Yat-sen

Nome editar

Non se pode falar dun nome único na tradición chinesa, na que ata entrado o século XX era habitual adoptar distintos nomes ao longo da vida. O máis parecido a un nome real sería o nome con que o inscribiron nos rexistros xenealóxicos da súa familia, que foi 孫德明. Este chamado nome de rexistro (譜名, pǔmíng) era o nome con que o coñecían os seus parentes e o utilizado en circunstancias formais, como cando casou.

O primeiro carácter chinés do nome de bautismo, dé (德), é o carácter de xeración que compartía con seu irmán e os seus parentes da mesma xeración. Na tradición chinesa, este nome non se utiliza fora do círculo familiar. De feito poucas persoas na China coñecen por este nome a Sun Yat-sen, por outro lado, outras personaxes históricas coma Mao Zedong si pasaron á historia co seu nome de rexistro.

Porén este non foi o nome que se lle deu ao nacer, na China era tradicional que as familias agardaran certo número de anos antes de dar un nome definitivo aos seus fillos. Entre tanto utilizabase o chamado nome de leite (乳名, rǔmíng) que se asignaba no momento do nacemento e era coñecido so pola familia máis próxima. Así o nome que recibiu Sun Yat-sen ao nacer foi Sūn Dìxiǎng(孫帝象), nome de connotacións relixiosas formado polos caracteres 帝, dì, deus supremo e 象, xiǎng, elefante.

Aos dez anos ingresou na escola da aldea, onde se lle deu o nome de escola (學名, xuémíng). Este acostumaba ser o nome principal da persoa, excepto cando a persoa se volvía maior e os mozos debían chamalo polo nome de cortesía. O nome de escola de Sun Yat-sen foi Wén (文), e así, como Sun Wen, foi coñecido pola maior parte da xente na primeira época da súa vida, e polo tanto cando comezou a súa actividade revolucionaria.

En 1883, aos 17 anos de idade, recibiu o seu bautismo cristián, e coa ocasión adoptou un novo nome, o nome de cortesía (號, hào), que foi Rìxīn (日新, "Renovación Diaria"). Supostamente tomou este nome dunha cita do clásico confuciano O Grande Ensino (大學, dàxué), e foi o nome que utilizaría durante a súa época de estudante en Hong Kong.

Máis adiante, o seu profesor de literatura chinesa escribiu o seu nome coma Yìxiān (逸仙). Aínda que en mandarín as pronunciacións de Rixin e Yixian son moi diferentes en cantonés ambos teñen a mesma pronunciación: Yat-sen. Este pronunciación cantonesa do seu nome era a habitual cando se deu a coñecer entre occidentais, o cal fixou o seu nome en Occidente coma Sun Yat-sen, curiosamente hoxe en día na China ninguén o coñece coma Sun Yixian ou Sun Rixin, nin tampouco coma Sun Yat-sen.

Máis adiante escolleu un nome de cortesía (字, zì): Zǎizhī (載之) baseado no seu nome de escola Wen, porén este nome foi pouco utilizado e apenas é coñecido.

En 1897 Sun Yat-sen chegou ao Xapón, ao rexistrarse no hotel no que se hospedaba un amigo seu rexistrouno co apelido xaponés Nakayama (中山) para ocultar a súa identidade, xa que era buscado pola policía xaponesa. Polo visto o seu amigo teríase fixado de camiño ao hotel no rótulo que penduraba do Pazo do marqués de Nakayama, preto do Parque Hibiya en Toquio. A partir dese momento foi coñecido durante o resto da súa estancia no Xapón coma o Sr. Nakayama.

Os caracteres de Nakayama pronúncianse Zhōngshān en chinés mandarín, e este sería o seu nome entre os republicanos chineses após a caída da dinastía Qing. Curiosamente, mentres Nakayama o usou coma apelido no Xapón, pasou a usalo coma nome propio na China, xunto co seu apelido auténtico Sun. Así pasou a ser coñecido por tódolos chineses das xeracións futuras coma "Sun Zhongshan". Zhongshan significa "montaña central", non é un nome habitual na China, o que reforza o carácter único de Sun Yat-sen e engade o simbolismo do significado de "montaña central", que evoca o seu papel de alicerce da fundación da nova China.

En 1940 o Kuomitang concedeulle a título póstumo o nome de Guófù (國父, "Pai da Patria"), nome utilizado habitualmente en Taiwán. Na República Popular da China en cambio coñécese ás veces coma Precursor da Revolución (革命先行者, Gémìng Xiānxíngzhě).

Traxectoria editar

Inicios editar

De orixe humilde naceu na vila de Cuiheng, entón no distrito de Xiangshan, trala súa morte a cidade e o distrito de Xiangshan adoptaron o nome chinés máis habitual de Sun Yat-sen, Zhongshan. No momento do nacemento de Sun Yat-sen dependía da prefectura de Cantón pero na actualidade é unha prefectura independente.

Emigrou para Hawai, onde se reuniu cun irmán seu, conseguindo estudar medicina en Honolulu nunha escola de misioneiros ingleses, onde recibiu unha educación fortemente marcada por unha orientación racionalista e positivista de matriz occidental e pola fe no progreso tecnolóxico e científico.

De volta na China, totalmente alleo á tradición cultural confuciana, fixo campaña pública contra a tradición e a superstición, porén fronte da reacción violenta do campesiñado tivo que se refuxiar en Hong Kong en 1883, onde rematou os seus estudos e obtivo o diploma que lle permetía exercer a medicina en 1892. Convertido ao cristianismo, adoptou un novo nome: Rixin.

Aínda que comezou aliñado cos partidarios dunha monarquía constitucional, en 1894 fundou a Sociedade para a rexeneración da China cuxo obxectivo político era o derrocamento da dinastía Quing e a chegada dun réxime democrático. Participou no golpe de estado fraguado en Cantón en setembro de 1895, o que provocou o seu exilio. En 1896 foi secuestrado en Londres por axentes da embaixada imperial chinesa

No Xapón funda en 1905 a Sociedade da Alianza e en 1911, en Guandong, o Partido Nacionalista Chinés ou Quomintang.

Goberno revolucionario editar

Após o levantamento de Wuchang, que provocou a caída do derradeiro Emperador, volveu para a China e foi designado primeiro presidente provisional da República Chinesa o 29 de decembro de 1911. Sun Yat-sen non controlaba o norte do país, nas mans das forzas de Yuan Shikai, que arelaba ser un novo emperador. Sun Yat-sen accedeu a que aquel ocupase a presidencia, a fin de unificar a nación e coa esperanza de desprazalo do poder a curto prazo. Fracasado neste intento, Sun Yat-sen volveu de novo para o exilio en 1913.

Volveu para a China en 1917, onde organizou un goberno que controlaba un escaso territorio, e traballou por reunificar o país. Fundou a academia militar de Whampoa onde colocou ao seu colaborador Chiang Kai-shek. Procurou que o seu partido colaborase co Partido Comunista Chinés para acadar uns obxectivos comúns de democratización e reformas socioeconómicas.

Finou, vítima dun cancro cando se dirixía a Beijing a negociar a unificación. Os seus Tres principios do pobo: Democracia, nacionalismo e benestar, seguen a ser referentes nas dúas Chinas actuais.

Ideoloxía editar

A súa doutrina política, de profundo carácter nacionalista, desenvólvese na política dos Tres principio do pobo, nacionalismo, democracia e benestar do pobo. Con estes principios como base ideolóxica, Sun pretendía facer da China un país independente, próspero e forte, tentando equipararse coas grandes potencias do momento, os Estados Unidos, Reino Unido e Francia. Estes principios básicos, con postulados similares aos que inspiraron as teorías comunistas de Mao Tse Tung, foron a base da Constitución da República da China de 1947 e que aínda segue vixente na illa de Taiwán.

Galería de imaxes editar


Predecesor:
Ningún
 Presidente da República da China 
1912
Sucesor:
Yuan Shikai

Véxase tamén editar

Outros artigos editar

Ligazóns externas editar